Pontevedra xa rexistra máis mortes por cancro de pulmón que o de mama en mulleres

No ano 2024, a provincia galega sumou 159 falecementos por tumor pulmonar, fronte aos 146 causados por carcinoma mamario, segundo datos provisionais do INE

O ano 2024 convértese no primeiro en España no que o cancro de pulmón causa máis mortes entre as mulleres. Segundo os datos provisionais do Instituto Nacional de Estadística, arredor de 6.500 mulleres faleceron por un tumor maligno de traquea, bronquios e pulmón, superando por primeira vez as mortes por cancro de mama. Esta tendencia aínda non se produce en Galicia, agás a provincia de Pontevedra, onde se rexistraron 159 falecementos por cancro de pulmón fronte a 146 por cancro de mama. Segundo o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano Raviña, se o incremento actual continúa, o vindeiro ano Galicia podería experimentar tamén esta inversión de tendencia, situando o cancro de pulmón como o tumor que máis mulleres mata ao ano.

Ruano lembra que esta evolución viña anticipándose dende hai décadas: “A mortalidade por cancro de pulmón en mulleres en España está aumentando dende o ano 2002 a un ritmo aproximado do 7% anual“. Aínda que as cifras galegas amosan unha situación semellante, o cancro de mama continúa a ser, por agora, a principal causa de morte por tumor entre as mulleres, cun total de 448 falecementos fronte a 421 por cancro de pulmón.

Publicidade

Deste xeito, o cancro de pulmón sitúase xa como unha das principais causas de morte tanto en homes como en mulleres. Con todo, cómpre lembrar que estes datos fan referencia á mortalidade, non á incidencia: o cancro de mama segue a ser moito máis frecuente nas mulleres, pero o de pulmón é moito máis letal. “Arredor do 80 ou 90% das persoas diagnosticadas de cancro de pulmón acaban falecendo por esta enfermidade”, explica Ruano.

Unha tendencia en alza

“As cifras triplicáronse nos últimos vinte anos“, explica o catedrático da USC. Entre os factores que explican esta tendencia atópase o consumo masivo de tabaco entre as mulleres, tal e como xa advertira o coordinador do Plan Nacional contra o Cancro, Josep María Borrás. Este incremento tamén se observou noutros países, como Estados Unidos, onde as mulleres comezaron a fumar moito antes ca as españolas. Así, espérase que a mortalidade por cancro de pulmón continúe aumentando nos próximos anos.

Publicidade

En canto á relación entre incidencia e mortalidade, en Galicia existe “un paralelismo bastante estreito”, segundo Ruano. Isto fai pensar que a tendencia observada na provincia de Pontevedra podería estenderse ao resto do territorio en 2025, sumando unha ou máis provincias.

Con todo, o investigador considera que non hai un factor específico que explique os datos de Pontevedra, senón que se trata do reflexo dunha tendencia global. “É probable que en Pontevedra o consumo de tabaco entre as mulleres fose lixeiramente superior ao doutras provincias”, sinala Ruano. Aínda que non é un factor significativo, si apunta cara ao cambio que está a producirse en toda a comunidade.

Os datos por provincias

A mortalidade por tumor de pulmón na Coruña en 2024 ascendeu a 672 persoas, das cales 159 eran mulleres. Pola súa banda, o cancro de mama porovocu 176 falecementos femininos, o que sitúa a esta provincia como a que rexistrou as cifras máis elevadas da comunidade, mesmo por riba de Pontevedra.

En Lugo, o cancro de pulmón causou 43 mortes de mulleres, fronte ás 61 rexistradas por cancro de mama. En Ourense, os datos son semellantes: 60 mulleres falecidas por cancro de pulmón e 65 por cancro de mama.

No conxunto de Galicia, estas cifras tradúcense en porcentaxes moi próximas para ambas causas de morte: o cancro de pulmón representa o 2,54% do total de facelementos femininos, mentres que o cancro de mama supón o 2,70%.

Unha confluencia de factores

O tabaquismo é o factor de risco máis importante que inflúe na mortalidade por cancro de pulmón. Non obstante, Alberto Ruano sinala que se trata dunha “enfermidade multifactorial”: nela inflúen o tabaco, o fume ambiental, a exposición ao radón e a ocupación laboral. Hai profesións tradicionalmente asociadas co cancro de pulmón, nas que antes predominaban os homes, pero que agora tamén integran mulleres. “Isto puido aumentar un pouco a incidencia de cancro de pulmón de orixe ocupacional nas mulleres“, explica.

Pero que se necesitaría para frear este aumento da mortalidade? “Hai que cambiar as leis”, afirma. Aínda que o Consello de Ministros aprobou en setembro un anteproxecto da nova lei antitabaco, que prohibía fumar en terrazas, as medidas propostas non parecían suficientes para reducir a prevalencia do consumo de tabaco dende a perspectiva da saúde pública.

Segundo Ruano, é necesario dificultar o acceso ao tabaco. A Organización Mundial da Saúde (OMS) ten unha estratexia clara, entre a que destaca o aumento de impostos como unha das medidas máis eficaces para reducir o consumo. Ademais, sería clave limitar o acceso ao tabaco entre os máis novos, que adoitan ter menor poder adquisitivo. Leis máis estritas, educación e medidas que dificulten a compra son as ferramentas necesarias para que o cancro de pulmón deixe de ser a primeira causa de morte entre as mulleres.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla