Un bolígrafo con intelixencia artificial identifica o párkinson a través da escritura

O sistema analiza os movementos dos pacientes en distintas superficies e determina cunha precisión de máis do 95% o diagnóstico

Científicos da Universidade de California desenvolveron un bolígrafo con ferrofluido, unha tinta con pequenas partículas imantadas. Ao escribir, a tinta desprázase e xera sinais eléctricos analizables mediante intelixencia artificial. O estudo, publicado na revista Nature Chemical Engineering, indica que o seu funcionamento podería axudar a detectar o párkinson, xa que integra unha rede neuronal capaz de identificar patróns nos textos manuscritos de persoas con esta enfermidade neurodexenerativa.

O seu sistema analiza os movementos dos pacientes no aire, ou en calquera superficie, e distingue a súa caligrafía para diferenciar cunha precisión de máis do 95% se unha persoa ten ou non párkinson nas fases iniciais da enfermidade.

Publicidade

Tarefas fáciles de escritura

O investigador principal do estudo, Jun Chen, e o seu equipo recrutaron a 16 persoas para o seu proxecto: 3 pacientes tiñan párkinson e 13 non, cunha distribución equitativa por sexo. Os participantes realizaron tarefas fáciles de escritura como o debuxo de liñas onduladas para asegurarse de que non houbese complicacións para as persoas con dificultades de lectura ou falantes non nativos.

O bolígrafo rexistrou sinais eléctricos grazas ao movemento que os participantes facían ao escribir e detectaron que, naqueles coa enfermidade, xurdían picos menores asociados a irregularidades motoras. Despois, unha rede neuronal distinguiu as persoas que tiñan a enfermidade e as que non cunha precisión media do 96,22%.

Publicidade

Diagnóstico complementario

Tradicionalmente, dado que a maioría dos síntomas diferenciais inclúen tremores nas extremidades, o diagnóstico tradicional realizábase mediante a observación médica das habilidades do paciente. Agora, este novo sistema permite saber se unha persoa ten a afección en zonas con menores recursos. Isto débese a que a súa fabricación depende da impresión 3D e elabórase con materiais de baixo custo.

De feito, o acceso a persoal sanitario especializado nestas rexións é moi baixo, cun número insuficiente de neurólogos (entre 0,003 e 0,3 por cada 100.000 habitantes). Este achado é especialmente beneficioso para persoas non tratadas e que aínda non se recoñecen como posibles pacientes, segundo indica o estudo.

Sen fontes de enerxía externa

Así mesmo, ao xerar electricidade coa súa punta magnetoelástica e a tinta de ferrofluido, este dispositivo non necesita enerxía externa para funcionar. A razón deste fenómeno atópase no campo electromagnético. Cando se preme a súa punta ou se move o ferrofluido do seu interior altérase o fluxo magnético.

Estes cambios ou modificacións recíbenas unhas bobinas capaces de inducir tensión eléctrica analizable segundo o que os científicos chaman a lei de indución de Faraday. En definitiva, este bolígrafo podería ofrecer unha vía innovadora que complemente os métodos existentes para o diagnóstico do párkinson e facilitar a detección temperá. Con todo, os autores sinalan que aínda necesitan máis estudos para explotar o potencial do dispositivo na progresión do párkinson nas súas diferentes etapas.


Referencia: Neural network-assisted personalized handwriting analysis for Parkinson’s disease diagnostics (Publicado en Nature Chemical Engineering)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A USC e Cambridge descobren un mecanismo clave na neurodexeneración e na neuroreparación

O traballo publicado en 'Nature' suxire un cambio de paradigma na comprensión de enfermidades como a esclerose múltiple, o alzhéimer e o párkinson

Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC Galicia desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII