Revelan os factores de risco de morrer polo coronavirus

Investigadores chineses presentan o maior estudo sobre a enfermidade, publicado na prestixiosa The Lancet

As imaxes microscópicas do coronavirus SARS-COV-2.

IMPORTANTE: O que todos podemos facer para frear o coronavirus

O maior estudo realizado ata hoxe revela os factores de risco de morte polo novo coronavirus SARS-COV-1. A idade, os problemas de coagulación e a sepsis ou septicemia (unha infección xeneralizada por un patóxeno) ​son os principais factores de risco de morte por este coronavirus. Por primeira vez, os investigadores describen o seguimento do cadro clínico de 191 pacientes con COVID-19 que foran ingresados en dous hospitais da cidade chinesa de Wuhan e cuxos resultados foron publicados na revista The Lancet esta semana.

Dos 191 pacientes en estado grave que forman parte deste estudo, 137 foron dados de alta e 54 morreron no centro hospitalario. Entre as persoas que faleceron, a media de idade era de 69 anos mentres que a dos dados de alta foi de 52 anos. O equipo subliñou que a metade dos pacientes -91 en total- tiñan ademais condicións crónicas subxacentes, sendo as máis comúns a hipertensión e a diabetes, aínda que sinalaron que o tamaño da mostra podería limitar a interpretación dos resultados. Segundo os autores, a partir de 70 anos, hai un 10% máis de risco de morte por cada ano por riba que teña o paciente.

“Os peores resultados nas persoas maiores poden deberse, en parte, ao enfraquecemento do sistema inmune relacionado coa idade e ao aumento da inflamación, que podería promover a replicación viral e respostas máis prolongadas á inflamación, causando danos duradeiros no corazón, o cerebro e outros órganos”, explicou o coautor do estudo, o doutor Zhibo Liu do Hospital Jinyintan.

O risco de morte medra coa idade e a media dos falecidos era de 69 anos

Segundo explicaron, ademais dos factores de risco, os investigadores sinalaron dous factores técnicos que poderían permitir aos médicos identificar os pacientes cun mal prognóstico desde etapas temperás. Un deles é ter uns niveis altos de puntuación na escala SOFA (mide o estado do paciente durante o seu ingreso en unidades de coidados intensivos) e ter valores altos na proba do dímero D que supón problemas de coagulación sanguínea.

O estudo describe o cadro completo da progresión do coronavirus e conclúe que a duración media da febre foi nos pacientes duns 12 días naqueles que sobreviviron, un período similar nos falecidos. Con todo, a tose pode durar moito tempo: o 45 % dos pacientes aínda tiñan a tose ao ser dados de alta, segundo este estudo que tamén pon de manifesto que nos sobreviventes a disnea -afogo ou dificultade na respiración- cesou despois duns 13 días, pero durou ata a morte nos que non sobreviviron á enfermidade do Covid-19.

Estas son as medidas e consellos a ter en conta para frearmos o coronavirus

Con relación á excreción do virus, o traballo indica que a duración media desta foi de 20 días nos sobreviventes e que o coronavirus foi detectable ata o final nas persoas falecidas; a excreción prolongada do virus suxire que os pacientes aínda poden ser capaces de propagar o Covid-19, por iso non recomendan darlles de alta ata que a proba resulte negativa en coronavirus.

O estudo tamén ilustra o momento da aparición de diferentes complicacións, como sepsis, síndrome de dificultade respiratoria aguda ( SDRA), insuficiencia cardíaca aguda, insuficiencia renal aguda e a infección secundaria.

Liberación do virus
Os investigadores achegaron neste estudo novos datos sobre a diseminación (dispersión) do virus na que a duración media da liberación é de 20 días nos sobreviventes (de 8 a 37 días), mentres que se detectou o virus ata a súa morte nos 54 que faleceron.

O coautor principal do estudo, o profesor Bin Cao do Hospital de Amizade China-Xapón e a Universidade Capital Medical de China, explicou que a liberación viral que observaron no estudo é importante para guiar as decisións sobre as precaucións para tomar durante o illamento e o tratamento antiviral en pacientes con COVID-19, e engade que “o tempo de liberación viral non debe confundirse coa guía de autoaislamiento para persoas que poidan estar expostas ao virus pero que non teñen síntomas, xa que esta guía baséase no tempo de incubación do virus”.

Durante o estudo, os investigadores chineses compararon os rexistros clínicos, os datos de tratamento, os resultados de laboratorio e os datos demográficos entre as persoas que sobreviviron e as que non.

Ademais, analizaron os cambios nos resultados de laboratorio durante a hospitalización (por exemplo, exames de sangue, radiografías de tórax e tomografías computarizadas), ademais de usar modelos matemáticos para examinar os factores de risco asociados coa morte no hospital.

Aquí podes consultar a investigación publicada na revista The Lancet

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.