Xoves 25 Abril 2024

Capiteis romanos e rivalidades entre curas: os segredos dos hórreos da Costa da Morte

A escaseza de documentación xunto cos traslados das construcións dificultan a investigación arredor do seu valor etnográfico e artístico

Os hórreos forman parte da paisaxe galega así como da súa tradición e da súa cultura. En concreto, na Costa da Morte existe un estilo típico e característico ligado ao seu chan, ao seu clima e, por suposto, ás súas xentes. Nun percorrido polas súas orixes, o seu estado actual de preservación e algúns puntos emblemáticos no tocante á estética e á funcionalidade das construcións, as olladas expertas poderán descubrir todos os segredos que agochan.

O hórreo fisterrán e as súas variantes

Unha cámara de pedra rectangular sustentada por pés con capiteis denominados tornarratos. Estas son as características principais do hórreo fisterrán ou, como o chaman na zona, cabazo ou cabaceira. “Podemos atopalos nunha área bastante extensa que parte en Ponteceso, toca Carballo e Santa Comba, chegando a Outes. Dentro desta tipoloxía máis xeral tamén podemos atopar subvariantes segundo a zona”, explica Xosé María Lema Suárez, coautor xunto con Carlos Fernández Concheiro da obra O hórreo atlántico ou fisterrán: cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza, Galicia, publicada en 2011.

Publicidade

As variantes do hórreo fisterrán identificadas por Xosé María Lema e Carlos Fernández na súa obra publicada en 2011. Foto: O hórreo atlántico ou fisterrán: cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza, Galicia.

Estas variantes fanse visibles a través de distintos aspectos como o tamaño das pedras, a xeometría dos pés -cilíndricos, cónicos ou en forma de prisma- ou os lampións, que poden ser en forma de cruz ou piramidal. Así, o escritor e investigador identifica “a variante da ribeira baixa do río Anllóns, onde as pedras que conforman a cámara son moi miúdas; a da Terra Soneira e parte de Xallas, onde as pedras son moi xeométricas e están calculadas ao milímetro polos canteiros e os pés que sustentan a cámara son cónicos; ou a da Barbanza, onde a xeometría dos pés é moi variada e os tornarratos non son cilíndricos, senón que se parecen máis a un sombreiro”, aínda que recoñece que é unha clasificación complicada de facer porque as variacións poden ser mínimas.

Con todo, tamén existen zonas especiais onde os estilos chegan a mesturarse como en Carnota, onde hai contabilizados máis de 700 hórreos, ou en Mazaricos, onde “poderíamos falar de distintas variantes porque os canteiros traían de fóra os seus estilos”, explica Lema.

Tendo en conta estas dificultades para caracterizar as variantes de cada zona, hai un aspecto que é común en toda a Costa: a pedra. Isto contrasta fortemente cos hórreos típicos de interior onde a pedra tamén está presente nos soportes, pero o protagonismo na estrutura da cámara é da madeira. Ademais, o seu soporte adoita ser un celeiro, aínda que o autor dunha das poucas obras que existen sobre estas construcións tamén advirte da hibridación en zonas como Outes, o Val de Barcala ou Xallas: “as cámaras están feitas de madeira, pero están sustentadas sobre pés e tornarratos de pedra”.

Con respecto á denominación, o investigador sinala que naceu de “Ignacio Martínez, que publicou a súa investigación en 1979. El fixo un traballo enorme e ten moito mérito, xa que vivía no Uruguai e percorrera Galicia para estudar os hórreos. Ao final Fisterra é un punto emblemático e de aí o nome desta tipoloxía. Na miña propia investigación decidín ampliar o nome a estilo fisterrán-atlántico porque se ben Martínez diferenciaba entre o tipo Fisterra e o tipo Noia, eu creo que son subvariantes ou hórreos híbridos“.

Escasa documentación e mala conservación

Carlos Regueira é outro dos investigadores do panorama actual que en 2017 publicou unha obra arredor dos hórreos. O seu Atlas dos hórreos de Galicia comezou como unha monografía ás eiras de hórreos, tras visitar as do norte de Portugal e as que existen no oeste de Ourense e no leste de Pontevedra, pero ao dar coa investigación de Ignacio Martínez “vin que escribira bastante sobre o tema, pero baixo o meu punto de vista dunha forma incompleta. É certo que foi un bo traballo e unha base pola que comezar, pero hai que ter en conta os recursos que existían na época. Tamén estaba o libro de Xosé María Lema, pero restrinxido á Costa da Morte. Intentei buscar outras fontes de documentación pero había moi pouco de acceso público. Ao decatarme de que había moitos tipos de hórreos que non estaban recollidos decidín facelo eu e facelo dende un ton máis divulgativo”.

Así, Regueira atribúe esta dificultade para atopar rexistros sobre os hórreos ao entendemento que se tiña deles: “Creo que era algo familiar, entendido como un anexo necesario da casa popular. Por iso, nos rexistros de compra e venda das casas non aparecía, porque era considerado un anexo máis da finca. O curioso é que tampouco exista documentación sobre os hórreos monumentais”.

A este último aspecto refírese tamén Lema, quen sinala que “inclusive nos libros de fábrica parroquial poucas veces son mencionados, mentres que si falan doutras propiedades da Igrexa. Cabería pensar que falaran de facer reparacións ou do canteiro que construíu ese hórreo, pero o certo é que non se citan moito“.

A falta de documentación dificulta en moitas ocasións a correcta preservación dos hórreos

Ademais da escasa documentación á hora de identificalas, estas construcións tamén deben enfrontar outro obstáculo: a súa conservación. “Os hórreos están protexidos, pero os que están abandonados non se reparan e inclusive coas subvencións é moi difícil saber a quen pertence. Ademais, están protexidos os de máis de cen anos e ao non haber documentación non se pode calibrar“, manifesta Lema.

Con este panorama, o propio Lema é quen de identificar algunhas deturpacións: “Aínda que as eiras son máis comúns nas zonas de montaña de Ourense, tamén hai un campo de hórreos en Bornalle e está totalmente afeado porque lle puxeron no medio un depósito de auga de cemento. Logo, ao lado da autopista en Ordes temos hórreos trasladados da Costa da Morte e eu sei de hórreos pequenos que se venderon pedra a pedra e que agora están en chalés en Sanxenxo. Un canteiro de Cee contoume que nos anos 60 levou un en barco a Ibiza e tamén houbo un intento, polo menos sobre o papel, de levar o de Santa Comba de Carnota ata México”.

Carnota, un punto emblemático

En Carnota están dous dos hórreos máis grandes de Galicia o que, xunto cos máis de 700 identificados e as particularidades dalgúns deles, converte ao concello nun punto emblemático no que se refire a estas construcións. “O por que é a pregunta do millón. O feito de que haxa tantos e de que sexan tan xeométricos fai pensar que habería moi bos canteiros, xa que é unha zona onde hai pedra para traballar. O seu aspecto máis característico son os lampións, moito máis estilizados que noutros lugares e que case parecen lanzas cara o ceo“, explica Lema.

Entre todos os que hai para escoller, o investigador destaca tres pertencentes ás casas reitorais: o de Lira, convertido no segundo máis grande de Galicia con 36 metros de longo; o de Santa Comba, o terceiro con 34 metros; e o de San Mamede, “que é moi curioso porque é o hórreo da parroquia, construído nun contexto onde se poñían cruces para protexer o millo ou o gran que se gardara dentro, pero os curas de alí non puxeron ningunha cruz“.

Hórreo reitoral en Santa Comba de Carnota.

Outra particularidade con respecto aos hórreos deste concello é sinala por Regueira en relación á escaseza de documentación: “Os de Lira e Santa Comba son a excepción. Grazas aos rexistros sabemos que había rivalidade e competición entre os curas dos dous lugares por ver quen facía o hórreo máis grande. E non acabou ata que o de Santa Comba morreu e o de Lira aproveitou a ocasión para ampliar o seu”.

Alén, para Lema está clara a intención artística no caso da construción de Santa Comba: “Ten escrita a data, 1768, e o arquitecto, que decidiu poñer Doutor Domingo Quintela para diferenciarse dun canteiro calquera. É un hórreo totalmente barroco para a época, con curvas e contracurvas. De feito, foi moi imitado, inclusive dentro do propio concello como pode verse no que hai datado de 1777 en Panchés”.

Unha pegada do pasado

Tanto pola súa extensión na paisaxe galega como pola súa historia é innegable que os hórreos forman parte da cultura e un exemplo é que “nas cantigas de Afonso X aparece unha figura similar a un hórreo na zona da Costa da Morte. É dicir, que no século XIII xa existían, aínda que non fose para o millo, eran utilizados para outros cerais”, tal e como manifesta Lema.

Como curiosidade, o investigador tamén menciona o caso dalgúns hórreos de Brandomil, “un asentamento romano importante. De aí que os pasos para subir a algunhas destas construcións sexan capiteis romanos, que son moi bos e puideron sobrevivir ao paso do tempo”.

Os hórreos permiten comprender as dinámicas das vidas en distintos séculos

Para Regueira é ben claro que a importancia dos hórreos non só ten que ver co aspecto afectivo, aínda que tamén sexa unha compoñente esencial: “É a pegada que existe do pasado. Grazas a eles sacamos moitas conclusións sobre como vivía a xente, por iso é tan importante identificar as variedades que existen. Precisamente, unha cousa que aprendemos é que as distintas partes de Galicia estiveron moi incomunicadas entre si e que as comunicacións marítimas eran moito máis importantes que as terrestes“.

Así, esta hipótese serviría para explicar por que o hórreo fisterrán ten presenza en zonas como Cangas ou Aldán, mentres que nas comarcas limítrofes apenas é visible esta influencia: “Os canteiros movíanse mellor por mar que por terra e cada comarca fixo o seu tipo de hórreo”, sinala Regueira.

A arte da construción

Como aspecto etnográfico esencial hai que ter en conta o proceso de construción dos hórreos, o cal, segundo Lema, dependía en gran medida da existencia de canteiras de calidade nas cercanías, pero tamén da climatoloxía: “A teoría que eu defendo é que a pedra resiste mellor a cercanía do mar que a madeira, por iso os hórreos de costa son de pedra mentres que os de madeira están no interior, aínda que hai quen opina diferente. Esteticamente, se hai canteiras boas cerca os hórreos terán formas máis xeométricas, aínda que tamén dependía do que pagara o dono“.

Neste sentido, Regueira defende que “a Costa da Morte supón un ente etnográfico diferenciado do resto. Existe un tipo de hórreo practicamente idéntico na zona de Coristanco, Bergantiños e Muros, e inclusive máis cara o interior. O que ocorre é que a medida que te afastas da costa, a pedra coa que se constrúen os hórreos é de peor calidade porque o solo é moi diferente e vaise empobrecendo en granito. A estrutura é a mesma, pero visualmente son moi diferentes. E o interesante é que se superpoñemos o mapa destes hórreos cos do tipo de solo coinciden de forma totalmente exacta“.

Un dos hórreos máis antigos en Bouza (Berdoias). Foto: Roberto Mouzo Lavandeira.

A estética tan característica é algo que resalta Lema na súa investigación, nomeando a Frankowski, un investigador polaco que valorou positivamente o hórreo como un elemento artístico, aínda que “para el eran restos de construcións parafíticas da Prehistoria”. O escritor tamén fai alusión a Walter Carlé, un alemán que “publicou a súa opinión sobre os hórreos en 1942, en pleno nazismo, e pode verse claramente que as súas gabanzas veñen dende un punto de vista racista. Dicía ‘Os moradores da provincia do noroeste de España pasan por homes de pouca intelixencia. Isto é calumnioso. O certo é que os galegos son xente de caracter práctico e inventiva. Non se pode esquecer que dous dos mellores políticos dos nosos tempos proceden de Galicia: Franco e Calvo Sotelo. Neste extremo de Iberia o sangue árabe penetrou pouco. En cambio, hai maior proporción de sangue de orixe xermano e celta. Pode, polo tanto, comprenderse nun pobo posuídor destes elementos raciais a invención do hórreo de caracter tan práctico como de bela aparencia’ “.

Por outra banda, Regueira introduce a cuestión cultural: “Vemos zonas coa mesma latitude, co mesmo clima e cun solo practicamente idéntico nas que os hórreos son completamente diferente porque non existía unha comunicación. Hai que ter en conta que así como hai hórreos dunha gran expresión xeográfica, hai outros que están unicamente adscritos a un concello”. Por este motivo, o investigador está continuando os seus estudos centrado nas parroquias: “O concello en Galicia é moi heteroxéneo en demasiadas ocasións e non explica ben as diferenzas entre hórreos. Aínda que no atlas fíxeno así, agora quero profundizar nas parroquias para ver mellor as diferenzas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Non son medusas: estes son os animais que apareceron nas praias da Costa da Morte e do Morrazo

A principal hipótese atribúe o varamento masivo de veleiriños ás correntes e fortes ventos provocados pola borrasca Nelson

De Angola a Suecia pasando por Nova Zelandia: estes son os países con hórreos ‘galegos’

O arquitecto Fernando Cerqueira asegura que hai máis de 40 estados con "graneiros elevados" que servían para almacenar os cereais

A carabela portuguesa invade as praias da Coruña: como actuar se che pica?

Na Costa da Morte tamén aparecen exemplares de 'Pelagia noctiluca', unha medusa luminiscente cunha picadura moi urticante

Onde ver o mar de ardora? Estas son as mellores praias da Costa da Morte

O fenómeno de bioluminiscencia deixouse ver nas últimas semanas con todo o seu esplendor nos areais de Estorde (Cee) e Carnota