Venres 19 Abril 2024

Un estudo atopa exceso de radón nun terzo das aulas de Galicia e Portugal

Tomaron unha mostra de 416 habitacións e a superabundancia foi máis común nas áreas urbanas da Coruña (45%) e as zonas rurais de Lugo (30%)

O alumnado e o profesorado podería estar máis exposto ao gas radón nos centros escolares que nos seus fogares. Iso conclúe un estudo realizado por investigadores da grupo de Epidemioloxía e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC). Un terzo das aulas nas que se realizaron as medicións —repartidas entre Galicia e o norte de Portugal— exceden o valor de referencia marcado pola Unión Europea, situado en 300 becquerelios por metro cúbico (Bq/m3, unidade de medida). Estes excesos foron máis comúns nas áreas urbanas da Coruña (45%) e as zonas rurais de Lugo (30%); mentres que no resto de localizacións non superaron o 10%. A investigación insta á medición do radón en todos os colexios, para o que consideran necesario gasto público. Incentiva, ademais, ao desenvolvemento dun protocolo para a toma de mostras no ámbito escolar deste gas radioactivo, cuxa inhalación en exceso pode provocar cancro de pulmón, especialmente en persoas fumadoras.

O estudo realizouse nun total de 416 aulas escolares de zonas urbanas e rurais de Galicia (provincias da Coruña e Lugo) e Portugal (distritos de Porto e Bragança). Fixeron tamén unha medición en Ourense, pero, ao non ser unha mostra representativa da provincia, excluírona do estudo final. “Temos uns niveis parecidos de radón no norte de Portugal e Galicia. Son zonas cunha xeoloxía moi similar e sabemos que o potencial do gas é comparable”, xustifica Lucía Martín Gisbert, investigadora predoutoral adscrita ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e principal asinante do paper.

Publicidade

No caso das escolas galegas, foron as mesmas as que se puxeron en contacto co Laboratorio de Radón de Galicia porque estaban interesadas en medir os seus niveis en relación ao gas. “Este tipo de colexios están interesados porque saben que están nunha zona con potencial de radón. Sendo realistas, a mostra está nesgada neste sentido. O que fomos medindo foi a demanda”, apunta. O radón (radon-222) é, segundo explica o estudo publicado, “un gas radioactivo natural incoloro, inodoro e insípido orixinado na desintegración do uranio que se atopa no solo e nas rochas, atravesa o solo e penetra nos edificios a través de fendas dos cimentos ou, en menor medida, dende materiais de construción”.

Os niveis de radón alcanzados en interior están directamente relacionados, na metade dos casos, ás características propias da habitación ou do edificio

Os niveis de radón alcanzados en interior están directamente relacionados, na metade dos casos, ás características propias da habitación ou do edificio, como a súa localización ou o material de construción —os factores máis influentes de todos os estudados—. En menor medida, tamén son determinantes a idade dos ocupantes, o andar ou o tipo de xestión do centro (pública ou privada).

A investigación tivo en conta estes elementos en substitución doutros para os que non posuían as ferramentas para cuantificar: “O ideal era ter medicións sobre a ventilación e as correntes de aire que se xeran, que é o que realmente impacta nos niveis de radón. Supoñiamos que os niveis variarían, por exemplo, en función da idade dos mozos que estivesen alí estudando ou as súas dinámicas. Non é o mesmo unha clase de infantil, onde os nenos se están a mover, que unha de Bacharelato, na que os rapaces pasan moito tempo sentados”. Comprobaron que esas dinámicas poden mudar a ventilación pola corrente que se xera dentro do espazo. Entender isto, o feito de que as condicións da habitación ou o edificio afectan directamente aos niveis de radón, é chave para desenvolver un protocolo axeitado.

O tabaco e o radón

A exposición ao radón causa cancro de pulmón, principalmente. Hai estudos semiconcluíntes sobre leucemia infantil e é unha cuestión que aínda está pendente de estudar en máis profundidade. O que si ten é unha forte interacción co tabaco. “Os efectos que teña o radón sobre a saúde dunha persoa dependen moitísimo de se fuma ou non. Unha persoa fumadora aumenta o seu risco respecto a unha que nunca o faga“, advirte Martín-Gisbert. Esta investigadora do grupo de Epidemioloxía e Saúde Pública ten clara cal debe ser a dirección que deben tomar as medidas de prevención: “Un colexio que, de verdade, queira evitar o cancro de pulmón debería remediar o radón e, ademais, realizar campañas contra o tabaco”.

“Os efectos que teña o radón sobre a saúde dunha persoa dependen moitísimo de se esa persoa fuma ou non”

LUCÍA MARTÍN GISBERT, principal asinante da investigación

Aínda non é evidente tampouco se afecta en maior medida a persoas máis novas. Fíxose un estudo en China con mineros, lembra Martín Gisbert, “e había algúns moi novos”. Comprobaron que aos mineiros que tiñan 12 ou 13 anos afectáballes máis. Estaban menos expuestos e tiveron un efecto similar que en persoas máis adultas expostas durante máis tempo. “Pero isto non está confirmado”, insiste a investigadora.

Cando unha zona é máis propensa ao radón?

O potencial do radón depende fundamentalmente de tres variables, indica Lucía Martín Gisbert: a características do solo (a súa xeoloxía, tipoloxía ou porosidade), de xeito que son os solos moi ricos en granito, que ten un alto contido de uranio, os máis propensos ao gas; a clase de construción, posto que as construcións moi antigas poden ter máis fendas e estar peor conservadas, e a ventilación. Entón, as zonas con alto potencial de radón son “aquelas que teñen un solo que emiten moito radón porque son moi graníticas e teñen edificacións que non están ben illadas del”, indica a líder da investigación.

Están desenvolvendo un estudo, aínda non publicado, que parece indicar que o sector educativo é un dos lugares de traballo que máis altos niveis deste gas presenta. “Pode ser porque moitos están situados en andares baixos”, pensa. “Canto máis aumentas as alturas, menos niveis de radón tes”, engade Martín Gisbert. A particulariedade das escolas é que son lugares onde pasan moito tempo tanto os traballadores como os usuarios. Nunha oficina, por outra banda, son únicamente os asalariados quen a habita durante horas.

Esta información, destacan no paper, é chave non só para as comunidades científicas e técnicas arredor dos estudos do aire en interiores, pero tamén para quen participa na toma de decisións e os xestores das escolas responsables de protexer a saúde das persoas. Consideran fundamental facer medicións en todos os colexios. Porén, para iso é necesario que os gobernos invistan en iniciativas de medición, mitigación e difusión pública.


Referencia: Quantifying indoor radon levels and determinants in schools: A case study in the radon-prone area Galicia–Norte de Portugal Euroregion (Publicado en Elsevier)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

Fumadores pasivos: respirar o fume alleo segue causando estragos

Este contaminante ambiental pode producir enfermidades como o cancro de pulmón, a cardiopatía isquémica e a morte súbita do lactante

Hai relación entre o radon e os tumores cerebrais? Así o estuda un equipo galego

O investigador da USC Alberto Ruano lidera o proxecto Radonbrain para afondar nunha patoloxía "de causas fundamentalmente descoñecidas"