“Cando era mozo tiña que levarlle peras a un vello que vivía nunha casa alí atrás e el xa me dicía: ‘Neno, aquí hai un pobo enterrado’. E mira, non se enganaba”, comenta orgulloso un veciño de Proendos ao alcalde do seu concello, Sober, na Ribeira Sacra luguesa. Os dous participan nunha visita guiada xunto con máis de 80 persoas que descobren, a maioría por primeira vez, a proba de anos de sospeitas. “Da mítica cidade de Proencia xa se falaba no século XIX. Manuel Murguía menciona nesa época a existencia, aquí, dun moisaco e, no século pasado, eruditos e investigadores tamén deixaron constancia da importancia da parroquia. Ademais, as casas da aldea están cheas de inscricións romanas, columnas e moitas outras pezas. Todos estes datos eran xa, para nós, unha boa pista”, explica Francisco Alonso, o arqueólogo que dirixe as escavacións e que fai, por un día, de guía.
Hai catro anos, a empresa de Francisco, Tempos, recibiu a chamada do concello de Sober coa proposta de realizar unha campaña de xeorradar en Proendos. En todas as parcelas analizadas, máis de 20.000 metros cuadrados, descubríronse moitísimos restos como un grande edificio cunha ábsida circular, un foso posiblemente relacionado co castro da aldea, partes dun hipocausto que é un sistema de calefacción romano e, sobre todo, un curioso edificio que os arqueólogos chamaron “en grella” pola súa forma.
“O edificio coa ábsida xa nos falaba dunha vila romana ou dunha estrutura singular dun pobo romano pero co edificio en grella era diferente, non atopabamos paralelos. Non tiñamos claro que fose un hórreo porque non existía ningún deste tipo en Galicia”, afirma Francisco. No 2020 chegaron, por fin, as primeiras escavacións arqueolóxicas en Proendos e nunha segunda fase, este ano, o equipo de expertos descubriu as que poderían ser as verdadeiras dimensións do celeiro e a súa importancia. “A estrutura é moi singular porque a base do edificio son sete muros paralelos que axudan á circulación do ar. O do medio é máis groso, quizais para soster as columnas dunha cuberta a dúas augas. Hai que imaxinar que falamos do que podería ser unha construción de seis metros de altura e quince metros de longo. Podería ter incluso un segundo piso. Para atopar algo similar temos que ir ata Estremadura ou ao sur do Douro, en Portugal”, explica o arqueólogo.
O excepcional tamaño do hórreo fai pensar aos científicos que de alí saía moito do cereal que se consumía noutros puntos da Gallaecia
Apoiándose no tamaño excepcional do hórreo, os científicos barallan a posibilidade de que, desde alí, saíse moito do cereal que se consumía noutros puntos da Gallaecia, incluso no Lucus Augusti inicial, hoxe a cidade de Lugo. Este horreum, o primeiro que se conserva agora en Galicia con muros paralelos, formaría parte dunha vila do Alto Imperio cun edificio central con diferentes estruturas agrícolas asociadas e cuxos restos se encontrarían non moi lonxe do celeiro.
E esta é a segunda nova coa que Francisco sorprende ao público xa que o hórreo foi datado, gracias ás cerámicas recuperadas nas escavacións, no século I d. de C. e a vila podería ser da mesma época. Para o arqueólogo, esta data, explica moitas cousas. “Esta estrutura altoimperial indicaríanos que Roma foi capaz de organizar o territorio rural poucos anos despois de chegar a Galicia, ao noroeste da península. Estamos vendo os primeiros procesos de control do rural, desde unha lóxica romana, aquí en Proendos. Colocar unha vila, posiblemente de alguén importante, nunha zona rural recentemente conquistada, ten o seu mérito”, afirma.
Durante as escavacións preto do hórreo, o equipo de Tempos atopou numerosas pezas, como olas de almacenaxe de gran tamaño case intactas, e cerámica de importación tipo marmorata, pola súa imitación ao mármore. Un obxecto propio do século I d. de C. que confirma aos expertos que na contorna do hórreo, unha estrutura agrícola, alguén consumía cerámica de luxo. “O descubrimento deste hórreo é unha gran noticia arqueolóxica para Galicia pero tamén para toda a Península Ibérica, porque non hai tantas estruturas similares documentadas. Este celeiro xa é un referente porque conéctanos con outros lugares de Europa”, asegura o arqueólogo.
Un ‘horreum’ á vista e aberto a visitas
Concello e expertos coinciden nas ventaxas de avanzar pouco a pouco no proxecto de recuperación do amplo patrimonio de Proendos. “Cando se fan escavacións, ao final non é só descubrir un castro ou unha construción singular como esta. Despois hai que garantir o mantemento desas zonas e agora, o noso concello, non podería facelo”, asegura o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.
Francisco Alonso tamén dá a benvida á idea de deixar unha reserva arqueolóxica. “Nós sempre pensamos a longo prazo e quizais, dentro de 50 anos, aparezan novas técnicas que permitan documentar mellor as estruturas e a antiga contorna”, explica. Pero o traballo non falta. O concello xa ten o permiso da Xunta para deixar unha boa parte do horreum á vista e poder visitalo. “Espero que dentro de dous meses poidamos gozar do celeiro. Falaremos cunha empresa para que con códigos QR ou con paneis informativos poidamos reconstruír o hórreo, aínda que sexa no noso teléfono ou na tableta. Tamén poderemos entender a contorna de Proendos nos séculos I e II d. de C.”, relata Fernández.
Francisco Alonso, o arqueólogo que dirixe as escavacións: “É a primeira vez que lle dá o sol en 2.000 anos”
Pero antes os arqueólogos terán que consolidar a estrutura e protexela para que se adapte a unha nova realidade, xa que é “a primeira vez que sae da terra e lle dá o sol en dous mil anos”, explica Francisco aos participantes da visita guiada. Os científicos tamén queren coñecer que tipo de cereal cultivaban os romanos de Proendos, e como o facían, estudando as mostras que foron gardando durante as escavacións.
As pezas de cerámica, despois de limpas e identificadas, serán trasladadas ao Museo do Castro de Viladonga. “Sober é un concello innovador porque conseguiu que as pezas que atopamos o ano pasado xa estean expostas na súa oficina de turismo. Isto é o ideal, que o patrimonio estea vinculado ao lugar onde se encontra. Se cadra, conséguese o mesmo cos novos restos”, afirma o arqueólogo. Científicos, autoridades e amantes do patrimonio e a arqueoloxía, non disimulan a súa impaciencia por descubrir novos tesouros na antiga Proencia. Cos resultados do xeorradar, as fincas limpas e a complicidade dos veciños, todos queren coñecer o verdadeiro alcance do xacemento e, por que non, levar aínda algunha sorpresa. “E seguro que, aquí, en Proendos”, remata Francisco, “non son poucas”.