Exeria, a primeira peregrina e escritora da Gallaecia: “É unha auténtica bomba cultural”

O xornalista Manuel Gago coordina unha xornada do Consello da Cultura Galega sobre as mulleres na antigüidade tardía

Hai 1.600 anos, nalgún punto indeterminado da provincia romana da Gallaecia, naceu Exeria, unha muller con tantas luces como sombras. Pasou ás páxinas da historia por ser a primeira peregrina e, tamén, a primeira escritora das letras de Galicia. O seu legado está única e exclusivamente composto por Itinerarium Egeriae, un manuscrito epistolar sobre a súa peregrinación dende a Gallaecia ata a Terra Santa. “Exeria é unha auténtica bomba cultural da Europa de finais do século IV e principios do V”, asevera o xornalista Manuel Gago, coordinador dunha xornada que se celebrará este xoves no Consello da Cultura Galega (CCG) sobre as mulleres da Gallaecia na antigüidade tardía, con especial énfase na relevante e inesquecible figura de Exeria.

O seu Itinerarium Egeriae, probablemente escrito entre os anos 381 e 384, está redactado en latín, é puramente descritivo e ten forma de epístolas. En resumidas contas, é un claro antecedente da literatura de viaxes. “Non é un tratado sobre a Biblia que puidera escribir un bispo ou un estudoso; é un texto no que se conta unha viaxe. Non hai grandes reflexións porque a autora o único que busca é describir”, matiza Gago. A voz peregrina de Exeria é, por tanto, a antesala dun elemento chave da cultura occidental: visitar os lugares onde suceden as cousas. No caso desta muller procedente da Gallaecia, coñecer os espazos que aparecen nos Evanxeos.

Publicidade

De muller a muller

Con todo, o seu Itinerarium Egeriae non estaba escrito para todo o mundo, senón que tiña un claro público obxectivo: as dominae sorores. É dicir, o texto vai dirixido ás súas irmás e compañeiras pero non nun sentido familiar, senón “fraternal e relixioso”. Incluso se pode interpretar que a quen escribe é, realmente, ás súas amigas. “Exeria era unha muller que se dirixía a outras mulleres, e isto non é nada habitual”, recoñece Gago. Dalgunha maneira, esta autora da Gallaecia estaba a dándolle voz a un colectivo silenciado ao longo do tempo e do espazo, posicionando á muller nun rol bidireccional: como emisora e como receptora. Precisamente co obxectivo de afondar nestas relacións femininas, a xornada do CCG contará coa participación de Ana María Suárez Piñeiro e Henar Gallego, ambas profesoras de Historia Antiga nas universidades de Santiago e Valladolid, respectivamente.

Poucas referencias

Páxina do manuscrito de Arezzo que contén a obra de Exeria. Foto: Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega

A identidade de Exeria susténtase en poucos datos obxectivos e corroborables. A información fidedigna, como defende o profesor da USC, escasea e tan só chega aos nosos días a través das referencias que se atoparon na documentación. De feito, Exeria pasou de ser unha figura a converterse en todo un referente cultural a partir do século XIX. En concreto, dende o ano 1884, cando o historiador Gian Francesco Gamurrini atopou na biblioteca da Fraternidade de Santa María de Arezzo, en Italia, un manuscrito datado no século XI. A segunda parte da obra, cun principio e un final incompletos e sen que figurase autoría, describía unha viaxe a Terra Santa. En 1903, o tamén historiador Marius Férotin atribuíu o texto orixinal do manuscrito de Arezzo a Exeria, a gran viaxeira da Gallaecia.

Publicidade

Sobre a vida persoal desta muller sobresaínte os datos son aínda máis escasos. Non se sabe cando naceu nin tampouco cando morreu, e a única maneira de coñecela é a través do seu Itinerarium. Tamén hai unha referencia, a primeira da que se ten constancia antes do descubrimento do manuscrito de Arezzo, no ano 680 por parte de Valerio do Bierzo, que a mencionaba nunha carta como autora dun texto de viaxes a Terra Santa. Con todo, os datos non son suficientes como para debuxala fisica e persoalmente e tan só se poden barallar hipóteses á espera de que, con sorte, apareza outra evidencia sobre a vida e obra desta muller.

Quen era realmente Exeria?

“Era de clase social alta e era tratada con moito respecto e protección. Sabemos que na súa viaxe vai acompañada de soldados, polo menos nunha parte do traxecto, e que os bispos a acollen nas súas casas”, sinala Gago. De igual modo, que as receptoras do seu texto fosen un grupo de mulleres, fai pensar que Exeria puido formar parte dunha comunidade relacionada co cristinismo, no momento en que esta relixión estaba a desenvolverse. Con todo, a hipótese de que puido ser unha monxa “está case desbotada”. Pese á falta de información, o investigador da USC fai énfase no “inmenso valor” do documento escrito por Exeria e fai referencia a ela non só como un símbolo, senón tamén como “o primeiro espertar cultural de Galicia”.

Filla do seu tempo

Cos ollos de hoxe, a viaxe de Exeria a Terra Santa pode resultar, cando menos, excéntrica. Sobre todo porque contribúe a crear unha imaxe, apoiada pola documentación da época, dunha Gallaecia moi dinámica culturalmente pese ás grandes crises que estaba a atravesar o Imperio romano. Ata hai relativamente pouco, esta idea non estaba apoiada polos rexistros arqueolóxicos, pero isto está comezando a mudar: “Nos últimos anos estamos vendo que hai confirmación arqueolóxica dese dinamismo; de que a provincia romana da Gallaecia brillaba dunha maneira especial”.

Mapa do itinerario de Exeria. Foto: Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega

Gago explica que xa a Xeración Nós —con Castelao facendo referencia a Exeria no seu discurso Alba de gloria— e os autores dos anos 70 e 80 defendían que había un contacto intenso entre a Gallaecia e o Mediterráneo oriental tal e como reflicte Exeria no seu manuscrito. De feito, no momento en que ela redacta o seu Itinerarium, o tráfico entre un punto e outro intensifícase. “Eses contactos que hoxe en día nos parecen tan afastados xa se producían na antigüidade tardía. O fenómeno dunha muller facendo tantos quilómetros para vivir a Terra Santa era froito do seu tempo, dese intenso tráfico de mercadorías entre a Gallaecia e o Mediterráneo”, sostén Gago.

Pegada cultural

Polo tanto, o Itinerarium Egeriae é unha obra “claramente coherente” co momento no que foi escrita. Porén, Exeria si é unha rara avis con todas as letras, polo menos dende os ollos cos que se mira hoxe o pasado. Sobre a súa faceta máis persoal tratará de afondar o catedrático da Universidade da Coruña Eduardo López Pereira durante a xornada do CCG, que non só tratará de dar explicación á figura de Exeria, senón á doutras mulleres do seu tempo. Esta sobresaínte figura, recoñecida como primeira peregrina e primeira escritora das letras de Galicia, fíxose un oco no panorama cultural galego dando nome a asociacións, empresas, edificios oficiais e sendo obxecto de múltiples estudos. Pese á pouca información que se conserva sobre Exeria, a que hai é suficiente para encumbrala na máis estimada e prestixiosa historia de Galicia.


Se queres consultar o programa ou inscribirte na xornada do CCG podes facelo nesta ligazón.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

O Consello da Cultura Galega sobre os eólicos de Acibal: “Non se identificou o patrimonio a tempo de evitar os danos”

O informe emitido polo organismo salienta a insuficiencia tanto na identificación como na protección de elementos naturais e culturais