Celtas ou romanos? Viaxe ás raíces da identidade galega

O noso pasado celta é innegable, pero o peso de Roma na nosa identidade é maior do que ás veces se cre

A pregunta leva anos formando parte dos debates de historia: os galegos e as galegas, somos celtas ou somos romanos? A imaxe dos nosos antepasados con torques ao pescozo e vivindo en castros nos cumios máis altos da nosa terra leva décadas instalada no imaxinario colectivo. No século XIX, Manuel Murguía contribuíu a darlle máis pulo a esta idea, destacando as orixes celtas de Galicia, unha orixe que xa era considerada desde o século XVII. Con todo, cando se lle pregunta á historia e á arqueoloxía, a resposta complícase. Porque, malia que o noso pasado celta é innegable, o peso de Roma na nosa identidade é maior do que ás veces se cre.

“É un tema extraordinariamente complexo. Eu creo que a idea que ten a maior parte da xente, e isto a pesar dos avances que houbo na investigación, é que nós, a pesar de que non hai dúbida de que fomos conquistados por Roma e formamos parte do Imperio Romano, practicamente non cambiamos nada. É dicir, os romanos non nos transformaron”, comenta Dolores Dopico, profesora do Departamento de Historia Antigua da USC. “Isto pénsase sobre todo porque o que ve a maior parte da xente é que nesa época seguimos vivindo en castros. Con todo, a maior parte da cultura material —o tipo de asentamentos, de cerámica, de ornamentacións— que chegou ata nós e da que bebemos hoxe, non é celta. É dicir, podemos dicir que tivemos influencias deste pobo, pero non podemos dicir que somos celtas”.

Publicidade

Para Dopico, outra das grandes razóns pola que en Galicia a maior parte das persoas seguen pensando que Roma non tivo influencia en nós, é o feito de que se adoita asociar a romanización con grandes restos monumentais. Edificios emblemáticos, como o teatro de Mérida ou o acueduto de Segovia acostuman ser no que se pensa cando imaxinamos a pegada deste Imperio nas cidades. Con todo e aínda que en menor medida, en Galicia si que existen exemplos disto, como pode ser a Torre de Hércules ou Lucus Augusti, a actual Lugo.

“É que antes da chegada de Roma, no noroeste non había cidades. Lucus Augusti foi fundada directamente polo poder imperial, igual que ocorreu na Galia ou en Bretaña. Non foi unha aldea que medrase, é que xurdiu de cero”, destaca Dopico. “ E despois está tamén o cambio político. Coa chegada de Roma, adoptamos o dereito romano, pagamos impostos, ata comezamos a usar determinados materiais de construción e empezamos a comer certos alimentos que antes non se tiñan en conta”, lembra.

Publicidade

E está tamén a lingua que falamos. O mundo castrexo era ágrafo. Non escribía. Roma trouxo o latín, unha lingua que permitía expresar ideas abstractas e que chegou ata nós a través da escritura. Grazas a ela, hoxe conservamos inscricións funerarias tan humanas como a dunha nai de Lugo que chama ‘infeliquísima’ á súa filla falecida aos 18 anos. Mesmo o noso nome, Galicia, é herdanza romana: Gallaecia, é o termo co que o Imperio bautizou este territorio castrexo, que co tempo se convertería no que utilizamos hoxe.

Celtas si, pero non só

Gallaecia era un máis dos moitos pobos que había no noroeste da Península, pero os romanos tomaron o seu nome para denominar toda esta área”, engade Dopico. “Así que foron eles os que realmente deron unha certa identidade a esta zona que tiña unha cultura común, a castrexa, que chegaba ata o Duero. É dicir, a Galicia actual e un pouco máis”.

Os elementos celtas están aí, pero non definen por completo a nosa historia. Para expertas como Dopico non somos un ‘celtismo puro’, senón unha mestura de influencias, con Roma como un dos piares principais.

“Claro que temos elementos celtas. Pero non podemos identificarnos cun celtismo puro e duro”, recalca Dopico. “O que somos é o resultado de moitas influencias. E por suposto que fomos conquistados por Roma que eran imperialistas e se aproveitaron de nós. Pero tamén nos deixaron outras cousas. E aínda que o pasado non podemos cambiar, si podemos decidir que queremos ser no futuro. E iso é importante. Poder decidir que valores queremos manter e transmitir”.

En definitiva, Galicia é un mosaico formado por celtas, romanos e moito máis. É unha terra feita de capas, de influencias, de historias cruzadas. E a súa identidade, coma a súa historia, segue aberta e aínda está por escribir.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

3 COMENTÁRIOS

  1. Hércules?
    Moi dubidoso que aquí chegara…
    E non se chamaba así…
    O seu nome era Heracles…
    Era grego,non romano.
    Que os romanos nomearan a Gallaecia tampouco é certo…
    Antes o fixeron outros…
    Fenicios e gregos…
    Estes últimos,os gregos,foron os que nos alcumaron kallaikoi ( galaicos)
    Os romanos eras bós enxeñeiros e militares…
    Das cousas da ciencia, filosofía e teoloxía…
    Limitáronse a apropiarse das do Povo grego…
    A cada um o seu
    Xa abonda con Walt Disney

  2. Hércules?
    Moi dubidoso que aquí chegara…
    E non se chamaba así…
    O seu nome era Heracles…
    Era grego,non romano.
    Que os romanos nomearan a Gallaecia tampouco é certo…
    Antes o fixeron outros…
    Fenicios e gregos…
    Estes últimos,os gregos,foron os que nos alcumaron kallaikoi ( galaicos)
    Os romanos eras bós enxeñeiros e militares…
    Das cousas da ciencia, filosofía e teoloxía…
    Limitáronse a apropiarse das do Povo grego…
    A cada um o seu

  3. O típico discurso de “brutos castrexos” ata ROMA. E “cultura castrexa” porque vivían en castros… (menos mal que non vivían en cabanas nas árbores: “cultura arborexa”? Prefiro non darlles ideas). Pero, eso si, “muy romanos y muy romanizados” por “una, grande y civilizadora ROMA”: a tópica teima anticeltista propia da Academia arqueolóxica e historiográfica galega dende os 80´s (na USC, CCG, IEGPS, etc.). O vídeo xa está sesgado en orixe visto o historial de publicacións e colaboracións da profesora. E o de pór só a opinión dunha das partes do debate é darlle unha veracidade ao seu discurso pouco menos que nula…
    Antes de Roma as tribos dos galaicos (si, os galaicos eran un máis dos pobos celtas do noroeste pero os romanos déronlle o seu nome ao resto das tribos por algo: a súa feroz resistencia a ser romanizados) xa tiñan arte, leis, lingua, identidade, arquitectura, usos e costumes de seu, de nós, e os máis deles eran celtas, dos celtas desta parte do Atlántico (distintos aos celtas da Armórica ou aos celtas de Irlanda, tamén distintos entre eles).
    Negar a celticidade da Galiza ou minimizala é unha aberración ao nivel de negar o reino da Galiza ou outras etapas históricas galegas. E non é algo inocente: estes discursos invisibilízanos na historia e acáenlle ao milímetro a nosa negación coma nación diferenciada dentro da peninsula ibérica. Quérennos romanos, mediterráneos, visigodos, casteláns e “acougadiños”… Aínda menos mal que cada vez máis, moit@s de nós xa non comulgamos con máis rodas de muíño.

    p.d.: recomendo a lectura, menos sesgada, do libro do profesor da USC, Francisco Xavier González García, “Celtas, castrexos e romanos. Á procura dun pasado na historia de Galicia”, ed. XERAIS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución

O CiQUS obtén o selo de Unidade de Excelencia María de Maeztu

O centro da USC recibirá arredor de tres millóns de euros para os próximos catro anos a través do recoñecemento do Ministerio de Ciencia

O investigador Cristóbal Pérez súmase ao CiQUS para impulsar a espectroscopía molecular

O científico ten unha traxectoria recoñecida a nivel internacional no deseño e aplicación de instrumentación avanzada para estudar a estrutura e dinámica de sistemas moleculares complexos

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias