O curso está a piques de rematar, e un grupo de 85 alumnos e alumnas, dunha vintena de titulacións dos tres campus da UVigo, clausura o ano académico cun coche deseñado e construído por eles mesmos. Son integrantes da única escudaría galega da Formula Student, UVigo Motorsport, e materializaron o UM24, o vehículo monopraza con múltiples innovacións que competirá nos circuítos de Assen (Holanda), Silverstone (Reino Unido) e Montmeló (España) entre xullo e agosto.
O traballo de 10 meses deste grupo de estudantes deuse a coñecer nun acto celebrado esta semana no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, no que o vehículo se amosou publicamente por vez primeira e no que se coñeceron todos os detalles do proceso do seu deseño e construción. Presentaron as novidades que introduce respecto do seu antecesor, con tempo para repasar a historia da escudaría desde o ano 2014 ata a actualidade.
O presidente e Team Leader de UVigo Motorsport, Denis Pallarés, foi o encargado de exercer de condutor do acto, no que tanto el como o resto de integrantes do equipo manifestaron o seu orgullo de formar parte desta iniciativa, agradeceron o apoio dos patrocinadores e manifestaron as súas expectativas de mellorar os resultados acadados o ano pasado, ademais de detallar polo miúdo todas as melloras introducidas no vehículo ao longo dos meses.
Un vehículo cheo de innovacións
O UM24 é o sucesor dunha saga de vehículos que arrancaron co UM15 hai unha década. Respecto do seu antecesor, o UM23, incorpora importantes novidades: “Reduciuse o peso do chasis, mellorando o rendemento do vehículo. A aerodinámica optimizouse, facéndoa máis eficiente”. Con todo, non son estes os últimos cambios: o motor agora conta un novo sistema de refrixeración e un mapa actualizado que duplica a potencia a baixas porcentaxes do acelerador e mellora a eficiencia a altas porcentaxes.
“A dinámica dianteira do vehículo optimizouse para unha maior estabilidade e control. E ademais, implementouse un acelerador electrónico (ETC) e engadíronse máis sensores, mellorando así a cantidade de información que temos do vehículo para o seu posterior procesamento á hora de realizar set-ups”, detalla o equipo de UVigo Motorsport. Aínda que a día de hoxe o vehículo é completamente funcional e está listo para correr, o grupo aproveitará as semanas que restan ata a primeira proba para seguir traballando na optimización de todos os sistema para chegar co coche no mellor estado posible ás competicións.
Logo dun curso enteiro traballando no deseño e construción do UM24, os integrantes do equipo teñen claro que “é algo ao que se lle dedica moito tempo e esforzo, pero que, cando miras que todo se materializou nalgo que ruxe e corre, paga a pena”, explican os membros da escudaría, que agradecen a implicación en todo o proceso dos máis de 70 patrocinadores cos que contaron esta tempada.
Primeira competición en Assen
O circuito de Assen será o primeiro destino do UM24, que correrá en Holanda entre o 13 e o 18 de xullo. Seguiralle Silverstone, onde debutará o equipo autónomo do 17 ao 21 de xullo, e as probas desta tempada rematarán en Montmeló, do 1 ao 8 de agosto. “Este ano o coche de combustión competirá en Assen e Montmeló, mentres que o coche autónomo o fará en Silverstone, onde a organización nos deixa a todos os equipos o mesmo modelo de coche preparado de condución autónoma”, explican, creándose así un sistema de igualdade no que só se avalía o software desenvolvido polo departamento de autónomo co doutros equipos.
O equipo chega ás competicións coa expectativa de mellorar os resultados da anterior tempada, 10º posto en Silverstone e o 6º en Montmeló, a mellor ata o momento, en especial nas probas estáticas. “Temos especial confianza no Cost & Manufacturing, unha das tres probas estáticas ás que nos enfrontamos na que debemos de demostrar a profundidade dos nosos coñecementos sobre os procesos de fabricación e os seus custos derivados”, explican.
“Este ano designamos unha persoa encargada desta proba en calidade de responsable, xunto a un pequeno equipo e tras entregar toda a documentación, podemos afirmar que temos o mellor Cost & Manufacturing da historia do equipo polo que confiamos plenamente en que teremos un bo resultado nesta proba”, sinalan os membros do equipo.
Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.














