Luns 29 Abril 2024

O Obradoiro foi un laboratorio co Consello da Cultura Galega

A xornada reuniu en Santiago a alumnado de secundaria para visibilizar os programas STEMBach e os Clubes de Ciencia

Son novos, gustan da ciencia e dos experimentos e cursan secundaria nun dos máis de douscentos centros que existen en Galicia. Este é o perfil do centenar de estudantes que durante a xornada deste mércores se converteron en improvisados relatores na cita do Consello da Cultura Galega chamada “Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach”. O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) e a praza do Obradoiro foron improvisados laboratorios nos que se visibilizaron algunhas actividades que se fan no marco dos programas de STEMBach e dos Clubes de Ciencia.

Javier Zunzunegui, Rosario Alvarez, Elena Vazquez Cendón e Manuel Porta.

“A ciencia estivo na preocupación da institución desde o principio” explicaba a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no inicio da xornada que puña os ollos nos máis novos e no ensino. “O noso interese é esférico porque a cultura está en todos os lados” engadiu.

Publicidade

Esta cita tiña un obxectivo dobre: homenaxear o pasado do ensino científico no noso país, pero tamén exhibir a realidade actual neste eido. Canda a Rosario Álvarez estaba o coordinador da xornada Javier Méndez Zunzunegui; o director do Xelmírez I, Manuel Portas; e a responsable da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, quen recoñeceu que “esta xornada que nos permitiu traer aos futuros científicos e científicas é un soño longamente acariñado”. Trala súa inauguración os escolares convertéronse nos auténticos protagonistas.

Da teoría á práctica

Todos os experimentos e investigacións que se exhibiron hoxe son o froito de dous programas desenvolvidos pola Xunta de Galicia.  Julia Martínez, asesora STEM da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional debullou as características destas propostas, que  son relativamente recentes: “O Club de ciencia comezou no curso 2016/2017 e é un programa de innovación educativa. Pretendía dar cabida ao que xa se facía nos centros e achegar recursos aos centros que permitía xuntar unha serie de variables: fuxir da presión do exame, espertar a creatividade… e fomentar as vocacións científicas”.

Alumnas executan un experimento no Consello da Cultura Galega no pazo de Raxoi. Foto CCG.

O outro programa, o STEMBach, comezou a andar no curso 2018-2019  e conta con accións dirixidas a centros, alumnado, familias e profesorado. Nesta última iniciativa encadrouse unha das investigacións que se presentaron na xornada: a de Yago Barriuso, do IES Rosalía de Castro, que analizou o estudo da actividade bioquímica dos parques de Santiago con bolsas de té.

E tamén a investigación “Condicións medioambientais nas zonas fluviais limítrofes coa mina de Touro”, de Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo, do IES Xelmírez I de Santiago. Este traballo, que analizou mostras nos laboratorios da Facultade de Química da USC, concluíu que as augas próximas á mina de Touro están contaminadas e impiden sobrevivir á maioría dos organismos. Esta experiencia, recoñecida co Premio Stephen Hawking, é unha das investigacións IES Arcebispo Xelmírez I.

Trala exposición teórica chegou o momento da experimentación. O alumnado do IES Sánchez Cantón, do Arcebispo Xelmírez I, do CPI dos Dices e do IES David Buján de Cambre converteron o salón de actos do CCG nun improvisado laboratorio no que fixeron slime caseiro, baños de moedas, estouparon globos con pel de laranxa.. entre moitas outras propostas. Os experimentos máis vistosos fixéronse na praza do Obradoiro, onde houbo espazo para as pompas de xabón xigantes, foguetes de auga e tambores de aire comprimido.

Os antecedentes

A xornada contaba tamén cunha parte de homenaxe aos gabinetes científicos, os antecesores de todos estes programas científicos. Esta homenaxe tivo dúas partes, o relatorio de Rafael Sixto, docente de Física e Química e doutorado en Ciencias da Educación pola USC que deu un salto no tempo para explicar os inicios do ensino secundario na segunda metade do século XIX, cando se crearon laboratorios de química e gabinetes de física e historia natural que permitían implementar un ensino máis experimental nas aulas.

A xornada encheu o salón de actos do Consello da Cultura Galega.

A segunda parte foi unha visita ao laboratorio e á biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez, un dos seis centros históricos que existen en Galicia, e que este ano cumpre 175 anos. A visita permitiu trazar a frutífera relación entre aqueles espazos experimentais e as bibliotecas dos centros, que dan acubillo a tratados de física, compendios de matemáticas ou enciclopedias. Hoxe en día existen seis institutos históricos que contan cun importante patrimonio arquitectónico, bibliográfico e científico.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade

A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas.

Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica