Venres 19 Abril 2024

Ameaza sobre a camariña, un emblema das praias galegas

A Sociedade Galega de Historia Natural pide a súa catalogación como especie vulnerable ao constatar o declive e a fragmentación do seu hábitat

Tan presente estaba a camariña ou caramiña (Corema album) en Galicia hai non tanto tempo que deu nome a dous concellos (Camariñas e A Pobra do Caramiñal) e algúns lugares (A Camariña, en Alfoz). É un arbusto endémico do litoral atlántico da Península Ibérica, polo que tamén deixou pegada ao outro lado do Miño (Pinhal do Camarido, en Caminha) e ata a costa de Cádiz (Punta Camarina). Mais nos últimos decenios os científicos están advertindo do seu retroceso. E en Galicia, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) acaba de pedir, cunha longa lista de estudos na man, que a Xunta inclúa a camariña no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de vulnerable.

A información compilada pola SGHN expón que a camariña cumpriría con nove dos criterios para incluíla na lista de taxóns ameazados no país. “Xa levabamos tempo vendo que había unha notable fragmentación das poboacións e un declive no seu número”, di Serafín González, presidente da entidade. Unha situación que nas áreas máis septentrionais, como Ferrolterra, era “crítica”.

Publicidade

0 93% da camariña, na praia do Trece e nas Illas Cíes

Detalle do froito da camariña. Fonte: SGHN.
Detalle do froito da camariña. Fonte: SGHN.

Como en casos semellantes, a carencia de datos actuais sobre a situación da especie preocupa aos investigadores. Explica González que os últimos censos da Caramiña en Galicia fixéronos nos anos 90 Pablo Guitián Rivera, Antón Bouza Sierra e Belén López Retorta. Falábase entón de 7.000 individuos repartidos en nove localidades, pero “máis do 93% da poboación” estaba concentrada da praia do Trece (en Camariñas) e nas Illas Cíes, dous lugares nos que, por distintos factores, non está asegurada na actualidade unha protección eficaz da especie.

Descoñécese, por tanto, a situación actual, mais investigacións como a realizada na Mata Nacional do Camarido, preto de Caminha, polo científico galego Noé Ferreira constataron un notable descenso debido ás plantacións forestais, rozas sen control ou ao avance de especies exóticas invasoras. Neste sentido, segundo advirte Ferreira, “a ausencia de exemplares de pequeno porte pon en evidencia a falla de reclutamento de novos individuos que aseguren a supervivencia da especie no norte portugués”. Un problema que tamén afrontan as poboacións galegas, debido á lenta rexeneración da planta, que se ve aínda máis obstaculizada pola presión humana no hábitat. “É importante limitar a circulación de todo tipo de vehículos e persoas polas zonas máis sensibles”, expón Serafín González.

A praia do Trece, en Camariñas, é un dos lugares que concentra a maior parte das poboacións de camariña en Galicia. Foto: R. Pan.
A praia do Trece, en Camariñas, é un dos lugares que concentra a maior parte das poboacións de camariña en Galicia. Foto: R. Pan.

E neste sentido, desde a SGHN salientan a importancia da supervivencia da caramiña en Galicia. “Tendo en conta a vulnerabilidade da especie ao incremento da aridez polo cambio climático no limite meridional da súa área de distribución (…) as poboacións galegas que constitúen o límite setentrional de distribución da especie poderían resultar cruciais para a súa conservación a medio-longo prazo”, expoñen no documento presentado en xaneiro ante a Xunta de Galicia.

Conclúen por tanto, desde a entidade ecoloxista, que os criterios son suficientes para que se contemple a catalogación como especie vulnerable, debido ao citado declive, á diminución e fragmentación da área de ocupación, o tamaño da poboación, as propias características do taxón e ao criterio de expertos, tal e como respaldan os estudos científicos remitidos pola SGHN. Non en tanto, noutro dos lugares onde a camariña está presente, como Andalucía, a especie está xa incluída no Libro Vermello da Flora Vascular.

 

Podes ler aquí a documentación elaborada sobre a camariña pola Sociedade Galega de Historia Natural.

2 COMENTÁRIOS

  1. Hai traballos de seguimento da población de Corema nas Illas Cies, nos últimos anos. O último traballo feito e do año 2018.
    Traballos feitos polo Parque Nacional. Tamen foron recollidos froitos de camariña e cultivados en colaboración entre o Parque Nacional e o OAPN. Cunha supervivencia baixa despois de tres anos, pero sinalar que hai camariñas que resistiron. A proposta de declaracion como vulnerable e acertada.

  2. Queda no tinteiro salientar que no ano 1994 o botánico e Delegado en Ferrol da SGHN Xavier Sóñora, fixo un bo traballo ao respecto da camariña que precisamente saíu publicado por aquel entón na revista científica Braña desta mesma entidade. O traballo levaba como título: “A camariña (Corema album) en Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mantemento dos ecosistemas, piar na conservación da aguia real en Galicia

Investigadores da Facultade de Bioloxía da USC atopan evidencias que vinculan o éxito reprodutivo da especie co intercambio superficie terrestre-atmosfera

O refuxio do ameazado mexillón de río: 35.000 exemplares do ‘termómetro’ dos ecosistemas

Investigadores do campus Terra da USC leva máis dunha década traballando na protección e conservación desta especie en perigo de extinción en Galicia

Primeiros pasos para impulsar a recuperación da perdida lagoa da Antela

Unha campaña da SGHN e Ecoloxistas en Acción, con imaxes do realizador Adrián Vilas, apela á actuación para restaurar o humidal desecado no século XX

Desvelan as principais claves da invasión de especies vexetais en Europa

Un estudo que analiza plantas como a acacia negra expón que as invasoras comparten patróns como abundancia, extensión e amplitude do hábitat