Juan Gestal: “Veremos en Galicia as medidas de Madrid ou País Vasco, sen ningunha dúbida”

O Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC anticipa que "o comportamento individual será crucial" para reducir os casos

IMPORTANTE: O que todos podemos facer para frear o coronavirus

Hai que mirar moi atrás para lembrar medidas tan drásticas destinadas a evitar a propagación dunha doenza. Despois de que a cidadanía de Italia e a provincia chinesa de Wuhan se vira obrigada a recluírse na casa para frear o número de afectados polo coronavirus SARS-CoV-2, o aumento de casos en España, e a súa posible repercusión tamén en Galicia, pon enriba da mesa un escenario que preocupa e que, en cuestión de días, levou a tomar contundentes decisións ás autoridades. Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947), Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, avanza que se ben o impacto da Covid-19 na poboación será importante, “o comportamento individual será crucial para conseguir que esta pandemia nos produza o menor dano posible“.

Publicidade

– Coas noticias das últimas horas, en que punto nos atopamos?

– Tras os primeiros casos importados nunha comunidade, a duplicación de casos tarda catro ou cinco días, e a medida que se vai difundido na comunidade o virus, van aparecendo cada vez máis, casos nos que non se encontra o paciente que os infectou. Isto é debido a que a maioría das infeccións ocasionan casos leves e incluso subclínicos que non sabemos se transmiten, como tampouco sabemos se os casos xa son transmisores nos últimos días do período de incubación. Cando aumentan os casos nos que non se coñece a fonte de infección estamos nunha situación de transmisión comunitaria. Isto é o que ocorreu estes días pasados en Madrid, Vitoria e Haro.

Publicidade

Cando isto ocorre, deben adoptarse medidas de illamento social a maior escala que diminúan os contaxios, para evitar que se produzan picos de casos que podan colapsar o sistema sanitario. Isto é o que se pretende conseguir coas medidas que estableceu o goberno nesas comunidades autónomas e algunhas máis a nivel nacional.

“Cando chega a transmisión comunitaria, deben adoptarse medidas de illamento social a maior escala”

– Veremos en Galicia as medidas que se están tomando en zonas de España e Portugal, como Madrid ou o País Vasco?

– Sen ningunha dúbida. En canto se estableza en Galicia a transmisión comunitaria sostida,  o que seguramente non demorará moito, iranse adoptando as mesmas medidas.

– Recomendaría nalgúns casos a corentena voluntaria?

– Nas persoas que sospeiten que poidan estar iniciando a enfermidade deben canto antes auto illarse e solicitar asesoramento ao 061, que decidirá se o considera un caso sospeitoso e lle envía unha equipa a casa para a toma de mostras e secreción rinofarínxea. Este illamento inicial é moi importante para evitar contaxiar aos familiares, e non acudir nun primeiro momento ao hospital nin ao centro de saúde para evitar contaxiar alí ao persoal sanitario e a outros pacientes.

– E respecto ás persoas maiores e outros grupos de risco?

– As persoas de idade e aquelas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, diabetes, cancro e con enfermidades ou tratamentos inmunodepresores teñen maior risco de sufrir formas mais graves e complicacións polo que deberían adoptar medidas de illamento social para protexerse do contaxio.

– Insístese na calma e na responsabilidade. Por que son imprescindibles?

– O comportamento individual será crucial para conseguir que esta pandemia nos produza o menor dano posible en perdida de vidas e en enfermidade. As autoridades sanitarias e os gobernos teñen isto como o obxectivo máis importante, pero tamén en segundo lugar deben procurar que o dano económico sexa o menor posible. As súas decisións coa posta en marcha de medidas de crecentes de illamento social deben ser obedecidas e non discutidas.

– Pode influír un cambio nas condicións de tempo?

– Todos temos esperanza de que coa chegada do bo tempo, máis quente e con días cada vez máis longos, e por tanto condicións menos favorables para a difusión de enfermidades de transmisión aérea, ao coronavirus lle ocorra o mesmo que a gripe e diminúa. A existencia de un gran número de susceptibles (todos o somos actualmente) podería dificultar que isto ocorra.


Máis información:

Estas son as medidas e consellos a ter en conta para frearmos o coronavirus

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea