As políticas postas en marcha tras a aplicación do Convenio Marco da Organización Mundial da Saúde para a prevención e control de tabaquismo en España lograron unha importante redución da exposición a esa droga e a desnormalización do seu consumo. Iso si, con diferenzas entre a poboación con máis recursos e con menos. Esa é unha das conclusións da monografía coordinada pola profesora da Universidade de Santiago (USC) Mónica Pérez Ríos.
O documento reflicte grandes desigualdades no consumo desta substancia. A medida que se implementaron as políticas de control e aumentou a conciencia social sobre os seus riscos, “o seu consumo diminuíu nos sectores privilexiados e concentrouse máis nos grupos desfavorecidos, con menos recursos e menor acceso ás estratexias de prevención e abandono”.
A monografía fai balance dos 20 anos de aplicación das medidas de prevención e control do tabaquismo en España e establece que a prevalencia de persoas fumadoras non se reduciu tan rápido como se esperaba. Tampouco se observou un maior incremento do abandono do consumo a partir de 2005.
Resultados desiguais
As desigualdades no consumo de tabaco tamén se reflicten no ámbito xeográfico. Dous estudos recentes analizaron as diferenzas rexionais nos patróns de consumo e de mortalidade en España, e mostran que as comunidades autónomas con menor PIB, como Estremadura e Andalucía, presentan historicamente unha maior prevalencia de consumo. Ademais, tamén manteñen unha taxa de mortalidade atribuída ao uso desta substancia máis alta na poboación masculina.
O informe foi elaborado polo grupo de traballo sobre tabaco da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE), que coordina a profesora da USC Mónica Pérez Ríos. O estudo deu soporte ao anteproxecto aprobado no Consello de Ministros o 9 de setembro polo que se modifica a Lei 28/2005 de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, o subministro, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco. No grupo tamén participan os profesores da USC Julia Rey Brandariz e Agustín Montes, ademais da doutoranda da área Carla Guerra Tort.














