Factores climáticos e tectónicos crearon a distribución actual dos arrecifes de coral nos trópicos

O estudo, publicado en 'Nature Communications', está liderado por un equipo internacional no que participa Mapas Lab da UVigo

Os cambios no clima pasado e a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral
Os cambios no clima pasado e a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral

Os cambios no clima pasado e a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral. Esta é a conclusión principal do estudo internacional desenvolvido polo investigador do Mapas_Lab da Universidade de Vigo (UVigo) Lewis A. Jones xunto con outros catro científicos do University College London e da University of Bristol. As conclusións desta investigación acaban de ser publicadas pola revista Nature Communications e, segundo indican os autores, “poden ter un alto impacto no noso campo de estudo”. 

Mapas Lab, pertencente ao Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña da UVigo, céntrase no estudo dos procesos de evolución e extinción acontecidos nos últimos 540 millóns de anos, é dicir, en que zonas do planeta aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo, xerando mapas paleoclimáticos para ese período e tamén programando modelos que simulen os mecanismos de diversificación da vida.

Os bosques tropicais do mar

Na actualidade, estes ecosistemas atópanse concentrados nos trópicos e subtrópicos (<35º de latitude), onde as temperaturas mínimas da superficie do mar non baixan dos 18ºC. Arredor deles viven organismos asociados, como corais ou peixes de arrecife, convertendo os arrecifes de coral de augas cálidas no sustento da “maior biodiversidade de organismos mariños da Terra”, sendo coñecidos como os “bosques tropicais do mar”. Unha proporción substancial desta biodiversidade localízase no arquipélago Indo-Australiano, “sendo esta rexión un punto crítico de biodiversidade mariña”. 

Unha proporción substancial desta biodiversidade localízase no arquipélago Indo-Australiano

Pero a distribución dos arrecifes non foi sempre a mesma, xa que no pasado xeolóxico, explica Jones, “os ecosistemas de arrecifes de coral tamén se localizaban máis aló dos trópicos e, de feito, téñense atopado restos fósiles en latitudes > 40º”. O obxectivo deste equipo internacional, do que forma parte o investigador do Mapas Lab, é determinar cales foron as causas de diferenzas tan marcadas na distribución dos arrecifes no pasado. Para este estudo, que se realizou neste último ano, adoptaron “un enfoque interdisciplinar innovador para probar se o clima impulsou a distribución espacial dos arrecifes de coral no pasado xeolóxico”, explica así Jones.

Modelos de idoneidade do hábitat e reconstrucións do paleoclima

Como relata Jones, “o clima tense postulado como o principal impulsor das distribucións do pasado dos arrecifes de coral”. Así, os estados de clima máis cálido provocarían máis distribucións de arrecifes de coral cara aos polos, mentres que os estados de clima máis frío deberían conducir a distribucións restrinxidas a latitudes tropicais.

Non obstante, apuntan os investigadores, “os traballos previos non foron quen de atopar unha forte relación entre a temperatura global e a distribución latitudinal dos arrecifes de coral”. Os científicos recoñecen que aínda que isto poida resultar sorprendente, “o rexistro fósil é intrinsecamente incompleto e nesgado, xa que non todos os restos de organismos ou ecosistemas que persistiron no pasado están rexistrados no rexistro fósil”. Ademais, engaden, o feito de centrar os esforzos das mostraxes no hemisferio norte provoca un rexistro nesgado. Tanto é así que algún traballos previos demostraron que o factor individual máis importante que explica a distribución da mostraxe de arrecifes antigos é o PIB, xa que a maioría dos datos coñecidos de arrecifes fósiles proveñen de países ricos.

Os principais resultados

Fronte a este reto, o equipo internacional deste estudo decidiu empregar modelos de idoneidade do hábitat e reconstrucións do paleoclima para predicir a distribución do hábitat adecuado para os arrecifes de coral durante os últimos 247 millóns de anos, en función das súas tolerancias actuais.

“Despois validamos as nosas predicións empregando os datos de ocorrencia de fósiles de arrecifes de coral de augas cálidas” e demostraron que “unha distribución latitudinal máis ampla de hábitat climaticamente adecuado persistiu entre hai 247 e 37 millóns de anos debido a condicións climáticas máis cálidas e unha distribución máis uniforme do substrato mariño pouco profundo”. Porén, a área de hábitat climaticamente adecuado nesgouse cada vez máis cara aos trópicos dende hai 37 millóns de anos como consecuencia do arrefriamento global e o aumento do substrato mariño tropical pouco profundo como resultado da evolución tectónica do arquipélago indoaustraliano. 

Así, a conclusión clave do estudo é que os cambios no clima pasado que impactaron na temperatura da superficie do mar, así como a distribución do hábitat de augas pouco profundas deron forma á distribución actual dos arrecifes de coral”. Con todo, aínda que os resultados  suxiren que o quecemento global podería permitir expansións a longo prazo cara aos polos. “É pouco probable que os ecosistemas de arrecifes de coral sigan o ritmo da rápida taxa de cambio climático antropoxénico”, conclúen os investigadores.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.