O canceríxeno gas radon: canto hai no teu posto de traballo?

*Un artigo de Logo The Conversation

O gas radon forma parte do aire que respiramos e é incoloro, inodoro e insípido. Emite radiación ionizante como resultado da descomposición natural do uranio-238 que forma parte das rochas da cortiza terrestre. Desde o subsolo ascende e pode filtrarse ao interior de vivendas e lugares de traballo a través de fendas, fisuras e xuntas mal seladas. En ocasións alcanza concentracións perigosas para a saúde, polo que cabe preguntarse canto radon hai nos nosos fogares e postos de traballo.

Publicidade

O radon é un axente carcinóxeno humano tipo I (asociación demostrada) vinculado causalmente co cancro de pulmón. A relación entre a exposición a radon e o risco deste tipo de cancro é de tipo dose-resposta: a máis exposición, maior risco. Os primeiros estudos realizáronse en mineiros durante o século pasado e posteriormente leváronse a cabo na poboación xeral ata confirmar que as persoas expostas a concentracións elevadas de radon nas súas vivendas tiñan un maior risco de cancro de pulmón.

Hai múltiples factores que inflúen na concentración de radon en espazos interiores, pero o máis importante é o contido de uranio nas rocas da cortiza terrestre sobre as que se asentan as edificacións e o grao de illamento do edificio co solo.

Publicidade

España tarda en aplicar as directivas europeas

En 2013 a Unión Europea publicou a Directiva para a Protección fronte ás Radiacións Ionizantes, que establecía un prazo de aplicación de ata febreiro de 2018. Ademais, poñía un nivel de referencia máximo de 300 bequerelios por metros cúbicos (Bq/m³) para vivendas e lugares de traballo, entre outros aspectos.

España implementou esta directiva con moito atraso, en decembro de 2022, cun Real Decreto que obriga os empregadores a protexer os traballadores fronte á exposición a radon. En concreto, obriga a que se mida en todos os lugares de traballo subterráneos, mediante laboratorios acreditados pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

Mapa do radon en España. Anexo II da sección HS6 do Código Técnico de Edificación.

Ademais, nos municipios de zonas prioritarias é necesario realizar medicións en plantas baixas. As zonas prioritarias deben ser indicadas polo Consello de Seguridade Nuclear. Na actualidade, estamos á espera da designación destes lugares. Todo parece indicar que serán aqueles indicados como de tipo II polo Código Técnico de Edificación, localizados sobre todo en Galicia, Madrid, Estremadura, Castela e León e Cataluña.

No caso de que os niveis de radon superen os 300 Bq/m³, o Real Decreto require que se implementen accións de mitigación para protexer e reducir a exposición dos traballadores.

É elevada a exposición a radon no traballo?

O estudo máis amplo realizado en España sobre este tema foi publicado en 2023. Inclúe datos de 3.140 postos de traballo en 14 provincias españolas, aínda que a maioría localizados en Galicia.

No noso traballo, un de cada cinco postos de traballo superaron os 300 Bq/m3. Observáronse diferenzas entre sectores: os máis expostos ao radon foron o cultural e o educativo; os menos, o financeiro e téxtil. Como era esperado, a concentración do gas diminuía a medida que o posto se afastaba do subsolo: un 30% dos traballadores baixo rasante terían exposicións por encima dos 300 Bq/m³, fronte a un 17% en primeiras plantas.

A localización xeográfica do espazo laboral segundo a clasificación do municipio é tamén fundamental. Mentres un 21% dos postos en municipios con alto potencial de radon superaban os 300 Bq/m³, esta porcentaxe era só dun 1% cando se localizaban noutras zonas.

Cabe destacar que nun 4% de todos os postos de traballo incluídos neste estudo atopáronse concentracións extremas de radon, por encima dos 1.000 Bq/m³.

Ata que punto supón un risco para a saúde?

A evidencia dispoñible indica que a relación entre radon e cancro de pulmón é lineal. O período de latencia entre a exposición ao gas e a aparición de síntomas pode estenderse décadas (polo menos 20 anos de exposición elevada) para que o risco de cancro de pulmón poida incrementarse de forma significativa.

Tamén sabemos que existe unha importante interacción entre a exposición a radon e o consumo de tabaco. De feito, a maior parte dos casos de cancro de pulmón atribuídos ao radon ocorren en fumadores e exfumadores. Por tanto, se a persoa exposta non fumou nunca, o seu risco, aínda que existe, é máis baixo que o dunha persoa fumadora.

Finalmente, tamén debe considerarse o feito de que esa persoa exposta no traballo pode ter unha concentración de radon elevada na súa vivenda. Sobre todo se reside nunha zona de alto potencial de radon e nunha planta baixa.

Isto non elimina a obrigación que ten na actualidade o empregador de avaliar e reducir a concentración dese gas da forma máis eficiente e rápida posible. Isto pódese lograr, na gran maioría de situacións, de forma sinxela.

En definitiva, a medición de gas radon e a súa mitigación (cando aplique) é unha obrigación por parte dos empregadores como parte da protección da saúde dos traballadores. Afortunadamente sabemos como se mide, como se reduce e como afecta á saúde. Xa non hai escusa para aplicar a normativa e conseguir un ambiente laboral máis saudable ante un carcinóxeno que sempre estivo aí, pero ao que non se lle prestou a suficiente atención.


*Alberto Ruano Raviña é catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Lucía Martín de Bernardo Gisbert é investigadora en Epidemioloxía e Saúde Pública da Universidade de Santiago.

Cláusula de divulgación:

  • Os dous autores deste artigo traballan na dirección do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, un Laboratorio acreditado por ENAC para medir radon en aire polo método de trazas e polo método en continuo. Este laboratorio realiza medicións comerciais, pero non ten ánimo de lucro ao ser un laboratorio universitario. Os autores declaran que a pesar da súa filiación co Laboratorio de Radon de Galicia (USC) dita filiación non afecta o contido deste artigo.
  • Lucía Martín de Bernardo Gisbert traballa na dirección do Laboratorio de Radon de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, un Laboratorio acreditado por ENAC para medir radon en aire polo método de trazas e polo método en continuo. Este laboratorio realiza medicións comerciais, pero non ten ánimo de lucro ao ser un laboratorio universitario. A autora declara que a pesar da súa filiación co Laboratorio de Radon de Galicia (USC) dita filiación non afecta o contido deste artigo.

Este artigo foi revisado e aprobado polo Grupo de Traballo de Cancro da Sociedade Española de Epidemioloxía.

Alberto Ruano Raviña e Lucía Martín de Bernardo Gisbert
Alberto Ruano Raviña e Lucía Martín de Bernardo Gisbert
Alberto Ruano Raviña é catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago. Lucía Martín de Bernardo Gisbert é investigadora en Epidemioloxia e Saúde Pública da Universidade de Santiago.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Por que terxiversamos a información cando ameaza as nosas crenzas?

O principal motor psicolóxico da desinformación e das teorías da conspitación non é outro que a defensa das nosas ideas para ter razón a toda costa