Investigadores do CITMaga impulsan un test de diagnose non invasiva do cancro endometrial

Un equipo do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática participa na creación dun dispositivo que se utilizará directamente nas consultas médicas

Investigadores galegos participan nun proxecto europeo centrado no desenvolvemento dun test de diagnóstico de cancro de endometrio non invasivo. A través do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga)—un organismo impulsado polas tres universidades galegas— o equipo centrarase na produción de modelos matemáticos e algoritmos que axuden no proceso.

O de endometrio é o cuarto cancro máis común en mulleres e dos poucos cancros cuxa incidencia segue en aumento. A súa detección precoz é fundamental, xa que está directamente asociada á supervivencia das pacientes. Na actualidade non hai métodos de cribado dispoñibles para esta enfermidade e o diagnóstico só se realiza no caso de mulleres que presentan síntomas. Por este motivo, xorde a necesidade de establecer un proceso de cribado rigoroso, rápido e pouco invasivo para as pacientes.

Publicidade

Método non invasivo, fiable e rápido

O equipo de investigación do CITMAga, coordinado por María Ángeles Casares de Cal xunto a Antonio Gómez Tato, encárgase do desenvolvemento de modelos matemáticos e algoritmos que axuden no proceso. Tal como explica o profesor Gómez, “o diagnóstico de cancro de endometrio non é algo simple, senón que inclúe probas médicas invasivas, que requiren quirófano e anestesia. O obxectivo do proxecto é desenvolver un método non invasivo, fiable e rápido, para poder descartar, ou non, que a paciente teña cancro”.

Antonio Gómez TatoMaría xunto a Ángeles Casares de Cal.

Neste proxecto, unha vez extraídas mostras de mulleres con e sen a enfermidade, búscase o perfil das proteínas vencelladas ao cancro de endometrio. Para iso selecciónanse varios biomarcadores cos que se desenvolve o modelo matemático. Este vai permitir coñecer con alta probabilidade se a paciente presenta ou non a enfermidade.

Publicidade

Logo, as empresas europeas participantes no proxecto encargaranse de desenvolver un pequeno dispositivo para utilizar directamente nas consultas médicas. Deste xeito, identificando biomarcadores no fluído cervical das pacientes pódese axilizar o proceso e coñecer o diagnóstico na propia consulta, a través desta ferramenta personalizada.

Cambio no paradigma do diagnóstico

“Así, cando unha paciente presente algún síntoma compatible coa enfermidade, mediante unha simple análise dunha mostra obtida na consulta, poderase descartar ou non a presenza dun cancro endometrial e, polo tanto, evitar biopsias innecesarias”, asegura Gómez.

O primeiro paso foi validar o potencial duns biomarcadores previamente identificados nun estudo clínico realizado polo Instituto de Investigación Vall d´Hebron co apoio do Instituto de Saúde de Luxemburgo. As proteínas candidatas combínanse con datos clínicos mediante técnicas de aprendizaxe automática, grazas aos modelos desenvoltos polo investigadores do CITMAga no proxecto. Estes algoritmos serán utilizados polo dispositivo, de cuxo deseño e programación se encargarán empresas biotecnolóxicas de Turquía e Lituania. O proxecto rematará cun estudo clínico que se vai levar a cabo en diversas consultas hospitalarias de España e Turquía. 

“O  test de diagnóstico derivado deste proxecto permitirá un cambio no paradigma de como se diagnostica na actualidade o cancro de endometrio, beneficiando a pacientes, médicos e ao sistema de saúde”, salientan os profesores investigadores do CITMAga.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla