Martes 17 Xuño 2025

Á venda un cruceiro do século XVII por un euro

O particular que o anuncia na aplicación 'Wallapop' indica que a peza foi recibida por unha herdanza

Basta con buscar ‘cruceiro’ na aplicación de compra venda de produtos de segunda man ‘Wallapop’ para poder adquirir un suposto elemento do século XVII. Quen o vende é un particular que indica que a figura procede de Conxo (Santiago) e que foi herdada. Está sen catalogar, cando a Lei de Patrimonio da Xunta obriga a dar conta de todas estas transcaccións. De esta rexistrada e proceder realmente dunha herdanza, podería venderse a outro particular ou ser mercada polo Goberno autonómico. A peza ten 90 centímetros de alto e 40 de ancho. Nestes momentos podería atoparse en Ávila xa que é a ubicación que se indica no anuncio. Foi un seguidor da Asociación para Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) quen o atopou na aplicación e, a partir de aí, difundiuse o caso por Internet e estase a investigar por parte da Policía Nacional.

“Hai que partir da base de que non temos datos do vendedor. Non se sabe se se trata dun traficante de obras de arte ou dunha persoa que herdou un cruceiro que puido ser espoliado antes da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia ou da Lei de Patrimonio Histórico de España”, apunta Carlos Fernández Coto, presidente de Apatrigal. A organización levou a cabo pesquisas sobre o asunto e descubriu que o cruceiro leva fóra de Galicia entre 40 e 50 anos. Ao ser anterior a 1901, é un Ben de Interese Cultural (BIC). O vendedor debe avisar á Xunta de Galicia e “a través do dereito de tanteo, poderá quedarse co ben cultural co prezo de venda”, explican dende Apatrigal. Aínda que aquí reside a cuestión: non custa un euro, senón máis. A Consellería apuntou que está ao tanto do caso e que está colaborando coa investigación.

Publicidade

O cruceiro á venda por un euro.

Se a Xunta decide adquirir o cruceiro, pode ser enviado a un museo. “Non ten sentido que se coloque nun sitio público porque os cruceiros teñen contidos emocionais. Son obras de arte pagadas polo pobo, feitas polo pobo”, explica Fernández. Neste senso, estas figuras están colocadas en lugares estratéxicos porque a persoa ou a familia que o encargou viviu unha experiencia nun determinado lugar ou por motivo dunha promesa. “A xente que se mete no cadeleito e as familias que o fan é porque teñen algo na súa mente e corazón. Forma parte da cultura secular de Galicia e levámolo facendo centos de anos”, apuntan dende Apatrigal. Membros da asociación participan activamente no catálogo web sobre cruceiros (cruceirosdegalicia.xyz). Efectivamente, aquí non se atopa o que vende en Wallapop. Agárdase que as investigacións sirvan para recuperala e poida ser, finalmente, protexida.

Os cruceiros son bens promovidos por unha familia e cando se establecen no espazo público pasan a formar parte do colectivo. Por norma xeral, é máis habitual atopar anuncios sobre hórreos, porque son entendidos como propiedade privada, pero é un patrimonio que non se pode mover sen autorización da Xunta. No caso dos cruceiros, é máis difícil a súa transacción, xa que se deben desmontar de contornas públicas e movelas con algún vehículo ou aparello. “Hai un mercado internacional mundial, vímolo como coa virxe de Conxo ou con outras vendas en galerías londinenses ou americanas. Hai que saber como chegaron aí as figuras e que papeis teñen, é algo que debe estar documentado”, indican dende Apatrigal.

Publicidade

Tráfico de bens culturais e patrimoniais nas redes

É moi habitual atopar elementos culturais e patrimoniais en venda nas redes. Apatrigal apunta que tódalas semanas descobren algún anuncio e, neste caso, copian a ligazón e envíana á policía, que son os responsables de investigar os roubos do patrimonio cultural. O tráfico nas redes sociais destas figuras é favorecido polo despoboamento rural, contan dende a asociación, xa que son os veciños os que protexen as figuras e os que se percatan dos seus desgastes. Por iso pídese que as comunidades estean alerta de este tipo de sucesos e non dubiden en contactar coa policía. Por exemplo, nestes momentos a Garda Civil investiga o roubo de varias pedras dun hórreo situado na leira parroquial de Tortoreos, nas Neves. Foi o propio cura da parroquia o que denunciou estes feitos o pasado luns, cando atopou o hórreo practicamente desmantelado. De momento, descoñécese cando puido ocorrer o roubo e quen pode estar detrás del.

  1. Leis e Patrimonio aparte, quen escribe o artigo non mercou nunca artigos de segunda man neste tipo de aplicacións. O vendedor pon un 1€ que significa que non ten un prezo definido o que vende, trátase de ofrecerlle unha cantidade se lle parece razoable ou hai que preguntarlle canto pide por el.
    Pero nunca significa neste tipo de cousas que o vende por 1€.

  2. Quero deixar constancia de que Apatrigal non creou a páxina web cruceirosdeGalicia.xyz. Poden consultar nesa páxina web se esta afirmación é correcta ou non.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia suma cinco monumentos en risco de desaparición este 2024: así é a Lista Vermella do patrimonio

Segundo a asociación Hispania Nostra a comunidade alberga ata 62 bens en estado crítico de conservación que poderían chegar a desaparecer de non rehabilitarse

De Angola a Suecia pasando por Nova Zelandia: estes son os países con hórreos ‘galegos’

O arquitecto Fernando Cerqueira asegura que hai máis de 40 estados con "graneiros elevados" que servían para almacenar os cereais

“Ferrol mola” e penes na catedral de Santiago: “O vandalismo das pintadas vai ir a máis”

Os expertos alertan dos seus efectos, como a desaparición dos liques das fachadas e a deterioración do granito

Os hórreos, candidatos a converterse en patrimonio inmaterial

Varias asociacións culturais de Galicia, Asturias, León, Cantabria, País Vasco, Navarra...