Descuberto en Vilagarcía un dos hórreos máis grandes do mundo

Está situado no Pazo da Golpelleira e xa se considera o trixésimo segundo máis longo, con 21,6 metros por 1,55 de ancho

Non aparecía en ningún libro; en ningunha publicación. Ninguén sabía —nin imaxinaba— que o corazón de Vilagarcía albergaba un dos hórreos máis grandes do mundo. Está no Pazo da Golpelleira, a tan só 300 metros da estación de tren, e está datado a mediados do século XIX. “É o trixésimo segundo máis longo do mundo. Non cabe dúbida de que está no récord Guiness dos hórreos, con 21,6 metros de longo e 1,55 de ancho”, confirma o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Carlos Henrique Fernández Coto. “Ata o propietario quedou sorprendido. Un patrimonio coma este hai que coidalo porque é unha xoia”, apunta o experto.

Non foi el quen achou o hórreo, senón o seu compañeiro Javier Torres, tamén responsable da catalogación do hórreo do Pazo de Ansariz, o noveno máis grande do mundo. Todos estes piornos de récord, a meirande parte deles en Galicia, integran unha lista dos 50 hórreos máis longos do mundo. A iniciativa partiu de Fernández Coto, que hai máis de seis anos comezou a elaborar un catálogo pola súa conta. Cada vez fóronse involucrando máis persoas ata conformar un equipo que, no seu tempo libre, se dedica a rastrexar mapas e comprobar se hai máis hórreos de récord, amais dos que xa están catalogados. Agora, este equipo está constituído como Grupo Hórrea.

Publicidade

Unha paneira de récord

O hórreo da Golpelleira non é o único achado relevante dos últimos días. Ademais deste hórreo de récord, ata o de agora descoñecido polo grupo de investigación, hai que sumarlle un dos descubrimentos máis chamativos: o da paneira máis grande de Galicia. “Recibe outro nome pero en realidade é como un hórreo, só que servía para facer todos os labores relacionados co pan. É moi raro atopalas en Galicia mentres que en Asturias son máis frecuentes”, puntualiza Fernández Coto. O experto continúa explicando que esta paneira “é unha brutalidade” polas súas dimensións: 21,25 metros de longo por 7,05 metros de ancho; dous andares con 150 metros cadrados en cada un. Segundo explica, está situado no Rectoral de Cobres, en Vilaboa.

  • Vista exterior da paneira máis grande de Galicia. Crédito: Apatrigal
  • Vista completa da paneira do Rectoral de Cobres. Crédito: Apatrigal
  • Arcos interiores da paneira de Vilaboa. Crédito: Apatrigal

Fernández Coto indica que a paneira se construíu no século XVIII, a xulgar pola inscrición de datación. “Na súa parte baixa ten uns arcos moi similares aos do mosteiro de Poio e sospeitamos que puido ser construído polos mesmos canteiros”, teoriza o investigador. Ademais, a paneira de Vilaboa, tamén a máis grande de Galicia, ten lagar e bodega. “Por dentro é impresionante. Se te fixas nas pedras e nos perpiaños pregúntaste como puideron construír todo iso sen grúas, sen camións, na ladeira dun monte”, reflexiona Fernández Coto, quen tamén puntualiza que a paneira puido estar ao servizo de varias parroquias.

Publicidade

Un labor que se estende a Portugal

Pero os achados do grupo Hórrea non se reducen a Galicia. Recentemente atoparon un hórreo en Viana do Castelo que tamén podería ser un dos máis grandes do mundo. De momento, estiman que pode ter uns 22 metros de longo —a distancia mínima establecida é de 20 metros—. “Temos que ir medilo. A aplicación que uso, cun marxe de erro de 15 centímetros, estima que pode medir pouco máis de 22 metros”, confirma Fernández Coto. O experto tamén detalla que o descubridor deste novo hórreo de récord tamén foi Javier Torres e non os investigadores que o Grupo Hórrea tamén ten en Portugal.

Amais disto, o país veciño é o lugar escollido para a celebración do II Encontro Internacional Rede Hórrea. O municipio portugués de Arcos de Valdevez acollerá o evento entre o 19 e o 21 de maio, no que haberá relatorios de diferentes institucións implicadas, entre as que estará Apatrigal. Tamén se farán obradoiros de construción de hórreos con varas e realizaranse excursións a vilas veciñas. Todo xirará arredor dos hórreos como un patrimonio material incuestionable da cultura galega, pero tamén dos nosos veciños máis próximos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha carta do presidente de Apatrigal reclama unha alternativa ás tubaxes das gárgolas do Obradoiro

Carlos Fernández Coto defende solucións técnicas máis integradas, ao considerar que “non pode xustificarse como única nin como inevitable”

De Angola a Suecia pasando por Nova Zelandia: estes son os países con hórreos ‘galegos’

O arquitecto Fernando Cerqueira asegura que hai máis de 40 estados con "graneiros elevados" que servían para almacenar os cereais

Á venda un cruceiro do século XVII por un euro

O particular que o anuncia na aplicación 'Wallapop' indica que a peza foi recibida por unha herdanza

“Ferrol mola” e penes na catedral de Santiago: “O vandalismo das pintadas vai ir a máis”

Os expertos alertan dos seus efectos, como a desaparición dos liques das fachadas e a deterioración do granito