“A soidade non desexada é unha auténtica pandemia”

A asistente virtual para maiores Celia, desenvolvida no centro atlanTTic, recibe o premio Amtega ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais

A soidade non desexada é unha pandemia con nome propio no noso século. Estímase que en España ata un 20% da poboación está exposta a este fenómeno que ocasiona gran sufrimento e danos para a saúde, tanto a física como a mental. A soidade non desexada acurta a esperanza de vida e favorece o desenvolvemento e agravamento da hipertensión e das enfermidades cardiovasculares, entre outras patoloxías. Trátase dunha problemática xeneralizada, pero que afecta máis ás persoas maiores.

No caso de Galicia, hai máis de 700.000 persoas cunha idade superior aos 65 anos, e 126.000 delas están expostas a padecela ao vivir soas. Ademais, a comunidade conta cun índice de envellecemento moi por enriba da media do conxunto español: segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), por cada 100 galegos de menos de 16 anos hai 218 cidadáns que superan os 64. Os nosos maiores son unha parte imprescindible da sociedade galega. Por iso, atallar esta problemática é un imperativo moral, social e mesmo sanitario. 

Publicidade

Neste sentido, as novas tecnoloxías poden ser unha ferramenta de grande utilidade. Segundo o Observatorio Estatal da Soidade non Desexada, a metade da poboación española pensa que a tecnoloxía pode axudar a que as persoas se sentan máis e mellor acompañadas, e ata un 82,15% considera que pode estimular a conexión social fóra do contexto de internet. Neste contexto aparece Celia, unha asistente virtual deseñada por un grupo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, cofinanciado con fondos FEDER, da Universidade de Vigo. 

Celia ten o obxectivo de paliar a soidade non desexada dos maiores, acompañándoos na súa vida cotiá a través de conversacións bilaterais baseadas nos gustos e preferencias do usuario. Con todo, un dos aspectos que diferencia a Celia é a súa capacidade para detectar unha inicial deterioración cognitiva nos usuarios a través do emprego de sistemas de monitorización e análise de voz. Recentemente, o equipo, liderado por Francisco Javier González Castaño, vén de recibir o premio Amtega ao Mello Proxecto TIC con Beneficios Sociais deste 2024, un galardón outorgado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG/AETG).

Publicidade

— Como definiría vostede a Celia?

— Diría que é un sistema de acompañamento centrado nas persoas maiores que sofren soidade, moi orientado aos seus intereses e a mantelos entretidos e, que como aspecto diferencial, ten a capacidade de analizar nun segundo plano aspectos cognitivos e anímicos da persoa para presentarlle despois indicadores, ou ben ao propio usuario ou a terceiras persoas autorizadas polo mesmo.

— A soidade afecta ao conxunto da poboación. Por que decidiron centrarse nas persoas de avanzada idade?

— En efecto, é unha auténtica pandemia, moi grande hoxe en dia, a cal debemos enfrontar de distintas maneiras e sen banalizar. Porén, e especialmente dura nas sociedades envellecidas. No noso caso sempre tentamos deseñar unha ferramenta que permitira ao usuario gozar da experiencia, co obxectivo de paliar eses efectos non desexados da soidade. Tradicionalmente a xente recorría á televisión, pero este medio é unidireccional e o usuario non tiña a capacidade de seleccionar os contidos. Ademais, como xa sabemos, a televisión non empatiza. Agora, estas ferramentas van moito máis aló.

— Como se especializa una ferramenta deste tipo nunha franxa de idade? Podería empregala unha persoa adolescente ou a experiencia vai moi dirixida aos nosos maiores?

— Está bastante especializada, aínda que calquera pode utilizala. Se lle preguntas a Celia por algunha información do teu interese o máis seguro é que atope unha resposta satisfactoria. O que acontece é que Celia posúe unha base de coñecemento moi orientada ao seu público obxectivo. Sempre hai temáticas que, dun xeito normal, interesan máis a certas idades que a outras, pero dende logo non sería limitativo. O que quero dicir é que, dende logo, Celia non forza o contido, pero coma todos, ten o seu propio estilo. 

— O que a diferencia un pouco doutras ferramentas de acompañamento é que Celia toma a iniciativa á hora de falar coas persoas…

— Totalmente. O diálogo realízase mediante voz e a través dunha aplicación de WhatsApp. Xorde dun xeito natural, e o que fai Celia é detectar certos temas de interese para cada usuario en concreto. Tamén propón actividades en determinados momentos, mais se o usuario decide cambiar de tema e virar cara outro camiño na conversación Celia vaino seguir con total naturalidade. Ademais, conta cunha base de coñecemento moi vencellada aos gustos xerais das persoas de avanzada idade.

— Por exemplo?

—  Ás persoas maiores interésalles moito todo aquilo vencellado á saúde, ou todo o que fai referencia a como era o mundo cando eles eran novos. Tamén amosan interese pola actualidade, pero mantendo un ritmo algo máis controlado do fluxo da información. Na actualidade temos unha asociación con provedores de contido cunha ampla experiencia nesta liñas, con Canal Senior, e ao final todo isto está incorporado na base de coñecemento de Celia. Ao final trátase de ter unha experiencia inclusivo e que sexa agradable para o usuario.

— Tamén emprega a análise da voz para identificar dun xeito precoz a deterioración cognitiva. Como o consegue? 

— Emprega un detector do estado do usuario baseado en técnicas de intelixencia artificial. O interesante de todo isto é que Celia traballa con diálogos libres e non directamente con test. O que nós facemos é adestrar estes detectores de aprendizaxe automática baseándonos en certas características, o cal maximiza a probabilidade de acertar na indicación dese estado cognitivo.

— Trátase dunha análise moi xeral ou chega a ser máis ben específica? E sobre todo, cal é o obxectivo desta capacidade engadida en Celia?

— É máis ben xenérica, nun espectro amplo. Temos que ter en conta que Celia non é unha ferramenta de diagnóstico: iso queda os profesionais médicos e, de feito, é algo completamente regrado. Os indicadores que vai xerar Celia son máis ben de interese para o usuario. A súa resposta non vai ser “está vostede ben” ou “está mal”, xa que iso non o podería valorar, pero si pode ver a perda da capacidade cognitiva e recomendarlle ao usuario que visite un especialista. E, por suposto, todo isto baséase en toda unha investigación que hai detrás do proxecto, e que emprega test de referencia.

— De modo que tedes un proxecto totalmente multidisciplinar, onde hai unha parte lóxica de TIC, mais tamén hai aspectos vencellados ao factor psicolóxico e sanitario. Como facedes para encaixar isto sendo vós expertos en tecnoloxía e telecomunicacións?

— Celia xorde como un proxecto dentro do programa Ignicia, proba de concepto de GAIN. Isto permitiunos contar coa colaboración de expertos en xeriatría e xerontoloxía. Ademais, tamén buscamos alianza con asociacións de coidado e da atención para buscar aquel coñecemento do cal nos carecíamos. 

— A información recompilada polo sistema podería ser de utilidade como fonte de información para os especialistas médicos? Algo semellante a un diario do estado anímico…

— Cando unha persoa está enferma considérase que o seu estado de saúde xa está deteriorado: nese momento o paciente entra no sistema, pero dende cero, e será o médico o que teña que avaliar que tipo de probas ou tratamentos recibirá. Porén, si ten sentido empregar ferramentas coma estas antes de chegar a un estado de deterioración avanzado da saúde, e de feito na actualidade comezamos a ver certo movemento internacional que valora dun xeito moi positivo o feito de que existan estes asistentes con capacidade de predicir fases previas á enfermidade. 

Imaxe que recrea o emprego de Celia. Foto: atlanTTic.

— Despois da experiencia acadada polo grupo, cal será o próximo movemento? Seguirán traballando neste ámbito?

— Dende logo. De feito, nestes intres estamos plantexando a creación dunha spin-off. Celia xa é unha realidade: na actualidade ten miles de usuarios, e estamos a traballar conxuntamente con institucións claves neste ámbito: unha delas é Canal Senior, unha canle de información para persoas maiores. Tamén temos unha alianza moi potente coa Federación Galega de Universitarios Senior, que é das principais de España en canto ao número de usuarios, e contamos cun patrocinio moi importante, o da farmacéutica Sanofi, para desenvolver algoritmos que no futuro poderían servir como indicadores da evolución da esclerose e dos estadios iniciais doutras patoloxías. Neste sentido, tamén temos a axuda imprescindible do Hospital Álvaro Cunqueiro aquí en Vigo. 

— Aínda queda percorrido. De seguro, o feito de ter levado o premio Amtega motiva para seguir por este camiño, verdade?

— E moito! Pensa que é un premio que che dan os compañeiros da escola de enxeñeiros de telecomunicacións. Un premio así ten dúas partes: por un lados tes o recoñecemento profesional, mais doutra banda está o aspecto emocional, que á importantísimo. Despois de tantos anos sentir o aprecio dos teus compañeiros é algo sen dúbida moi valioso.   

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas a partir do sábado

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense