En Galicia hai máis de 100.000 hórreos catalogados. Unha cifra que supera con creces á de Portugal, con 90.000, e a de Asturias, con preto de 20.000 piornos rexistrados. Estas construcións históricas para gardar cereal son un indiscutible sinal de identidade, sobre todo no noroeste peninsular, con Galicia como máximo expoñente. Pero o noso territorio non é, nin de lonxe, o único con “graneiros elevados”, o nome internacional co que se designan os hórreos. O arquitecto portugués Fernando Cerqueira Barros, membro da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), estima que hai máis de 40 países no mundo con construcións semellantes aos nosos hórreos. É dicir, almacéns elevados, construídos fundamentalmente nas rexións máis húmidas, para protexer e manter ventilados os cereais.
Así o explicou Cerqueira Barros no relatorio A volta ao mundo en hórreos ao abeiro das xornadas internacionais sobre os graneiros elevados que se celebraron en Candás (Asturias) hai uns días. Entre os países mencionados, ademais de España e Portugal, súmanse Nova Zelandia, Suíza, Brasil, Malaui, Xapón, Hungría, Indonesia, Estados Unidos, Eslovenia, Turquía, Madagascar, Nixeria, Finlandia, Burkina-Faso, Suecia e outros tantos estados arredor do mundo. Dende a Rede Hórrea, a asociación para por en valor os graneiros elevados, o seu presidente recoñece que queda moito por investigar. O galego Carlos Henrique Fernández Coto, tamén presidente de Apatrigal, apunta que están especialmente centrados no estudo dos aspectos inmateriais ligados a estas construcións. En Galicia, por exemplo, o seu gran expoñente é a foliada, que naceu precisamente de esfollar o cereal.
Prensenza en América Latina
Ao outro lado do charco, onde tantos e tantos galegos emigraron, tamén hai catalogadas construcións moi semellantes ao que os galegos denominan hórreos. Fernández Coto pon o exemplo de Venezuela, onde se coñecen como troja. Estes graneiros elevados comezaron a construírse na cidade de La Grita por influencia dos galegos e asturianos que se asentaron na zona. “Propagouse como elemento de apoio ao traballo agrícola, ao lado da casa, converténdose nun símbolo e elemento imprescindible dos campos agrícolas”, din dende Apatrigal. E malia que as trojas non son hórreos propiamente ditos, si teñen recoñecibles similitudes coas construcións máis senlleiras de Galicia.
“Os hórreos de Brasil son moi altos e temos a sospeita de que os levaron os portugueses”
CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO, presidente da Rede Hórrea
Un caso semellante é o de Brasil, que se abordou durante as xornadas internacionais de Candás. “Non se parecen a case ningún dos graneiros elevados que coñecemos porque son moi altos. Temos a sospeita de que os levaron os portugueses”, engade Fernández Coto. As imaxes proxectadas durante o congreso asturiano, segundo relata o presidente da Rede Hórrea, foron “moi curiosas”. O que se vía non eran máis que unhas construcións semellantes aos hórreos galegos pero con porcos, galiñas e mesmo cabalos refuxiándose debaixo deles. “Queda moito por investigar”, lembra o arquitecto, quen recoñece que ata o de agora nunca houbera un esforzo real e internacional por estudar estas construcións tan singulares e presentes en tantos puntos do globo.
Ao outro lado do mundo
Un caso que merece especial atención é o de Nova Zelandia. Pese aos miles e miles quilómetros de distancia entre a illa de Oceanía e Galicia, un naufraxio do século XVI deixou unha pegada indelebre na cultura de ambos países. Tamén presentes na Polinesia e en Australia, os hórreos das antípodas son coñecidos como “patakas” e tamén servían como espazo de almacenaxe. Segundo a teoría do historiador Robert Langdon da Universidade Nacional de Australia, en Canberra, as “patakas” son en realidade hórreos galegos que os náufragos da carabela San Lesmes, afundida en 1562, ensinaron a construír aos indíxenas. “Non é máis ca unha teoría. Non poden ser hórreos galegos porque alí non hai pedra nin madeira galegas, pero empregaron outros materiais, como a arxila. Pode que fose unha maneira de recordar Galicia”, expón Fernández Coto.
Ata Madrid
Mención á parte require o hórreo que adorna a praza de Corcubión, no barrio del Pilar de Madrid. Chegou á capital en 1973 como agasallo do concello da Costa da Morte. Foi desmontado, trasladado e colocado alí antes de que se aprobase a Lei de Patrimonio, que ao protexer os hórreos, tamén prohibe este tipo de prácticas. “Non ten moita lóxica trasladar un hórreo para convertelo en escultura pero aí entran en xogo as emocións”, sostén Fernández Coto. O arquitecto ve neste tipo de actos unha maneira de manter a conexión coa terra; unha forma, a fin e ao cabo, de morriña e saudade. “É un caso illado. Seguramente hai máis hórreos fóra de Galicia en vivendas que en lugares públicos”, asegura o presidente da Rede Hórrea, condenando o traslado destas construcións protexidas e propias da Galicia máis auténtica.






















..cabaceiros, sequeiros, espigueiros…
Tendo en conta que a producción de gran en galicia veu da man dos Suevos (e familia), iso de lle chamas ‘graneiros elevados’ ós canastros, piornos, padeiras, cabazos, cabozos non semella ter moito sentido. Son moito máis antigos, usábanse para mais cousas ca o gran, e o aspecto lendario que aínda conservamos conta cousas que levan a pensar que sexan vestixio de tempos máis fríos.