Doentes de 'influenza' nun hospital.

Así loitou Galicia contra o virus en 1918: de prostíbulos a hospitais

As medidas de contención de fai un século coa gripe recordan a tensión que hoxe se espalla co coronavirus

IMPORTANTE: O que todos podemos facer para frear o coronavirus

En 1918, Galicia loitou contra o virus nunha crise que recorda a de hoxe. Daquela, a protagonista foi a chamada ‘gripe española’, que deixou en todo o mundo uns 20 millóns de mortos, cifra que algúns estudos elevan a 40 e, mesmo, ata 100 millóns. Hoxe, a emerxencia é o coronavirus SARS-Cov-2, que provoca a enfermidade Covid-19.

Control de transporte público, prohibición de actos en recintos pechados, cancelación de eventos multitudinarios, desinfeccións, peche de comercios e bares… Moitas das ‘medidas de contención‘ que vemos hoxe foron xa ensaiadas hai un século, incluindo daquela outras como a clausura de prostíbulos ou a cancelación do servizo de correo postal en todo o país.

Aquela gripe do 18 reduciu en dez anos a esperanza de vida nos países desenvolvidos. E, a diferenza dos brotes habituais cada inverno, cebouse na xente nova, que falecían entre 3 e 5 días despois dos primeiros síntomas, vítimas dunha ‘tormenta de citocinas‘, un shock do sistema inmunitario.

Aquel outono de 1918 deixou en Galicia milleiros de mortos. En Vigo, foron máis de 600. Na  cidade da Coruña, falan de 569; na provincia de Lugo, faleceron pola gripe máis de 5.000 persoas, 400 delas na capital. E na provincia de Ourense, morreron 145 de cada 10.000 habitantes naquela tempada vírica.

En Vigo, houbo máis de seiscentos mortos, que chegaron a colapsar os cemiterios no outono de 1918. No mes de xuño existía xa certo clima de psicose ante a inminente chegada da enfermidade. Nas noticias dos diarios, podía lerse como avanzaba desde Barcelona e Madrid, cidade a cidade, sen remedio.

O laboratorio municipal tomou medidas cautelares xa no verán, cunha exhaustiva desinfección de locais públicos, como escolas, igrexas, teatros e mesmo prostíbulos no barrio da Ferrería. Pero esta actuación e as sucesivas recomendacións de hixiene non serviron de nada: en setembro xa había en Vigo 53 persoas hospitalizadas pola gripe. E en outubro desencadearíase a máis terrible crise sanitaria. Ao longo do mes, o Concello ordena a desinfección diaria de cafés, hoteis, templos e vehículos de viaxeiros.

Hospital en Houston, nos Estados Unidos, de doentes da gripe española.

Na Coruña, a situación de pánico foi similar. O 19 de setembro, falecía a considerada primeira vítima, Herminia López Iglesias, de 35 anos, filla do propietario do Hotel Gran Oriente, situado na praza de Pontevedra. Entre as autoridades, espallouse o convencemento de que os trasatlánticos que chegaban ao porto tiñan a clave da propagación do virus. E comezaron a ser recoñecidos polo director de Sanidade Exterior todos os pasaxeiros que baixaban a terra, mentres se desinfectaban as súas maletas e petates.

Os xornais da época publican advertencias á poboación: a doenza é de declaración obrigatoria. “É obrigatorio para os médicos, cabezas de familia e rexentes de pousadas, talleres, fábricas, fondas e hospederías, das enfermidades infecciosas” como a gripe”, publica El Correo Gallego en setembro de 1918, que engade que se considerará infracción grave “a ocultación dun ou máis casos de enfermidade contaxiosa”.

Nun artigo titulado “Os xinetes da Apocalipse”, a dirección do xornal lamenta que viven “tempos de guerra, fame, morte e epidemia”.

As desifeccións extendéronse por toda Galicia, tamén nos tranvías, autocares e ferrocarrís. Os reclutas que ían e viñan de facer o servizo militar tamén espallaban a doenza. Na Coruña, houbo un foco moi activo no Rexemento de infantería Isabel A Católica, no cuartel de Atocha. O Hospital Militar coruñés non daba abasto.

As estampas de pánico eran comúns en toda Galicia e sería imposible retratar todas. En Ourense, tivo que habilitarse un hospital de campaña no Círculo Católico de Obreiros, para pasar logo ao edificio dos Maristas. Crearon unha Estación de Desinfección de Roupas e o chamado ‘Hospitalillo’ quedou colapsado de contado.

Na capital ourensá prohíbense os enterros e a propia festa de Defuntos do 2 de novembro de 1918. Ademais, recadan fondos a través dunha “Subscrición para os pobres atacados pola gripe”.

