Como protexer a camariña, a planta dunar que só está en Galicia, Portugal e Xibraltar

Forma parte da flora endémica da península e está catalogada como especie vulnerable en territorio galego a nos Azores

A camariña (Corema album) é unha planta que só existe na península ibérica e nos Azores. A súa área de distribución foi diminuíndo co paso do tempo, ata o punto no que a Sociedade Galega de Historia Natural (SGNH) presentou en 2019 a Catalogación desta planta como especie vulnerable a partir da recompilación de información científica-técnica posible.

No Portugal peninsular, a súa área de distribución tamén foi descendendo. De feito, na costa portuguesa coñécense lugares onde xa se produciu a súa desaparición ou extirpación, como en Montedor (Minho). Con todo, a especie aínda non foi avaliada en termos de conservación, mais a subespecie pertencente ás illas Azores é considerada como vulnerable.

Publicidade

O proxecto Emc2, da man da investigadora Alexandra Abreu Lima, naceu en 2016 coa fin de concienciar á poboación da existencia desta especie única na rexión costeira. A importancia das camariñas non só reside na singularidade, senón na función que cumpren. Estas plantas son fundamentais na proteción de dunas e litorais, constituíndo unha barreira natural para coidar o seu hábitat.

Unha especie vulnerable

A presenza da camariña é cada vez máis escasa. Atópase en Portugal, Galicia (Finisterre) e Xibraltar. Con todo, estudos arqueolóxicos aseguran que, nun pasado, a distribución desta flora foi maior e máis extensa no territorio ata Alicante. Non obstante, a situación actual da camariña é de precariedade.

Publicidade

A investigadora portuguesa afirma que son tres motivos os que levan á camariña ao estado de perigo no que se atopa. A fragmentación do seu hábitat é un deles, pois medran en areais e dunas costeiras, afectadas pola afluencia nas praias e construcións inmobiliarias. Tamén repercute a presenza de especies invasoras, como é o caso das acacias. E, por último, “o cambio climático, con fénomenos extremos de calor que potencian os incendios forestais, e a subida do nivel do mar en zonas baixas con dunas”, que provocan a perda de hábitat desta especie endémica.

Por iso, o obxectivo debería ser divulgar a nivel ibérico a existencia e importancia desta planta, a través de “xuntar esforzos para que se recupere a especie”. A raíz desta situación en relación coa camariña, aparece o proxecto Emc2 (“Explorar Matos de Camarinha da Costa”), coordinado por Alexandra Abreu. Este permite aos alumnos da zona coñecer e actuar sobre a súa conservación. Trátase dun proxecto de divulgación para difundir o saber sobre esta especie tan peculiar.

Emc2 e a conservación da camariña

Esta iniciativa impulsada pola investigadora portuguesa comezou en setembro de 2016 en Moledo (Caminha, Portugal), onde se observou unha tendencia cara á diminución desta especie nas dunas. Dende ese momento, levouse a cabo unha actividade de multiplicación, iniciada en outubro de 2017. Nun primeiro momento, recolléronse as estacas caulinares da planta que, despois, enraizáronse en invernadoiros do INIAV en Oeiras (Portugal), co apoio do equipo do investigador Pedro Oliveira. Tras o seu crecemento, estas camariñas vólvense replantar para recuperar a poboación.

Deste xeito, o procedemento repítese ata conseguir un aumento gradual da planta dunar. Esta actividade do proxecto Emc2 xa permitiu reintroducir algunhas plantas nun lugar da Mata do Camarido. Xunto a esta acción, tamén houbo iniciativas paralelas desenvolvidas pola Asociación COREMA coa fin de defender o patrimonio en colaboración cun viveiro do Minho.

Na visita levada a cabo no mes de xuño participou o alumnado da Escola Básica e Secundaria de Caminha (Portugal). Estes eliminaron unha planta invasora e actuaron na limpeza da Mata coa axuda dos seus profesores, co obxectivo de “dar espazo para a camariña”, asegura Alexandra. A investigadora explica que “só se protexe o que se coñece”. Desta frase, nace o Emc2, no que priorizan a divulgación para poder coidar os hábitats a través do saber. “Pasas pola camariña e pensas que é un arbusto calquera, mais estás contemplando unha especie única”, conclúe.

O Proxecto Emc2 está financiado pola Fundación para a Ciencia e a Tecnología (FCT, Portugal), a través dos proxectos estratéxicos UIDB/04292/2020 e UIDP/04292/2020 concedidos ao MARE – Centro de Ciencias do Mar e Ambiente, e o proxecto LA/P. /0069/2020 concedido ao Laboratorio Asociado ARNET – Rede de Investigación Acuática.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño