A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía

A virxe da O sae do convento do mosteiro de Santa Clara en procesión. A imaxe da patroa de Pontevedra percorre ao lombo dos confrades as rúas da Boa Vila. É o ano 1768 e estamos en maio. Faltan meses para decembro, cando se celebra o día desta santa. Porque o motivo da procesión non é venerar á virxe, senón rogarlle a súa intercesión ante deus. Que se dirixa ao altísimo para que paren as choivas que están a arruinar as colleitas desde o ano pasado e que impiden sementar os campos ante inminente chegada do estío, o que adianta un novo inverno de fame.

Lonxe do que poida parecer, esta escena é un feito científico. Serve para confirmar que aquel ano de mediados do século XVIII foi un dos máis chuviosos do século. Unha tempada de precipitacións insólitas que desatou unha gran fame en Galicia e no norte de Portugal que segou a vida de milleiros de persoas. Porque no estudo da historia do clima, disciplina do coñecemento que se coñece como paleoclimatoloxía, as fontes bibliográficas e históricas xogan un papel fundamental.

Publicidade

Os últimos días do mes serán especialmente chuvosos

Un dos maiores expertos no campo é Camilo Fernández Cortizo, profesor de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela. O seu mergullo nos arquivos consistoriais da cidade de Pontevedra ou dos cabidos das catedrais de Santiago ou Mondoñedo serve de complemento do traballo dos físicos como Moncho Gómez Gesteira, investigador de Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) da Universidade de Vigo, que tiran destes feitos tan afastados da evidencia científica para corroborar e acoutar os datos que conseguen cas ferramentas cas que reconstrúen a historia do clima nos anos nos que non existían os rexistros científicos.

A física e a historia, da man

Na paleoclimatoloxía dos tempos anteriores á revolución industrial, física e historia danse a man. “Só a partir da ilustración empezouse a valorar a toma de datos meteorolóxicos mediante termómetros e barómetros. As fontes puramente científicas baseadas en medicións raramente son anteriores a 1750 e non se estenden de forma xeneralizada ata mediados do século XIX“, sinala o catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo, que incide no gran valor das rogativas católicas para coñecer os eventos climatolóxicos entre os anos 1.600 e 1.850.

Publicidade

Por iso é que as fontes históricas xogan un papel clave cando toca mirar atrás para comprender o que aconteceu no pasado dos fenómenos atmosféricos. Por exemplo, o rexistro dun paso de montaña na cordilleira dos Andes permitiu aos científicos saber como foran invernos en América do Sur. Canto máis tempo permanecera pechado, máis intensas e prolongadas foran as nevaradas da tempada.

En Galicia, o profesor Fernández Cortizo tamén empregou un rexistro para coñecer a duración dos invernos a partir de mediados do século XVI. Foi nesa época, nun período que se coñece como a Pequena Idade Glacial, cando comeza a popularizarse o uso do xeo, empregado nos grupos privilexiados da sociedade (nobreza, clero e burguesía) para arrefriar as bebidas. Un negocio do que tirou partida a Igrexa. En Santiago, o Cabido da Catedral traía neve da comarca da Terra de Montes para abastecer de xeo a neveira que existía baixo o claustro da Catedral. Así, a contabilidade do mosteiro de San Paio de Altrealtares permite saber canto durou a parte crúa do inverno en función de cando remataba a compra de xeo.

Porque as transaccións e a actividade económica tamén son páxinas que permiten asomarnos aos tempos nos que non había rexistros meteorolóxicos. En terras do Ribeiro, as actas consistoriais de Ribadavia recollen a data en que daba comezo a vendima e cando debía rematar, unha fórmula para saber se o mes de setembro foi caloroso ou se as choivas se adiantaron. Os décimos, a porcentaxe do 10% que debían aboar os campesiños pola explotación agrogandeira dunha terra que non posuían, é outra das fontes da que bebe a paleoclimatoloxía.

Toda esta información histórica é empregada polos físicos para cruzala cos datos que conseguen a través da ferramenta EKF400v2. Este proxecto permite a reconstrución do clima durante 400 anos (de aí o seu nome); en concreto, entre 1603 e 2003. Achega aos físicos unha imaxe detallada dos fenómenos atmosféricos do período que se propoñan estudar a partir dos aneis das árbores, os núcleos de xeo, os corais ou os sedimentos nos leitos de lagos e mares.

Os catedráticos Moncho Gómez Gesteira e Mayte de Castro, dous dos autores do estudo (DUVI).
Os catedráticos Moncho Gómez Gesteira e Mayte de Castro (DUVI).

Pero a información que proporciona EKF400v2 é “macroscópica”, como apunta Moncho Gómez Gesteira. “Por exemplo, só catro puntos espaciais da base caen en Galicia. Ademais, a información é mensual, de forma que unha vaga de calor duns poucos días ou unhas chuvias torrenciais (os chamados eventos extremos) son dificilmente detectables para estas bases”, engade. Por iso, as rogativas eclesiásticas, as peticións a virxes e santos para chova ou para que escampe, permite acoutar no tempo e no espazo esta información.

Pro Serenitate ou Pro pluviae

O catolicismo podía clamar ao ceo para que parase de chover (Pro serenitate) ou rogar que chegara a auga que regase as súas colleitas (Pro pluviae). De feito, os rexistros históricos en Pontevedra, Santiago ou Mondoñedo recollen unha ampla actividade destas rogativas nos séculos XVII e XVIII, que acostumaban a ter distinta graduación en función do imperiosa que fora a necesidade.

Como explica o profesor Fernández Cortizo, había unha “xerarquía” destes actos litúrxicos. En primeiro lugar, expoñíase a imaxe en novenario. Se non xurdía efecto, a virxe saía en procesión as veces que fora necesario até conseguir o obxectivo. “Nalgúns casos, despois de sucesivas procesións, a imaxe da virxe ou do santo ten rematado no río, por pura frustración”, sinala o profesor de Historia da USC.

Mesmo influía a quen se lle pedía o milagre. Porque non era mesmo o poder que podía ter un ou outro santo. Por exemplo, en Santiago só se recorría ao Apóstolo en casos de extrema necesidade. Con todo, non sempre respondían a anomalías meteorolóxicas, como apunta Fernández Cortizo, xa que, en ocasións, facíanse rogativas “preventivas”, como queda demostrado ao cruzar anos de boas colleitas que coinciden no tempo con varios actos litúrxicos desta clase.

Por este motivo, o profesor explica que as rogativas son datos documentais que en ocasións “non presentan a regularidade que deben” pero si permiten aproximarse ao que estaba acontecer porque no propio corpo da documentación que acompañaba a estes actos “soe figurar o motivo” da súa celebración. Isto serve, como tamén subliña o físico da UVigo, para identificar eventos e saber “se un evento foi puramente local ou tivo certa extensión xeográfica”. Algo que gaña peso cando se trata de catástrofes, que tamén quedan rexistradas nas partidas de defuncións, o que da unha imaxe da súa magnitude.

Así é como a devoción cristiá serve para escarvar nos acontecementos climáticos da historia e exercer como un complemento de ferramentas puramente científicas. Porque como recoñecen o físico e o profesor de Historia, a documentación eclesiástica pode ser a única fonte de información escrita sobre un determinado período e localización, dado que os rexistros relixiosos conserváronse, por regra xeral, moito mellor que os civís.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

1 comentario

  1. Artigo moi interesante. Graciñas! Por qué motivo se conservan mellor os rexistros eclesiásticos que os civís?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Como funciona a amizade entre arroaces? Así é como as bateas moldean a súa vida social nas Rías Baixas

O biólogo galego Bruno Díaz revela que as preferencias alimentarias condicionan a formación de vínculos entre cetáceos

O ventilador atlántico pon fin á calor en Galicia cun descenso das temperaturas de case 10 graos

Unha masa de aire frío procedente do noroeste traerá chuvias febles e ceos cubertos a partir do martes 2 de xuño