

Cando a vella Gallaecia pasou a ser a nova Galicia

Por Víctor López
A historia do antigo Reino de Galicia ten un momento que se pode considerar crucial por varios motivos. Porque aquí é cando Portugal e Galicia pasan a ser reinos diferentes, e ademais no que a vella Gallaecia convértese na nova Galicia, para dar paso ás orixes da monarquía nacional feudal galega. É o período comprendido entre e 1037 e 1139, un século que se pode considerar o do cambio no noroeste peninsular. Aí remata a Gallaecia como a coñeciamos, para dar paso a novos reinos. Foi un troco xeográfico, pero tamén político, porque o desencadeante é un conflito militar polo que Fernando I, rei de Castela e membro da dinastía dos reis de Navarra, faise co control do reino da Gallaecia e impón a súa autoridade.
Non só foi un cambio de tronos, tamén trouxo consigo un novo modelo de monarquía na que o rei é o cumio da sociedade, e os nobres e todos os que están por debaixo están vencellados por lazos de fidelidade persoal a el. “Digamos que agora xa non é o reino o que fai ao rei, senón o rei o que fai reino, e convértese, tal e como segue sendo na actualidade, na figura na que todo o resto se estrutura arredor del”, apunta Carlos Baliñas, o catedrático de historia medieval na Facultade de Humanidades de Lugo.
Estes novos dominios repárteos e estrutúraos doutra maneira e xorden así novos espazos políticos e aparece unha Galicia que se parece máis á da actualidade. Aquí se produce unha gran fenda que separa o conxunto político do reino da Gallaecia para desmembralo xeográficamente e que Portugal e Galicia collan camiños diferentes. Máis aló do cambio de nomes, hai un cambio de réxime. Isto está sucedendo en toda Europa. Podemos buscar analoxías do que estaba a acontecer aquí co que pasaba noutros lugares, nos que o empurrón tamén puido ser militar, como a incorporación de Inglaterra a este réxime feudal, ou como cando os magnates normandos deron orixe ao reino de Sicilia, ou das dúas Sicilias no sur de Italia.
“Os nobres facían o que querían coas súas delegacións rexias, e iso afectaba ao destino do campesiñado, os burgos. Co novo modelo chega a paz e a integración”
Carlos Baliñas, catedrático de historia medieval da USC
A imposición da monarquía feudal non foi unha catástrofe, a pesar de que na historiografía téndese a citar así, por varios motivos. Por unha parte, porque con canta máis independencia, mellor para Galicia, e por outra, pola identificación dos destinos de Galicia cos destinos dunha elite. “O vello sistema desa nobreza altomedieval xeraba unha gran inestabilidade. Os nobres, que poñían e quitaban reis, tamén facían o que querían coas súas delegacións rexias, e iso afectaba ao destino do campesiñado, os burgos… e con este novo modelo chega a paz e a integración”, afirma o tamén doutor en historia pola USC.

A diferenza do que sucedeu en Inglaterra, onde o feudalismo foi implantado pola forza, como se aprecia na novela histórica Ivanhoe de Walter Scott, en Galicia, aínda que comeza cun conflito militar, a intelixencia dos novos monarcas foi buscar o consenso. Hai unha transición, pero non houbo un cambio drástico. Iso supón recoñecer varias cousas. En primeiro lugar, que o rei asume toda a autoridade política e xudicial , e tamén que pode incluso expropiar terreos da nobreza.
A diferenza de Inglaterra, onde o feudalismo foi implantado pola forza, en Galicia os novos monarcas buscaron o consenso
“Nisto influíu moito a raíña Sancha, que é dos últimos membros da aristrocracia da gran Gallaecia. Como muller de Fernando I, xoga un papel de lexitimadora, de acompañante, pero tamén de corrixir ao carón do seu home. Tiveron a intelixencia de comprender que a nova estrutura política estaba composta por territorios moi diferentes e de aí que se producise un reparto do negocio entre a familia. Iso pasa coas empresas aínda hoxe”, aclara Carlos Baliñas.
A raíña Sancha
Fernando I é un rei intruso que chega ao poder mediante un acto violento. Sen embargo, foi recoñecido bastante rápido en Galicia e moito máis tarde en León. A figura da súa consorte dona Sancha tivo moita influencia para que fose admitido aquí con rapidez. Exerceu como rei de Galicia e asinaba como tal.
Galicia tiña incluso a súa propia contabilidade. Dentro do seu proxecto xeral quixo atender as necesidades dos galegos. Mantivo a raia á nobreza, implanta o novo sistema e cambia e sitúa a novas figuras. Vaille dar grandes competencias á Igrexa e retírallas á nobreza laica. Un dos seus grandes apoios foi o Bispo de Iria e tamén o Bispo Pedro I de Lugo. O esplendor virá despois, pero nesta época puxéronse as bases das catedrais de Santiago, Ourense, Braga e ampliáronse mosteiros como o de Samos ou o de Celanova, por iso esta época é fundamental para a historia de Galicia.

Nesta época xa empezaba a entrar en crise o mundo Al-Andalus, polo que a unión facía a forza, e ter un exército baixo o mesmo rei combinando Castela, León, Galicia e parte de Portugal tiña unha potencialidade enorme, ademais do aproveitamento das rutas comerciais e de peregrinaxe, pero tamén había realidades sociais e identidades moi diferentes. “Era unha España con moitas Españas. Non é un problema de agora, isto xa vén daquela época”.
O rei de Nós
Fernando I fixo un reparto cos seus fillos varóns do seu reino. Entregou a Sancho Castela, a Afonso VI deulle León e a García o reinado de Galicia. Sancho botou a Afonso VI e quíxolle quitar pola forza as súas propiedades, pero Sancho desapareceu nun misterioso atentado. Despois Afonso entrou en Galicia para levar preso ao seu irmán García e telo dezaoito anos encadeado nas montañas e no castelo de Luna nunhas condicións terribles ata que morreu no ano 1090.
O rei García posúe un nome navarro, pero foi un rei moi galego. Na historia queda representado por unha parte como unha tráxica figura literaria á que lle escribiron Víctor Hugo, Darío Xoán Cabana ou Frank Baer, que meteron nas súas novelas históricas ao rei García. Tamén no imaxinario da mitoloxía nacionalista galega é o rei de nós, que foi traizoado e que puido ter un reino glorioso de non telo impedido o seu irmán.
E por último, queda a imaxe que teñen na historiografía española, onde o debuxan como unha anomalía, ou tamén a dos portugueses, xa que para eles tamén aparece unha idea denostada do rei García. “A historia é escrita polos vencedores. Afonso VI gañou e ocupouse na súa historiografía de xustificar os seus aberrantes actos e a usurpación que levou a cabo. Para iso amosaron a García como un monarca feble e inútil”, conclúe o historiador Baliñas.
Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, Spreaker, Spotify, iHeart, Deezer e Podchaser.
O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022


