O investigador Francisco Blanco, o máis citado do mundo no eido da disfunción mitocondrial

Un estudo internacional constata que a produción científica do profesor da UDC é a de maior influencia no seu campo

A produción científica do profesor da Universidade da Coruña (UDC) Francisco Blanco, coordinador do grupo de investigación en Reumatoloxía e Saúde, é a máis citada a nivel internacional nas publicacións especializadas por outros investigadores. Así o conclúe unha recente investigación desenvolvida por especialistas do Guangdong Provincial People’s Hospital. No seu estudo analizaron todos os artigos referentes á disfunción mitocondrial e o metabolismo óseo e enfermidades relacionadas entre os anos 2003 e 2022. De aí concluíron que a institución e o investigador máis citados no mundo son a UDC e o profesor Francisco Blanco, respectivamente.

Os expertos buscaron todas as publicacións de Web of Science Core Collection con varias ferramentas, analizando 555 rexistros. China, Estados Unidos e Corea son os países máis produtivos en investigación desta área e a UDC e Francisco Blanco os que teñen a maior influencia científica na investigación básica sobre a disfunción mitocondrial e o tratamento de enfermidades relacionadas co metabolismo óseo.

Publicidade

Unha longa traxectoria

Francisco J. Blanco García (Cee, A Coruña) cursou os seus estudos de Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago de Compostela e realizou a súa especialidade en Reumatoloxía no Hospital 12 de Octubre de Madrid. Foi Research Fellow na Universidade de California-San Diego (La Jolla), California, e doutorouse na UDC con Premio Extraordinario.

Desde 1996 é reumatólogo no Hospital Universitario da Coruña, onde desempeña o posto de xefe de Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional. É catedrático de Reumatoloxía na Facultade de Fisioterapia da UDC e coordinador do Grupo de Investigación en Reumatoloxía-Saúde no INIBIC e no CICA da UDC.

Publicidade

É académico correspondente da Real Academia Nacional de Medicina de España e da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia desde o ano 2003.

No ámbito universitario é director da Cátedra Fundación San Rafael-UDC, que ten como misión a estimulación da investigación biomédica, a difusión de hábitos de vida saudables, o deseño de programas formativos e a organización de foros e actividades dirixidas a profesionais médicos, investigadores e á sociedade en xeral. Como parte das actividades realizadas nesta Cátedra, o Dr. Blanco ofrece unha consulta solidaria (un día á semana e de forma altruísta) para os pacientes que son enviados desde tres asociacións galegas de pacientes, a Liga Galega de Reumatoloxía, a Asociación Galega de Lupus, e a Asociación Galega de Enfermidades Crónicas.

Blanco é un referente mundial na investigación básica e clínica sobre as enfermidades reumáticas

Blanco lidera o Grupo de Investigación en Reumatoloxía do INIBIC e da UDC. GIR é un grupo altamente multidisciplinar composto por 51 profesionais: investigadores clínicos e básicos con perfís complementarios: reumatólogos, enfermeiras, biólogos, estatísticos, farmacéuticos, químicos e outro persoal de apoio. O grupo desenvolve investigación translacional no ámbito das enfermidades reumáticas co obxectivo de mellorar a saúde dos pacientes reumatolóxicos. O seu programa científico artéllase arredor de seis áreas clínicas (artrose, artrite reumatoide, espondiloartropatías, conectivopatías, osteoporose e artrite microcristalinas) e as súas liñas de investigación prioritarias inclúen a Busca de Biomarcadores Proteómicos e Xenómicos de Diagnóstico, Prognóstico e Avaliación da Resposta Terapéutica das Enfermidades Reumáticas e o Estudo das súas Bases Xenéticas, Epixenéticas e Moleculares.

Francisco Blanco é na actualidade un referente mundial na investigación básica e clínica sobre as enfermidades reumáticas, e en particular, sobre a artrose, como proba disto recibiu o Basic Science Award outorgado á súa traxectoria científica en 2017 pola OARSI (Osteoarthritis Research Society International), sendo o primeiro investigador español e o quinto europeo en conseguilo desde a súa fundación no ano 1992.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Ferrol crea unha metodoloxía para avaliar os riscos dos combustibles marítimos alternativos

O investigador da UDC José Miguel Mahía deseña ao abeiro da súa tese unha ferramenta que permite identificar, clasificar e priorizar riscos en escenarios con información limitada

A UDC participa na creación dunha compresa intelixente para mellorar a detección da endometriose

Un equipo do CICA colabora nun proxecto europeo para identificar sinais temperás da enfermidade a partir de análises do fluxo menstrual

A segunda vida da roupa: a colaboración galega que transforma residuos téxtiles en decoración

Un equipo da UDC e unha 'start up' de Bergondo desenvolven novos materiais con descartes procedentes da industria

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas