Alberto Ruano: “No que respecta ao radón, España incumpre a lexislación europea”

O primeiro simposio estatal de radón laboral celébrase este martes en Santiago co obxectivo de mellorar as condicións dos traballadores

A ameaza que o radón supón para a saúde humana está mediada polo nivel de exposición. Por este motivo, moitas das accións levadas a cabo desde as institucións para remedialo están dirixidas ás vivendas, un dos lugares onde máis tempo pasan as persoas. Non obstante, hai outro espazo onde a concentración do gas pode supoñer un perigo pola mesma razón: o posto de traballo.

O vindeiro 27 de setembro celebrarase a primeira edición do simposio estatal de radón laboral no salón de actos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co patrocinio do Consello de Seguridade Nuclear (CSN). A xornada está organizada polo catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano Raviña.

Publicidade

—Por que é tan importante falar do radón no ámbito laboral?

—É un gas que, dende hai máis de 30 anos, está relacionado directamente co risco de cancro de pulmón. En 2014 estableceuse unha directiva europea fronte ás radiacións ionizantes pola cal todos os países tiñan que limitar a concentración de radón tanto en postos de traballos como en vivendas por debaixo dos 300 becquerelios por metro cúbico (Bq/m3). Para aplicar esta normativa deuse de prazo ata febreiro de 2018, mais a día de hoxe esta directiva non está trasposta na súa totalidade ao ordenamento xurídico español. É dicir, no que respecta ao radón, España está incumplindo a lexislación europea. É certo que hai unha limitación no que respecta as vivendas no Código Técnico de Edificación, pero falta por traspoñer precisamente o marco legal que afecta os postos de traballo.

“A lexislación cumpriuse de maneira bastante laxa, por non dicir que non se cumpriu”

—En relación aos niveis de exposición, todos os traballos son iguais?

—Hai postos que poden presentar unha maior probabilidade de radón polas súas características; ben porque son subterráneos ou están en lugares moi mal ventilados ou ben simplemente por estar situados en zonas onde hai moita exhalación de radón dende o subsolo. Por iso é importante protexer estes traballadores. Hai unha disposición legal publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) no 2012, a Instrución IS33, pola que se establece o límite en 300 Bq/m3 nalgúns lugares de traballo e de 600 Bq/m3 noutros. Eses postos nos que a concentración límite debe ser menor é nos establecementos, nos cales hai unha maior presenza do público que dos propios traballadores, por exemplo, centros de ensino, prisións e hospitais. Esta lexilación cumpriuse de maneira bastante laxa, por non dicir que non se cumpriu, pero é certo que hai empregadores tanto do ámbito público como do privado que pouco a pouco foron poñendo atención nesta cuestión.

—Quen controla a exposición dos traballadores?

—Na instrucción IS33 dispúxose que fora a Dirección Xeral de Industria de cada comunidade autónoma quen establecese un rexistro obrigatorio. Ese rexistro apenas se cumpriu e en moitas comunidades nin sequera existe. Descoñezo o estado actual de Galicia, pero hai tres ou catro anos fixemos un estudo en colaboración con Comisións Obreiras (CCOO) preguntando ás consellerías se o tiñan e non existía. Nestes momentos, por iso é tan oportuno facer o simposio, a normativa para regular a exposición ao radón no ámbito laboral está no Congreso de Estado, o órgano final antes da súa aprobación. Aínda non sabemos exactamente cal será a disposición final, pero algo que creo que ocorrerá é que a autoridade competente nisto vai ser Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS). É algo fundamental, porque a Dirección Xeral de Industria pode actuar ou non, pero a ITSS ten a capacidade de comprobar que calquera traballador no seu posto de traballo non vaia exceder o límite disposto.

—No simposio falarase desta nova normativa?

—Decidimos dividir a xornada en dúas partes. A primeira mesa redonda está enfocada en cuestións legais ou normativas. Participará Irene Marín, da ITSS, para falar das súas competencias neste tema; Marta García Talavera, do CSN, para explicar o papel do Consello na supervisión dos postos de traballo e no marco regulador; Claudia Narocki, do Instituto de Traballo, Ambiente e Saúde de CCOO, para ter en conta o punto de vista sindical; Luis Quindós, da Universidade de Cantabria, para poñer en valor a importancia da calidade nas medicións de radón, e Heloisa Fonseca, da Axencia Portuguesa de Ambiente, que explicará o que se fixo na materia xa que o país veciño vai máis avanzado ca nós.

En segundo lugar, decidimos enfocarnos nas boas prácticas en empresas e convidamos a persoas que están protexendo os seus traballadores de forma efectiva e ademais sen incorrer nun custe excesivo. Carolina Rodríguez e Teresa Raso traerán a experiencia de Abanca e Naturgy, respectivamente; Lucía Ferrón falará do sector público co exemplo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA); Dwight Lindstron, de Radon Control Services, explicará os distintos remedios no contexto laboral, e a miña compañeira, Lucía Martín, presentará Solución RadonPro, unha aplicación que desenvolvemos para os espazos onde non é viable unha solución constructiva.

“Hai unha porcentaxe relativamente alta de postos de traballo que supera o límite establecido pola Unión Europea”

—En xeral, excédense os 300 Bq/m3 nos postos de traballo?

—Nós, como laboratorio, estamos medindo en empresas, concellos e algúns lugares da administración pública. No simposio eu darei a conferencia inaugural e presentarei de forma novidosa os resultados dun estudo que nos financiaron de forma competitiva sobre as características de 3.000 postos de traballo onde medimos os niveis de radón. Non hai nada igual en España. Somos un centro de referencia, diría que mundial, e temos un mapa de radón con aproximadamente 6.000 medicións só en Galicia. O mapa nacional de vivendas ten 12.000, é dicir, estamos a anos luz do que se pode estar facendo en calquera sitio de España e, a nivel de xerar evidencia sobre o radón e a saúde, estamos moi por enirba do que se fai noutras partes.

Nestes resultados vemos que hai unha porcentaxe relativamente alta que supera ese límite establecido pola Unión Europea. Tamén é certo que isto pode estar sobreestimado polo feito de que hai institucións que queren medir porque cren que poden ter un problema co radón e isto é o que nós contamos nos resultados. Loxicamente, non podemos contar o que non medimos, mais en calquera dos casos a procentaxe non é para menosprezar.

—En canto as solucións tomadas no ámbito privado, os custes tamén son asumibles pola pequena e mediana empresa?

—Isto é máis problemático. O que hai que facer sempre é reducir esa concentración e adoita ser doado de facer cun investimento de cartos, tampouco unha cantidade excesiva. Con todo, hai sitios moi concretos onde non é posible e isto obrigaría, ao mellor, á rotación de traballadores. Afortunadamente estes casos normalmente non pertencen á pequena e mediana empresa. Por exemplo, se pensamos nun museo, aínda que tampouco é que sexa unha entidade moi potente, pode ser un edificio histórico catalogado como ben de interese cultural e non se poderá abrir un burato na parede. Neste caso os traballadores terían que rotar adaptándose aos escenarios. Se no museo hai unha cova subterránea e hai un traballador que sempre fai de guía alí e outro que queda fóra nos mostradores a solución sería facer quendas e que non tivese estes postos fixos, senón que fosen alternando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

‘Nature’ recoñece un estudo galego sobre mala praxe científica

As retractacións de artigos biomédicos cuadriplicáronse nos últimos 20 anos, segundo a análise liderada polo investigador da USC Alberto Ruano

O 23% da poboación galega non sabe que o radon é canceríxeno

Un estudo da USC analiza a percepción social deste gas, que é a primeira causa de cancro de pulmón entre non fumadores

Hai relación entre o radon e os tumores cerebrais? Así o estuda un equipo galego

O investigador da USC Alberto Ruano lidera o proxecto Radonbrain para afondar nunha patoloxía "de causas fundamentalmente descoñecidas"

Os galegos, os máis expostos ao radon nos seus postos de traballo

Un equipo da USC estudou a presenza deste gas en 3.100 centros laborais en España. O 89% están radicados en Galicia