Onde deberías vivir segundo as túas prioridades de vida? Consúltao nesta páxina

O novo índice multidimensional deseñado polo INE permite consultar a través de nove parámetros que comunidade autónoma pode satisfacer mellor as necesidades de cada persoa

Recentemente o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicaba o seu informe sobre calidade de vida nas diferentes comunidades autónomas do estado español. Segundo os datos acadados polo organismo, no 2023 Galicia atopouse por debaixo da media nacional, cunha puntuación de 99,6 puntos, moi afastada da líder na lista, a Comunidade Foral de Navarra (105).

O organismo calcula un índice a través de distintas fontes e empregando distintos parámetros para avaliar o benestar dos cidadáns, como o traballo, os servizos sanitarios ou a proximidade de contornas naturais e contacto co medio ambiente.

Publicidade

No caso da nosa comunidade, segundo a evolución comparada coas enquisas de anos anteriores, a calidade de vida está a empeorar. Se no ano 2020 acadou os 100 puntos, no 2022 descendeu aos 99,9. Os últimos datos, do ano pasado, manteñen esta visión: 99,6. Tan só Canarias atópase por debaixo de Galicia (98,9), xunto a cidade autónoma de Ceuta (95,9). No top da lista atópanse Navarra, a Rioxa (104,1) e Aragón (103,5), cunha media nacional superior á de Galicia: 101,5 puntos.

Ata nove parámetros para avaliar a calidade de vida

Agora, unha nova ferramenta do INE permite aos propios cidadáns consultar, atendendo as súas prioridades vitais, cal é a comunidade autónoma que mellor garante ditas preferencias. O Índice Multidimensional de Calidade de Vida analiza ata nove parámetros: condicións materiais, traballo, saúde, educación, lecer e relacións sociais, seguridade física e persoal, dereitos básicos e gobernanza, contorna e medio ambiente e experiencia xeral de vida. Cada un deles pódese axustar tendo en conta a súa importancia para cada usuario, valorando dito aspecto nunha escala de 1 a 10 puntos. Así, dependendo das preferencias de cada un, o resultado muda:

Publicidade

Se o único valor fose o traballo, as mellores comunidades autónomas serían as Illas Baleares, seguida de Cataluña e Navarra. Ao final da lista atópanse as cidades autónomas de Melilla e Ceuta. Porén, no caso da cobertura sanitaria, o Navarra pasa a ser o mellor lugar para vivir,seguida do País Vasco. Galicia avanza uns cantos puntos se só temos en conta o aspecto da saúde, superando a Andalucía, aínda que permanece por debaixo da media nacional. Se o que máis valoramos é a seguridade, Asturias é o noso lugar idóneo.

En xeral, Navarra garante a práctica totalidade dos parámetros analizados, mentres que Galicia suspende na meirande dos parámetros en comparación coa media nacional.

E ti, que preferencias tes en canto á calidade de vida? Consúltao na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia