Descuberto en Ourense o noveno hórreo máis longo do mundo

Máis anchos, máis longos, de pedra, de madeira ou incluso pintados de cores. Están espallados por toda a xeografía do país e supoñen un indiscutible sinal de identidade da cultura galega. Algúns sorprenden ao pé do mar, como os de Combarro. Outros impactan coa súa lonxitude, como o de Araño, en Rianxo, considerado o máis longo do mundo cos seus 37 metros de longo. Hai outros que parecen interminables, como o de Lira e o de Carnota. E a esta lista de espectaculares hórreos súmase un novo: o da Peroxa, en Ourense. Foi descuberto por un investigador durante uns traballos de campo. Non se tiña constancia e agora xa ostenta o título de noveno hórreo máis longo do mundo.

Segundo confirmaron dende a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), que foi o colectivo que deu a coñecer a nova, a construción está situada no Pazo de Ansariz. Ao principio pensouse que podería ser máis longo que o de Ozón, en Muxía, considerado o oitavo máis longo do mundo. Porén, despois das medicións oportunas descubriuse que tiña cinco centímetros menos. Consagrouse, así, como o noveno máis grande do mundo e o sétimo de Galicia cos seus 27,15 metros de longo por 1,15 metros de ancho.

Publicidade

O hórreo mide 27,15 metros de longo por 1,15 metros de ancho. Crédito: Apatrigal

Un hórreo de récord que, ata o de agora, non constaba nos rexistros oficiais. A casualidade ás veces é o mellor motor para o achado destes tesouros do patrimonio. A construción está dentro do recinto do Pazo de Ansariz, que é unha propiedade privada. A orixe da casa señorial data da segunda metade do XVII pero sufriu varias transformacións nos séculos posteriores. Ademais da capela e da torre, o maior elemento de interés é o seu longo hórreo. Ten un alto valor, ademais, porque este tipo de construcións son máis habituais das provincias da Coruña e Pontevedra que na de Ourense.

Outros tesouros do patrimonio

Unha das zonas onde se concentran máis hórreos é na Costa da Morte, onde existe un estilo típico e característico ligado ao seu chan e ao seu clima. Por exemplo, os trazos principais do hórreo fisterrán ou, como o chaman na zona, cabazo ou cabaceira, é unha cámara de pedra rectangular sustentada por pés con capiteis denominados tornarratos. Con todo, tamén existen zonas especiais onde os estilos chegan a mesturarse como en Carnota, onde hai contabilizados máis de 700 hórreos, ou en Mazaricos, onde se pode falar de diferentes variantes.

Publicidade

Tendo en conta estas dificultades para caracterizar as variantes de cada zona, hai un aspecto que é común en toda a Costa: a pedra. Isto contrasta fortemente cos hórreos típicos de interior onde a pedra tamén está presente nos soportes, pero o protagonismo na estrutura da cámara é da madeira. Ademais, o seu soporte adoita ser un celeiro, aínda que Xosé María Lema, o autor dunha das poucas obras que existen sobre estas construcións advirte da hibridación en zonas como Outes, o Val de Barcala ou Xallas: “As cámaras están feitas de madeira, pero están sustentadas sobre pés e tornarratos de pedra”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga