A proba galega que permite detectar demencia en apenas dous minutos

Un sistema de validación creado por un equipo da USC utiliza unha versión reducida da escala de denominación de Boston

A falta de datos epidemiolóxicos suficientemente contrastados, estímase que en Galicia pode haber unhas 70.500 persoas con alzhéimer ou algún outro tipo de demencia, o que afectaría o 12,5% das persoas maiores de 65 anos e o 31,25% das persoas que superan os 85 anos, segundo estima a Federación de Alzheimer Galicia. Os datos máis recentes advirten de que para 2050 a prevalencia da demencia se duplicará en Europa e se triplicará en todo o mundo.

Diante deste escenario, para rastrexar e detectar dificultades de forma rápida realízanse escalas de cribado, entre elas a escala de denominación de Boston (BNT), unha proba de 60 láminas con debuxos de obxectos cotiáns (como compás, bozo, afialapis) que avalía a capacidade para dicir o seu nome en pacientes con distintas dificultades, entre eles quen teñen demencia.

Publicidade

Mais esta escala, e outras existentes, presentan algúns problemas de cribado dada a súa excesiva duración e que non están pensadas para pacientes con escaso nivel educativo nin probadas en condicións habituais de práctica xeriátrica, o que atrasa a diagnose precoz destas doenzas en moitas persoas.

Versión reducida

Na solución destas eivas vén traballando o equipo de investigación do profesor titular de Psiquiatría da Universidade de Santiago (USC) e responsable da Unidade de Psicoxeriatría do CHUS, Raimundo Mateos Álvarez, cuxo equipo de investigación elaborou unha versión reducida -o BNT10- con unicamente 10 láminas que intenta discriminar o mellor posible os pacientes con demencia dos cognitivamente intactos.

Con ela supérase ademais outro obstáculo como era que a maior parte das escalas nas súas validacións orixinais non tiveron en conta aqueles pacientes sen escolaridade ou cunha escolaridade moi baixa, “o que produce un nesgo cando se empregan estas escalas na nosa comunidade”, explica o profesor Mateos.

A eficacia do BNT10 acaba de demostrala Marta Torrente Carballido na súa tese doutoral defendida recentemente na Facultade de Medicina, que se propoñía probar, en condicións de práctica clínica xeriátrica habitual, a validez desa proba breve para detectar demencia e deterioro cognitivo leve nunha poboación con baixo nivel educativo. O traballo dirixíronllo o profesor Mateos e mais a doutora Consuelo Nebreda Vicario, precisamente a autora da versión abreviada do BNT que se acaba de someter a validación práctica.

Concretamente, o BNT10 validouse nunha mostra de 441 pacientes nunha consulta especializada de Xeriatría na área sanitaria de Vigo, cunha poboación de avanzada idade (unha media de 80 anos), de predominio rural e de baixo ou moi baixo nivel educativo.

Óptima pola rapidez e sinxeleza

O que marca a diferenza co resto de escalas é que a versión galega permite detectar dificultades na denominación dos obxectos das láminas nuns 2 minutos, “algo fundamental porque nas consultas prima a rapidez, xa que temos un tempo moi limitado para ver os pacientes, e así axúdanos a realizar un mellor cribado das demencias en Galicia, un territorio onde aínda hai moitos pacientes cun nivel de escolaridade moi baixo aos que moitas das probas de avaliación ou de cribado non teñen en conta” , explica Marta Torrente.

“Ademais -engade a autora- a investigación realizouse nun contexto de práctica clínica xeriátrica e cunha mostra o suficientemente grande e incluínte do habitual baixo nivel educativo dos nosos maiores como para recomendar puntos de corte idóneos axustados ao nivel educativo dos pacientes”.

Logo do estudo, a investigación de Marta Torrente constata que a sinxeleza do instrumento, a súa rapidez e as súas boas capacidades psicométricas converten o BNT10 nun instrumento idóneo de cribado de deterioro cognitivo e demencias na práctica clínica habitual. Conclúe a investigadora que sería desexable realizar futuras investigacións sobre a súa idoneidade para complementar o rendemento doutros tests igualmente sinxelos en contextos de práctica clínica habitual, tanto xeriátrica como de atención primaria.

Marta Torrente acadou pola súa tese de doutoramento Validez del BNT10 para el cribado de demencia con población de bajo nivel educativo en la práctica clínica geriátrica habitual a cualificación de sobresaliente Cum Laude. O tribunal que a xulgou estivo presidido pola profesora Lia Paula Nogueira Sousa Fernandes, da Universidade do Porto; con Carlos Spuch Calvar, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, como vogal, e Arturo Jose Pereiro Rozas, da USC, como secretario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Comer carne vermella aumenta o risco de padecer demencia senil

Un estudo analizou a dieta de máis de 130.000 persoas durante 43 anos, nos que 11.173 delas foron diagnosticadas con demencia senil

Un estudo galego cuantifica por primeira vez un “probable canceríxeno” en fórmulas para lactantes

O traballo, que vén de desenvolver e validar un novo método para analizar contaminantes nos alimentos, detectou acroleína en varias mostras

Drogas, sexo e desinhibición: que é o ‘chemsex’ e que riscos implica?

Esta práctica está asociada ao consumo de substancias psicoactivas específicas para mellorar ou prolongar as experiencias sexuais

Un estudo da UVigo constata os beneficios de exercicios hipopresivos durante o posparto

As investigadoras realizaron un ensaio clínico para tratar os problemas nos músculos abdominais debidos ao crecemento do feto e os cambios hormonais