Domingo 13 Outubro 2024

O monopraza UM18 da UVigo, a punto para a nova temporada

UVigo Motorsport, equipo de automoción formado por 27 estudantes de diferentes graos da Universidade, principalmente das enxeñerías, prepárase para a nova tempada da Formula Student, a competición interuniversitaria automobilística máis importante de Europa, na que levan participando dende 2015.  O equipo está a ultimar o deseño do novo monopraza, que presentará algúns cambios respecto do seu antecesor e cos que tentarán superar os resultados da tempada pasada e rematar, tamén, coa maldición do circuíto de Hockenheim, en Alemaña, no que, por mor dun erro no coche, non conseguiron pór en pista o UM17.

Traballo co monopraza do pasado ano. Foto: Duvi.
Traballo co monopraza do pasado ano. Foto: Duvi.

Para acadar unha maior lixeireza no conxunto do monopraza, o chasis será híbrido e, no terreo da aerodinámica, o equipo implantará un sistema de redución de ‘drag’, que consiste na incorporación de aleróns automáticos, na parte traseira e dianteira do coche, para conseguir unha maior firmeza durante a rodaxe nos circuítos. Por outra banda, explican os membros do equipo que “o ano pasado, tivemos problemas de caudal na refrixeración do vehículo, pero, nesta nova tempada, solucionámolo, xa que imos fabricar un radiador cunhas dimensións maiores, en lugar de levar dous pequenos”, explica Antonio Sixto, técnico líder do equipo.

Publicidade

Mentres a escudaría universitaria traballa con esforzo, ilusión e tenacidade neste proxecto, as empresas da contorna tamén colaboran poñendo o seu grao de area, coa achega de pezas e materias e, en moitos casos, cedendo as súas instalacións para facer posible a construción do monopraza. “Sen contar coa man de obra, as horas de deseño que empregamos, nin os materiais que nos regalan, o orzamento do coche rolda os 30.000 euros”, indica María Couso, encargada do departamento de Organización e Marketing.

O monopraza, un traballo de equipo

De cara a esta tempada, o equipo ten as expectativas moi altas. “A nosa progresión foi sempre ascendente e así imos seguir e aínda que sexan palabras maiores, tentaremos estar nos mellores postos da clasificación de Formula Student”, asegura Couso. Para conseguir este obxectivo, o equipo conta con 14 novos membros seleccionados entre as 108 solicitudes que recibiron para formar parte do equipo. Estas novas incorporacións proveñen dos graos en Enxeñaría de Telecomunicación, Enxeñería de Organización Industrial e, maioritariamente, de Enxeñería Mecánica. Como novidade, este ano tamén foron incluídos alumnos e alumnas de outras disciplinas como Administración e Dirección de Empresas, en liña co obxectivo da escudaría de integrar compoñentes doutras áreas do coñecemento neste proxecto, afirma Couso.

Publicidade

A escudaría aséntase no traballo en equipo, un xeito de facer que se estende ás seis áreas nas que se organiza Uvigo Motorsport e a todos os pasos do proceso de fabricación “Todas as decisións que se toman son consensuadas”, indica Pablo Penedo, responsable de Organización Industrial do monopraza. “Actuando como un equipo dende o principio ata o final somos quen de resolver os erros que imos cometendo e, así, seguir evolucionando na Formula Student”.

Empresas como Coasa, Adhex, Láser Galicia, Bosch, 3M ou Aimen apoian o proxecto

Nos tres anos de vida da escudaría, a colaboración de empresas e institucións ten sido esencial para que o monopraza vigués chegue aos circuítos europeos. “Por sorte, atopámonos nunha contorna empresarial que se sente especialmente involucrada co mundo da automoción”, asegura María Couso, destacando a colaboración de compañías como Coasa, Adhex ou Láser Galicia, comprometidas coa supervivencia do equipo dende os seus inicios e que repiten o seu apoio na construción do UM18. A estas firmas únense, entre outras, Bosch, 3M e centros tecnolóxicos como Aimen, que axudan á construción do monopraza. O compromiso do tecido empresarial con este proxecto plásmase no feito de que todas as compañías que colaboraron na posta en marcha do UM17 estarán de novo presentes nesta nova tempada e algunhas delas mesmo intensificarán a súa cooperación ofrecendo, ademais de material, asesoramento técnico na etapa de deseño do vehículo e cedendo as instalacións para rematar a construción do novo coche.

Porén, as relacións coas empresas colaboradoras non chegan ao seu fin coa fabricación dos diferentes modelos para cada unha das tempadas da Fórmula Student. En ocasións, “empresas que nos proporcionaron axuda, máis tarde ofrécennos a posibilidade de realizar unha bolsa Feuga con perspectivas dunha futura contratación”, indica Adrián Fernández, responsable do chasis do UM18, “trátase dunha retroalimentación beneficiosa para as diferentes partes involucradas no proxecto de construción do coche que representará a Universidade de Vigo na Formula Student.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo abre unha nova liña de investigación sobre os sarcomas ultrararos

O grupo CellCOM do CINBIO, liderado por María Mayán, acaba de recibir a primeira bolsa Carolina Cerezo que outorga Asarga

A UVigo lanza unha convocatoria de títulos de capacitación dixital en transporte e loxística

Os cursos da Universidade de Vigo son de balde para toda a cidadanía e a maioría poden cursarse en liña

Cinco científicos da USC, UVigo e CSIC reciben as Medallas de Investigación

A condecoración da Real Academia Galega de Ciencias premia a Antonio Figueras, Santiago Lago, Pedro Arias, Alberto Bugarín e Diego Peña

Un equipo da UVigo estuda como producir químicos a partir de bagazo de uva e mazá

O proxecto quere fabricar produtos sostibles de base biolóxica que permitan unha economía circular e unha simbiose industrial