O avogado ourensán que descubriu 69 especies na ría de Vigo

A ampla colección de animais mariños de Marcos Fernández Iglesias forma parte do CSIC de Barcelona, despois do seu falecemento en 2022

Era licenciado en Dereito pero sempre que podía somerxíase nas augas da ría de Vigo. Marcos Fernández Iglesias, natural de Ourense, facía da observación e estudo da fauna acuática o seu labor, demostrando que, moitas veces, o que realmente nos gusta non é aquilo ao que nos dedicamos profesionalmente. Faleceu en 2022 pero deixou un importante legado: a súa ampla colección mariña xa forma parte do CSIC de Barcelona como Colección Biolóxica Mariña de Referencia. Ao longo de toda a súa vida descubriu 69 especies de nudibranquios, tamén coñecidos como lesmas de mar, e fotografou e identificou centos de animais mariños. Iso si, sempre na ría de Vigo.

“Foi un avogado cuxa paixón era a bioloxía mariña”, conta Juan Luis Menéndez, amigo, director e programador da páxina web asturnatura.com onde se poden atopar as fotos deste apaixonado do mar. “Ao longo da súa vida amosou un gran interese polo coñecemento da fauna mariña, especialmente invertebrados, aos que dedicou anos. E facíao tanto na súa barca, como desde o seu gabinete, onde estudaba con lupa as mostras que recollía”, lembra.

Publicidade

Un incrible labor de recollida na ría de Vigo

Para Menéndez, Marcos Fernández amosou que, mesmo sen formación de biólogo, a constancia e o amor que sentía polos fondos mariños fixeron posible que adquirise uns coñecementos sobre os grupos aos que el se dedicou —os nudibranquios ou lesmas de mar, sobre todo— que ata persoas que rematan a carreira de bioloxía non posúen. “Tiña unha afección esaxerada polo mundo mariño”, . Deixou unha colección bestial e, para somerxerse, moi poucas veces usaba bombona!”, conta a súa muller María Castiñeira Estévez.

Esta paixón polo mar e os seus anos activo deron moitos resultados, xa que Marcos citou en augas galegas numerosas especies que antes non foran descritas. En concreto, 69 segundo a súa ficha na páxina de Asturnatura. Entre elas, a Berthellina edwardsi , a Eubranchus prietoi , a Eubranchus capellinii —tipos de nudibranquios—, a Hoploplana villosa, a Fecampia erythrocephala —tipos de vermes planos—, a Carinina ochracea, e a Cerebratulus roseus  —tipos de nemertinos—. Todas elas, por tanto, espécimes de invertebrados. Tamén describiu especies que non foran atopadas na península ibérica, como a Cumanotus cuenoti, a Palio nothus e a Tritonia lineata, nas aguas atlánticas peninsulares. En total, Marcos Fernández capturou, en máis de 700 fotografías, 252 especies distintas.

Publicidade

Un gran legado

A súa muller explica tamén que este labor de recollida de espécimes foi truncado por un cancro moi agresivo que non superou. Fernández faleceu en 2022, aos 58 anos, deixando un legado de centos de espécimes recollidos e miles de fotografías de especies mariñas da contorna da Ría de Vigo.

“Coñecín a Marcos cando se fixo colaborador de asturnatura.com. Comenzou a subir imaxes e aí viu que a xente lle respondía e se interesaba polo seu traballo”, comenta Juan Luis Menéndez. “Atopou un grupo de amigos que o apoiaba e axudaba a comprender e identificar animais que eran máis complicados que outros. E estou orgulloso de dicir que ao longo dos anos desenvolvemos unha amizade moi profunda”, lembra.

  • Amphiura filiformis. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Aplidium ocellatum. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Calma glaucoides. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Diopatra marocensis. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Eledone cirrhosa. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Geitodoris planata. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Hippocampus guttulatus. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Limaria loscombi. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura
  • Spatangus purpureus. Foto: Marcos Fernández Iglesias / Asturnatura

Tras o falecemento deste biólogo por vocación, a súa muller cedeu a colección a Asturnatura para que xestionen o seu depósito nalgunha institución. O obxectivo é que sirva de axuda a outros investigadores e investigadoras. Menéndez é o encargado de analizar dita colección, xuntando información de cada exemplar na web nun apartado que espera que pronto vexa a luz.

Unha colección inxente

“A colección de varios centos de exemplares de Marcos estanse agora estudando e clasificando”, conta Menéndez. “Dado o inxente volume de información que acumulou, estame levando tempo desentrañar todos os datos desta colección. Pero, cando estea publicada, será un exemplo claro e didáctico. Con el, amantes e estudantes da natureza aprenderán sobre a bioloxía destas especies”, sostén.

Menéndez engade que, ademais, é unha colección perfectamente documentada. Cada exemplar vén acompañado de numerosas fotos e incluso vídeos con comentarios sobre a súa bioloxía e morfoloxía. Un exemplo máis do xeito coidadoso co que traballaba Marcos Fernández.

O piar da ciencia cidadá

“Marcos debería ter tido unha docuserie sobre bioloxía mariña”, reflexiona Menéndez. “Ademais el é a mostra do importante que é o papel que os afeccionados, amantes da natureza, sendeiristas… realizan compartindo as súas observacións”, engade.

Zonas da ría de Vigo nas que Marcos Fernández atopou as novas especies de nudibranquios. Foto: Colexio ALBORADA

Para o director de Asturnatura, este papel, que se coñece como ‘ciencia cidadá’, é un gran piar en canto a fonte de información para alimentar as investigacións das institucións como universidades ou centros de investigación. Xa que, como comenta Menéndez, as citas de novas especies, por exemplo, axudan a entender mellor a distribución de organismos que a causa do quentamento global poden estar colonizando novas rexións. E as persoas que pasean pola natureza e que fan un labor científic desde a súa paixón, poden axudar a ver estas especies ao observar con detemento o hábitat polo que pasean.

Ao final, non todas as respostas están nos libros e revistas científicas. Ás veces tamén o contacto directo coa nosa contorna permítenos coñecer de primeira man como é o noso mundo, e amosar aos demais aquelas cousas que vemos día a día. E isto é o que fixo Marcos co seu amor polo mar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia

A temperatura da ría de Vigo foi estable ata 2020: estamos ante un cambio brusco de ciclo?

Un equipo do IEO recoñece que está sendo un "verán atípico" e con valores moi altos nas Rías Baixas, pese á tendencia dos últimos 30 anos
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia

As baleas déixanse ver nas costas galegas: avistado un rorcual alibranco en Cangas

Os expertos explican que os xigantes do océano navegan nas augas de Galicia todo o ano, aínda que agora se concentren máis para alimentarse