Xoves 28 Marzo 2024

“A depresión non ten que ver coa forza de vontade, ninguén é culpable de enfermar”

A psiquiatra Iria Veiga analiza o impacto da pandemia na saúde mental e apunta aos problemas económicos como principal causa das doenzas

Facer visible o invisible. Ese parece ser o obxectivo dunha data coma este 10 de outubro, na que se celebra o Día Mundial da Saúde Mental. Unha xornada na que non existe a celebración, senón a reivindicación. O desexo de darlle voz ao silencio. E, sobre todo, de romper estigmas. De vencer prexuízos. De empatizar. Agora, máis ca nunca, é preciso recordarlo, sobre todo nun contexto de pandemia. Unha época marcada pola traxedia e a desesperanza que acabou pasando factura a iso que chaman saúde mental. “Estamos vendo un aumento de casos de ansiedade e depresión”, confirma Iria Veiga, médica psiquiatra no Hospital do Barbanza e divulgadora.

“Non creo que este incremento se deba tanto aos efectos do propio virus ou aos confinamentos. Cando falamos da poboación xeral, non de casos particulares, pesa máis o impacto socioeconómico”, explica a doutora. Moitas persoas perderon os seus empregos, incluso as súas vivendas, a causa da crise. E, como consecuencia, viron limitadas as súas condicións de vida. A maiores, a recuperación económica é un proceso lento, que só engade incerteza a unha situación xa de por si preocupante. E malia a mellora dos datos epidemiolóxicos, que nos achegan xa á vella normalidade, Veiga considera que as consecuencias socioeconómicas están moi lonxe de acabar.

Publicidade

O illamento social

Mais a pandemia ten unha particularidade: é capaz de atacar os puntos débiles. O seu impacto na saúde mental pode analizarse segundo os diferentes colectivos. Tal e como indica Veiga, a xente maior tivo que lidiar co illamento e coa soidade. “É probable que a sensación de medo vaia acompañar a moitas destas persoas ata o final da súa vida”, apunta. E coa consecuente merma da súa capacidade física e, tamén, social. “Os centros que atendían a estas persoas, sobre todo os de tipo máis recreativo, foron os últimos en reabrirse”, indica.

O outro extremo está nos cativos. “Os nenos que pasaron anos centrais da súa infancia confinados, é probable que padezan secuelas a causa desta situación”, afirma a psiquiatra. Sobre todo, aqueles que viven no seo dunha familia á que a pandemia golpeou economicamente. “Sabemos que as condicións de pobreza son un dos principais problemas que lastran a saúde mental destes nenos cando despois son adultos”, engade  Veiga.

“É probable que a sensación de medo vaia acompañar á xente maior o resto da súa vida”

Mais hai outro colectivo que acaparou, dende o inicio da pandemia, o debate social: os adolescentes ou adultos máis novos. A psiquiatra é categórica: “Houbo un discurso totalmente criminal no que, a veces, parecía que a pandemia era culpa deles”. Segundo explica Veiga, debuxouse a este colectivo como irresponsable, que prefire optar sempre por un lecer descontrolado. Mais ela defende que, en xeral, non se entende cales son as súas circunstancias. “Son uns anos fundamentais para forxar a personalidade. Non é que os rapaces só queiran saír e estar cos compañeiros. É que iso é vital para o seu desenvolvemento psicosocial”, indica. E en canto aos populares macrobotellóns: “gustaríame saber cal é a idade real dos participantes. Non se ven rapaces de 14 anos precisamente”.

As enfermidades e trastornos mentais

No Día Mundial da Saúde Mental un non se pode esquecer do impacto que tivo a pandemia nas persoas con trastornos mentais graves, como a esquizofrenia ou a bipolaridade. Segundo Veiga, o confinamento, para eles, “foi moi duro”. Especialmente porque os seus principais espazos de contacto social, como as asociacións e centros aos que acudían, estaban pechados. “Creo que é un colectivo particularmente vulnerable ao que non se lle prestou ningunha atención”, indica. Tamén apunta que están a experimentar un incremento de hospitalizacións e asistencia en urxencias, o que, segundo ela, podería estar relacionado co impacto da pandemia.

Estase rexistrando un aumento de hospitalizacións de persoas con trastorno mental grave

En relación á ansiedade e depresión, e máis alá do aumento de casos que se está a producir neste contexto de crise sanitaria, Veiga asegura: “A precarización das condicións de vida é o que fai que se incrementen as cifras, entre outros factores”. De feito, ela di que xa estamos nese escenario no que a depresión se sitúa como a primeira causa mundial de enfermidade. De todas formas, a psiquiatra é optimista. “É probable que tamén esteamos curando mellor outras patoloxías, como as cardíacas ou infecciosas. Iso fai que depresión aumente no ranking“, di con optimismo. E tamén advirte sobre o risco da sobrediagnose. “Hai que ter coidado con colgar a etiqueta de ansiedade e depresión a estados de ánimo que, en determinadas circunstancias, son normais”, incide.

Unha maior normalización

Se algo bo trouxo a pandemia foi, talvez, normalizar o debate sobre a saúde mental. Aínda que Iria Veiga pensa que xa se estaba producindo antes da chegada do coronavirus. “Serviunos para poñer este tema encima da mesa. Agora a xente fala abertamente disto, incluso en redes”, di a doutora. E malia que as novas tecnoloxías poderían parecer unha ferramenta perigosa para a saúde mental, Veiga defende que teñen moitos máis aspectos positivos ca negativos. “É certo que as redes son un medio, pero moitos dos problemas aos que se apunta xa existían antes, como a ludopatía ou o acoso”, indica. Así, a psiquiatra pretende que non se demonicen as redes e que o único que se necesita é facer un uso consciente delas.

“A xente fala máis abertamente da saúde mental, sobre todo nas redes sociais”

No que si debemos traballar como sociedade é en romper estigmas. E Veiga cre que, en relación á saúde mental, aínda nos quedan unhas cantas cousas por aprender. “Temos que deixar de pensar que as persoas con trastorno mental grave son violentas e agresivas. Todo o contrario: adoitan ser máis vítimas que agresores”, afirma a psiquiatra. E outra das ideas erradas que ela invita a combater é esa necesidade de responsabilizar ao enfermo. “Ás veces pénsase que as persoas con depresión ou ansiedade non teñen forza de vontade ou son febles, pero non é así. A saúde mental non ten nada que ver coa moral. Ninguén ten culpa de enfermar“, engade Veiga.

Neste Día Mundial da Saúde Mental, a psiquiatra pide máis recursos. Máis profesionais sanitarios e máis prevención. Sobre todo máis prevención. Talvez isto axude a acadar un maior benestar mental. E aínda que non existen receitas máxicas, Veiga cre que hai tres aspectos fundamentais para encontrarse ben: a saúde física, certa seguridade económica e unha rede de apoio saudable. Sexa como sexa, en materia de saúde mental queda moito por facer. Moito co que rachar e moito que normalizar. Talvez, algún día, o invisible se faga, por fin, visible a ollo de todos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Gastos excesivos, comidas familiares… Estes son os consellos para sobrevivir o Nadal

A psiquiatra galega Iria Veiga recomenda repartir as tarefas do fogar e non sobrecargarse con compromisos sociais

Un equipo galego identifica un novo biomarcador da depresión

O estudo pioneiro do IDIS postula a posibilidade de diagnosticar patoloxías psiquiátricas como a esquizofrenia a través dos niveis da hormona IGF-2

A herdanza xenética dos denisovanos inflúe na depresión, no TOC ou na anorexia

O equipo de investigadores identificou a contribución xenética más extendida destes homínidos ata o momento