O hospital Meixoeiro de Vigo acollerá un Living Lab para experimentar novas terapias e solucións innovadoras contra as demencias que está a desenvolver o Servizo Galego de Saúde dentro do proxecto europeo Innov4life, no que se colabora coa rexión Norte de Portugal. Nestes momentos está aberto ata o 20 de outubro o período de presentación de proxectos que poderán participar nesta iniciativa.
O Living Lab foi presentado nun acto que tivo lugar o pasado venres no propio hospital Meixoeiro de Vigo ao que asistiron distintas autoridades. Unha vez seleccionadas as solucións que se presentarán no Living Lab comezarán o desenvolvemento destes proxectos no propio Living Lab de Vigo e tamén na Casa de Misericordia Riba de Ave de Portugal, que colabora neste programa europeo xunto ao Sergas, a ACIS, a Universidade do Porto e a asociación AFAGA de enfermos de alzhéimer e outras demencias de Galicia.
Segundo explica José María Romero, director de Innovación da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o obxectivo principal do proxecto é probar as distintas solucións que presenten as entidades participantes na convocatoria e, unha vez comprobada a súa eficacia, poderán chegar a incorporarse como solucións innovadoras nos centros sanitarios do Sergas para afrontar as problemáticas das demencias, unha patoloxía cunha alta incidencia na poboación galega. En total poderán seleccionarse ata 15 proxectos en Galicia e outros tantos en Portugal.
Romero sinala que o proxecto europeo xa se atopa bastante avanzado. “No Living Lab de Vigo probaranse as solucións máis maduras que son aquelas que contan ata un TRL 7 (índice que mide o grao de desenvolvemento dos proxectos) nunha escala que chega ata 9. Son proxectos que xa están listos para ser probados”, sinala Romero.
O orzamento total do programa achégase ata o 1,5 millóns de euros. Unha vez que os proxectos sexan probados con éxito cada unha das entidades que os promoveron poderán comercializalos tanto en hospitais públicos como privados. Dende o Sergas a intención é incorporar aquelas solucións que sexan máis interesantes e poidan ser máis efectivas nos centros sanitarios galegos.
Estimulación sensorial e realidade virtual
O director de Innovación de ACIS apunta que, entre as solucións que se están a presentar, as máis habituais son aquelas que se relacionan coa estimulación multisensorial e coa realidade virtual, dous tipos de iniciativas que adoitan ofrecer bos resultados nos tratamentos para os distintos tipos de demencia.
O Living Lab de Vigo vai contar con espazos que impulsan a experimentación en contornas do mundo real dos axentes innovadores no terreo da saúde, o que permite involucrar a pacientes e profesionais do sistema sanitario galego na proba, pilotaxe, avaliación e validación de solucións tecnolóxicas de saúde no campo das demencias.