Nas vilas ourensás a situación é aínda máis dramática por falta de medios sanitarios. O xornal La Región refire que en Bande “os médicos están esgotados fisicamente, por efecto das dificultades deste municipio, por ter a poboación moi disemindada para a atención dos enfermos, cuxo número excede de 1500”. (19-10-1918)

En Barbadás, o cronista refire: “Neste pobo a pesar de ser tan san, a epidemia gripal difúndese dunha maneira atroz; hai gran número de persoas atacadas” (23-10- 1918).

En Ribadavia, outra nova relata: “A gripe adquiriu cédula de veciñanza nesta parroquia, coas súas irmás pulmonía, pneumonía e ataques cerebrais, e sen médicos, porque os da vila non veñen. Hai hoxe nesta 130 atacados, 10 deles gravemente. En catro días houbo cinco defuncións. Non se tocan as campás a morto para non poñer en alarma aos que están graves. Isto é a man de Deus que nos visita e fai tremer ás xentes do mundo” (23-10-1918).

O 12 de outubro, en Vigo prohíbese totalmente a celebración de espectáculos de ningún xénero, así como as reunións nos cemiterios, nin sequera para honrar aos mortos. O 16 de outubro, o laboratorio municipal dita a desinfección diaria da correspondencia que chega ao servizo de Correos. Tamén se obriga ao peche de todos os bares e cafés da cidade. E unha orde do 17 de outubro de 1918 establece que se vete o acceso aos tranvías a persoas que aparenten ter febre.

Os mortos cóntanse por decenas todos os días. E a gripe española non distinguirá idades, como tampouco clases sociais. O 8 de outubro morre aos 35 anos de idade, vítima do virus, o marqués de Mos e Valadares, Fernando Quiñones de León, no mesmo pazo de Castrelos.

En toda Galicia, a prensa da época transmite esta situación dramática. Nos xornais de novembro de 1918, lemos os chamados aos galegos para extremar as medidas de hixiene. Entre todos, lembramos o do modesto semanario El Tea, que se publica en Ponteareas, e atopamos “As 16 recomendacións para loitar contra a grippe”.

Recomendacións para a 'grippe' en El Tea.
Recomendacións para a ‘grippe’ en El Tea.

Entre elas, está encalar as fachadas das casas, “non concorrer en lugares pechados onde se aglomeren persoas”, desinfección das habitacións “queimando nelas xofre”, así como “permanecer ao aire libre e ao sol o maior tempo posible”.

As recomendacións, que atopamos tamén noutros diarios, inclúen “facer que os enfermos cuspan en cuspideiras que conteñan auga e sulfato de cobre”, lavar as mans coidadosamente con xabón e alcol, ademais de “facer vida ordenada, sen abusar de alcois nin praceres, alimentándose coidadosamente”.

O último punto destes consellos é o máis revelador: “Non deixarse dominar polo medo, que diminuíndo as defensas orgánicas, facilita a invasión”.

El Ideal Gallego publica tamén outra lista, que inclúe:

-“No interior das vivendas debe terse en ebulición auga na que se colocaron unhas follas de eucalipto”

-“introdución nos ocos do nariz, á mañá e á noite, dunha pequena cantidade de vaselina boricada, mentolada, salolada, resorcinada, etc…”

-“Todo individuo, xa san, xa enfermo, non debe cuspir no chan e, se o fai en escupidera, que teña auga”.

Pero o medo está por todas partes, porque hospitais e cementerios están colapsados en toda Galicia. E os municipios reparten caldo e mantas entre os máis necesitados. No libro La gripe española, de  José María Eiros, María del Rosario Bachiller e Alberto Pérez, as cifras sobre Galicia asustan. De agosto do 18 a abril do 19, rexistráronse en Ourense 145 mortos por cada 10.000 habitantes por mor de problemas respiratorios; uns 127 na Coruña, 110 en Lugo e 89 en Pontevedra, que foi, en conxunto, a provincia menos afectada das catro. A media española foi de 92 mortos de enfermidades respiratorias por cada 10.000 habitantes.

Foi a visita da ‘gripe española’, coñecida inxustamente así en todo o mundo porque España, que non estaba en guerra, facía públicos os datos de mortos mentres as potencias da I Guerra Mundial os censuraban. Aqueles meses de hai exactamente un século foron o outono do pánico en Galicia. E observamos medidas de contención ante unha epidemia que, un século máis tarde, resultan abraiantemente familiares.


Segue aquí a información actualizada sobre o coronavirus:

Galicia prepárase ante un “cambio de escenario” fronte ao coronavirus

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.