O longo periplo de mosaicos e torques: un estudo reconstrúe as viaxes dos bens culturais fóra de Galicia

A tese de Erea Castro Alfonso analiza o papel do numismático tudense Ricardo Blanco-Cicerón no movemento de patrimonio artístico e histórico

Son moitos os casos de patrimonio cultural galego que aparecen fóra da comunidade. É o caso das seis moedas históricas da colección do numismático Antonio Orol, que incluía a peza coa primeira inscrición de Galicia, e que saíron a poxa en Madrid en xuño de 2025. Como se pode observar, detrás destes feitos adoita haber un coleccionista que adquiriu as obras, ben por interese persoal ou contribución cultural. O tudense Ricardo Blanco Cicerón foi unha destas persoas que reuniu pezas para manter vivo o patrimonio cultural de Galicia, sendo considerado por moitos un dos maiores coleccionistas de España. Arredor da súa figura xira a tese doutoral de Erea Castro Alfonso, dirixida por Dolores Barral Rivadulla dende a Universidade de Santiago de Compostela (USC), na que traballa dende o ano 2020.

Erea Castro, historiadora da arte, pretende reconstruír o itinerario que seguiron moitas obras de orixe galega ao longo do século XX, co fin de comprender mellor como circularon e por que acabaron en coleccións públicas ou privadas fóra de Galicia. O seu labor no Museo de Pontevedra levouna a descubrir a Blanco-Cicerón entre as coleccións numismáticas agochadas nos fondos da institución, sendo a primeira investigadora en estudalas directamente. “Funme enganchando á súa historia; foi unha figura moi importante en todos os museos de Galicia”, comenta.

Publicidade

Por unha banda, a súa tese ten como obxectivo recoñecer o esforzo dos seus avós, que lle brindaron a oportunidade de recibir formación. En especial, da súa avoa, quen sempre dicía que, de ter tido ocasión, tería estudado unha carreira universitaria. Por outra, dedica o traballo aos museos: “Este estudo permite contextualizar mellor as obras, explicando de onde veñen e a onde foron parar”, sinala. Trátase así dunha ferramenta útil tanto para os museos galegos como os estatais, como o Museo Arqueolóxico Nacional ou o Museo do Prado. “É unha forma de reivindicar a importancia da Galicia nos séculos XIX e XX”, engade.

O coleccionista dos séculos XIX e XX

Galicia situouse tradicionalmente nunha posición considerada illada no desenvolvemento cultural de España. Con todo, Erea Castro cuestiona esta idea e cualifícaa de errónea: “A xente desta época tiña moi claro que quería defender a identidade de Galicia e que tiña moito que achegar”. Un exemplo desta vontade foi a creación de sociedades económicas en toda España, onde a Real Sociedade Económica de Amigos do País De Santiago foi un axente importante e dinamizador na aprendizaxe das artes e da artesanía. A partir deste impulso creativo, celebrouse a Exposición Rexional Galega de 1909, un evento no que se reuniron pezas de patrimonio que ata entón permanecían dispersas e, en moitos casos, en mal estado de conservación. Aínda que moitas eran descoñecidas para o gran público, si eran valoradas por especialistas e coleccionistas.

Ante a ausencia dunha lexislación clara de protección patrimonial —a primeira chega no ano 1933 coa Lei relativa ao Patrimonio Artístico Nacional—, creouse unha rede provincial do Estado para localizar e adquirir obras que puidesen integrarse en coleccións públicas. Neste contexto, Blanco-Cicerón foi unha peza fundamental, tanto na súa formación como avogado como polo seu vínculo cos negocios da familia Simeón García. A Colección R. Cicerón, froito de anos de traballo, foi repartida entre os seus descendentes tras a morte do coleccionista. “Nun testamento que non está feito de forma exhaustiva, as obras tenden a venderse para poder repartir os cartos”, explica Castro. Iso foi o que aconteceu, e boa parte do patrimonio acabou en casas de poxas de Madrid ou Barcelona.

Segundo a historiadora da arte, “os museos provinciais públicos de Galicia non tiñan, a finais dos anos trinta, a capacidade de facerse cos fondos que hoxe exhiben”. A situación comezou a cambiar con iniciativas como a Fundación Barrié, a Fundación Juan March ou o labor de mecenas como José Fernández López. Aínda así, moitas pezas remataron en coleccións privadas ou institucións foráneas. Un exemplo é o Cristo de marfil sobre unha cruz de cristal de rocha, conservado no Museo do Prado dende 1965, que pertencía a Blanco-Cicerón.

Espoliador ou salvador

“Ante a falta de estudos, Blanco-Cicerón é cualificado como espoliador; eu teño claro que moita xente acudía a el de maneira desesperada”, argumenta Erea Castro. O numismático galego contaba con capacidade adquisitiva, polo que algunhas persoas recorrían a el en busca de diñeiro rápido a cambio de obras con certo valor histórico ou artístico. “Era moi consciente das necesidades do pobo galego; compraba arte como labor social“, indica a investigadora. A súa propia casa chegou a funcionar como museo, figurando nas guías turísticas de Santiago de Compostela de 1911 e sendo visitada por investigadores de universidades como Cambridge, Coímbra ou Lisboa. “Se atesourara as pezas por acumulación, non faría da súa casa un museo”, sinala.

Xunto aos historiadores Antonio López Ferreiro, Pablo Pérez Constanti e Benito Pérez Alonso, Blanco-Cicerón formou unha especie de circuíto pseudocientífico co que realizaba excursións a lugares como o Mosteiro de Sobrado dos Monxes ou o Castelo de Rocha Forte. Neste contexto rescataron, por exemplo, releves do retablo maior de Sobrado dos Monxes, hoxe conservado no Museo de Pontevedra, e algúns respaldos do antigo cadeirado do antigo coro da Catedral de Tui.

“Moitas pezas escultóricas da fachada de Platerías conserváronse grazas a Blanco-Cicerón, que, en lugar de deixalas no perder, as gardou no xardín da súa casa”, explica Erea Castro. Así, segundo a investigadora, evidénciase a consciencia que xa tiñan algúns coleccionistas da época sobre a importancia da preservar e reivindicar o patrimonio e identidade cultural de Galicia.

Dos torques ao mosaico de Panxón

A figura de Blanco-Cicerón quedou eclipsada polas grandes obras da súa colección. Un exemplo son a maioría dos torques do Museo Provincial de Lugo, colares característicos da Idade Antiga que formaron parte da colección do tudense. Despois, pasan ao numástico Álvaro Gil, para finalmente rematar expostos na institución.

Outro foi o mediático caso do mosaico romano de Panxón, unha obra do século III cun percorrido complexo que se remonta a mediados do século XIX. Foi descuberto pola familia Puga no monte do Castro (Nigrán) e, coa intención de conservalo, decidiron incrustalo nunha mesa. Así foi como rematou na colección de Ricardo Blanco-Cicerón. Con todo, tras a súa morte, o mosaico saíu en Galicia e chegou a unha galería de antigüidades en Nova York. Dende entón, iniciativas cidadás e a Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón traballaron para que regresase á súa terra, o que aconteceu en 2022.

  • Columnas de San Paio de Antealtares. Foto: Museo Arqueolóxico Nacional / Ministerio de Cultura
  • Parte conservada do mosaico. Fotografía: Carlton Hobbes/Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón.

As columnas de San Paio de Antealtares, aínda que non formaban parte da colección de R. Cicerón, representan un exemplo de traslado patrimonial regulamentado. En 1930, foron as propias monxas beneditinas quen venderon as pezas ao Estado por 54.000 pesetas para a súa incorporación ao Museo Arqueolóxico Nacional. Co fin de manter a súa presenza en Galicia, realizáronse polo menos catro copias fidedignas para institucións locais. Blanco-Cicerón tamén actuaba como custodio de confianza das institucións eclesiásticas, pero neste caso non interveu.

Montes de documentación

A fonte principal da tese de Erea Castro é a documentación: transcrición, análise e organización. “Os arquivos dos museos son moi ricos en información, e o Fondo Blanco-Cicerón é enorme”, sinala. Así, a historiadora da arte pon en valor o traballo das arquiveiras do Museo do Pobo Galego e a súa colaboración, con arredor de 140 caixas de documentación que clasificar. “A medida que ordenas as cartas cronoloxicamente, entendes a que se poden estar referindo”, explica. Este proceso permite reconstruír relacións, contextos e movementos. A investigadora pretende que a súa tese sexa unha nova fonte de referencia para a comunidade científica sobre o patrimonio galego: “Contará con varios índices para facilitar a consulta segundo temas, procedencias e personaxes“.

O eterno debate

Cada vez que saen á luz casos de poxas de pezas patrimoniais, a opinión pública tende a reclamar a súa devolución aos lugares de orixe. Segundo Erea Castro Alfonso, este é o eterno debate no que o concepto clave é a lexitimidade. Como traballadora no Museo de Pontevedra, sinala que as figuras dos profetas do Pórtico da Gloria conservadas nesta institución están aí de maneira lexítima. “A finais dos anos vinte non tiñamos infraestruturas nin museos en Galicia para dar cabida a todo o patrimonio galego”, explica, contextualizando a saída de obras cara a outros territorios. Sen unha lexislación definida, estas operacións de compra e venda deben entenderse nun marco legal distinto ao actual.

Con todo, existe tamén un descoñecemento xeral sobre as limitacións: a administración non permite que os museos públicos participen en poxas por pezas que superen os 6.000 euros, incluíndo gastos de xestión e IVE. Por iso, recorren a outras vías para adquirir obras, como o dereito de tenteo ou a súa declaración como Ben de Interese Cultural.

Pero o debate remite á función social do patrimonio. Máis aló da súa localización, o esencial é garantir o acceso público e o seu valor para a investigación: “O importante é que as pezas expostas enriquezan o discurso expositivo dos museos, xa sexan de Galicia ou do resto de España”, conclúe.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

Nova ameaza para a píllara das dunas: as chuvias intensas reducen a súa supervivencia

Un estudo galego conclúe que os episodios meteorolóxicos adversos poden agravar o seu estado de conservación como especie vulnerable

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax