Pegada celta en ‘O señor dos Aneis’? A tese da UVigo que se enfronta a expertos en Tolkien

A investigación de Noelia Ramos é finalista dun concurso nacional de divulgación a través da rede social X

A investigadora da Universidade de Vigo (UVigo) Noelia Ramos analizou na súa tese as similitudes entre a mitoloxía celta e O señor dos Aneis, a obra máis representativa de Tolkien. Esta relación é moi debatida polos expertos no autor británico, que negan a presenza a inspiración destes elementos pagáns na súa obra. Agora, a tese de Ramos está de actualidade porque é finalista do concurso estatal #HiloTesis, a través do que se resumen traballos académicos en redes sociais. A investigadora medirase a representantes doutras 50 universidades españolas coa súa narración na rede social X (antes Twitter) con 19 chíos e numerosas imaxes.

A finalidade deste certame, impulsado pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) e a Fundación Ignacio Larramendi, é dar a coñecer as teses de doutoramento en formato de fío, nas redes sociais X, Threads, Bluesky e Mastodon, ou utilizar o carrusel de imaxes de Instagram.

Publicidade

De Aragorn ao Rei Arturo; do Anel Único ao Santo Graal

O xermolo desta investigación é a vontade de Ramos de fusionar a súa paixón pola cultura celta e pola Terra Media e faino abordando, dende unha perspectiva académica, a presenza de elementos desta cultura e mitoloxía na triloxía de Tolkien. O seu fío arranca poñendo en dúbida “a aversión de Tolkien cara as cousas celtas” e lembrando que “tolkienistas como J.S. Lyman-Thomas reafirman a teoría de que o propio Tolkien se consideraba, xa no ano 1929, un celtófilo”. De feito, explica a investigadora da UVigo, nunha carta a Milton Waldman o propio autor británico expresou “o seu desexo de crear unha mitoloxía propia” que tivese “a beleza que algúns chaman celta” e isto se deben, por exemplo, “os seus preciados elfos, os Noldor”. 

Fío a fío, a investigadora vai debullando similitudes e paralelismos á hora de, por exemplo, tratar a auga, abordar a espiritualidade ou dar vida ao personaxe de Aragorn, que pode recordar nalgúns aspectos á lenda do Rei Arturo, do mesmo xeito que existen semellanzas entre a busca do Anel Único e do Santo Graal. Ramos tamén aprecia similitudes entre os nazgûl e as almas en pena célticas e entre os elfos e os Tuatha Dé Danann, grupo de habitantes de Irlanda segundo a tradición do Lebor Gabála Érenn.

Publicidade

O reto de resumir anos de traballo en 20 chíos

A investigadora da UVigo Noelia Ramos.

A investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da UVigo competirá con representantes doutras 50 universidades españolas na fase final deste certame. Á hora de resumir anos de traballo nun fío, Noelia Ramos explica que o máis complexo foi escoller que partes consideraba máis ou menos relevantes, xa que tivo que acoutar bastante pensando en aquilo que podería atraer máis ao público. Non obstante, recoñece que concretar todo o seu traballo en 20 chíos non foi una tarefa difícil, pero si precisou sentarse e discorrer, nun proceso de ensaio e erro. 

Sobre o certame, engade que “nun país como o noso, no que o mundo da investigación moitas veces semella estar desdeñado, este tipo de concursos ofrecen a posibilidade de dar a coñecer o traballo dos investigadores ao público xeral, xerando unha simbiose moi interesante e produtiva”.

50 universidades e 368 fíos presentados

En total, nas fases locais de todas as universidades participantes rexistráronse 368 fíos, cinco na UVigo. De entre eles, o xurado local elixiu a proposta de Noelia Ramos polo “seu impacto visual, limpo e homoxéneo, así como pola existencia de contido propio e correctamente incorporado que axuda a complementar a narración”. Ademais, valorou de xeito especial “que mediante o uso de imaxes consegue transmitir e contaxiar a paixón da investigadora, o que fai que o público desexe coñecer máis sobre o seu estudo”. 

Os tres fíos finalistas da UVigo recibirán un diploma por parte da Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación para recoñecer e premiar a súa participación, aínda que só o finalista competirá a nivel nacional. Os fíos escollidos polas 50 universidades participantes serán avaliados por un xurado nacional seleccionado por RedDivulga. Estará composto por un mínimo de cinco membros dos que ao menos tres serán expertos en comunicación, máis un representante da Fundación Ignacio Larramendi. O fallo producirase previsiblemente na primeira quincena de xullo de 2024.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais