O gas radon, o asasino silencioso que se agocha en casas e edificios de Galicia, non ten o mesmo perigo para os homes que para as mulleres. Os varóns teñen maior probabilidade de acabar padecendo un cancro de pulmón en comparación cas mulleres. Un desenlace no que intensidade e duración da exposición a este gas xogan un papel semellante. E no que o tabaquismo incrementa as posibilidades de sufrir un tumor.
Son as principais conclusións dun novo estudo sobre o radon, un gas inodoro, incoloro e insípido que é froito da desintegración do radio e uranio presente en toda a cortiza terrestre. O traballo vén de ser publicado recentemente na revista Science of the Total Environmental, ca firma principal de Lucía Martín-Gisbert e Alberto Ruano, investigadores do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS).
O traballo suma un grao de area máis sobre o, ata hai ben pouco, un absoluto descoñecido entre a poboación galega. De feito, un estudo publicado a comezos de 2024 sinalaba que case un de cada catro galegos non sabe que o radon é canceríxeno. Isto ocorre na comunidade máis afectada por este perigoso axente canceríxeno, segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco. Segundo datos do Consello de Seguridade Nuclear, o 70% do territorio de Galicia supera os 300 becquerelios por metro cúbico, limiar máximo permitido na lexislación laboral comunitaria para evitar os efectos canceríxenos deste gas.

Malia levar anos no centro do debate, non foi ata hai un ano cando a Xunta de Galicia comezou a mover ficha. Fíxoo, en primeiro lugar, ca entrada en vigor, logo de case dous anos de moratoria, da normativa que obriga ás empresas a levar a cabo medicións periódicas nos centros de traballo. Se detectan niveis de concentración superiores ao limiar dos 300 becquerelios por m3, deberán implantar solucións, como ventilación ou sistemas de illamento. Controis aos que están obrigadas todas as empresas de 283 dos 313 concellos, consideradas zonas de alto risco.
Agora, o traballo dos investigadores da Universidade de Santiago permite ir acoutando un pouco máis cales son os factores que máis acaban por influír no desenvolvemento de tumores nos pulmóns. Os resultados, como subliña o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alberto Ruano; achegan conclusións preliminares que abren a porta a novas vías de investigación. A primeira, que a incidencia é maior en homes. A segunda, que nivel de exposición e duración son semellantes, só coa primeira lixeiramente á cabeza. E terceiro, que a combinación co tabaco eleva o risco de acabar sufrindo cancro.
Exposición e duración
O novo estudo impulsado confirma que tanto a duración como a intensidade da exposición ao radon aumentan de forma significativa o risco de padecer un cancro de pulmón. Fano en niveis parellos, aínda que, por regra xeral, os resultados acadados polos investigadores galegos apuntan a que a intensidade da exposición podería ser un factor “lixeiramente” máis prexudicial que o tempo.
En todo caso, a diferenza entre un e outro son, polo de agora, moi pequenas. “Buscabamos que houbese algunha diferenza, pero hai que fiar moi fino para pensar que xogue un papel diferente a intensidade fronte á duración, e viceversa”, sinala Alberto Ruano, que apunta que este é o primeiro estudo que vai “máis alá” de detectar un cancro de pulmón cando a exposición ao radon supera os 35 anos.
Para perseguir esta diana, os hábitos da poboación galega xogaron un papel fundamental. Até o de agora, este tipo de estudos sobre exposición e intensidade a longo prazo centráranse nun nicho concreto: os mineiros. Un gremio que ten unhas características moi particulares e que dificulta que os resultados sexan transferibles á poboación xeral. Por exemplo, na alta incidencia do tabaquismo, xa que máis do 70% dos mineiros son consumidores habituais de tabaco.

“En Galicia, fronte a outros lugares, temos unha vantaxe, porque a xente vive moito tempo no mesmo domicilio“, apunta o investigador do IDIS, membro dun equipo que, grazas a estar factor de longa permanencia nunha mesma casa, conseguiron extraer modelos para analizar asuntos como as posibles diferenzas entre sexos da exposición ao radon.
Máis en homes que en mulleres
Desta forma, os resultados do estudo deixan entrever que os homes teñen máis probabilidade de acabar padecendo un cancro de pulmón provocado polo gas radon. O por que aínda non está claro e será necesario levar a cabo novas investigacións, a partir desta, para determinar as causas, segundo recoñece Alberto Ruano. “Nos estudos que fomos publicando sobre non fumadores, en 2019, vese que o risco de cancro de pulmón existe, tanto en homes como en mulleres, e que en mulleres é inferior que en homes. E isto volve a verse neste estudo“, engade.
Esta liña, comprender por que afecta máis aos varóns que ás mulleres, será unha das liñas de traballo do equipo da Universidade compostelá nun futuro próximo, no que tamén tratarán de continuar identificar os riscos asociados ao tabaquismo en función ao consumo e, tamén, como afecta o radon a persoas que non fuman. Todo para continuar a agrandar o coñecemento sobre un asasino que comeza a quedar cada vez máis exposto logo de anos fóra da nosa vista.














