O mosaico do seculo III que Panxón que recuperar en Nova York: “É a nosa Dama de Elche”

O arqueólogo Gustavo Pascual analiza a peza musivaria atopada a mediados do XIX e localizada na galería Carlton Hobbes

Os membros da Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón.

A mediados do século XIX, mentres a familia Puga realizaba unhas excavacións, aparecía na contorna do monte do Castro de Panxón (Nigrán, Pontevedra) un mosaico presumiblemente de orixe romana e con motivos mariños. Os seus descubridores, quizais porque o consideraron valioso ou quizais por simple gusto estético, decidiron conservalo nunha mesa de madeira. Así, incrustado, chegou á colección de Roberto Blanco Cicerón, considerado por moitos un dos maiores coleccionistas de toda España. Despois da súa morte, no 2000 o mosaico foi poxado na galería Castellana de Madrid e adquirido pola galería de antigüidades Carlton Hobbs (Nova York). Alí foi localizado e documentado en 2012 polo profesor de arqueoloxía clásica Fernando Acuña Castroviejo, ata que se lle volveu perder a pista e foi atopado de novo polo avogado e afeccionado á arte Gonzalo Fernández Turégano, xa en 2018.

Precisamente, Turégano é hoxe o presidente da Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón, constituída co obxectivo de conseguir fondos suficientes, en concreto 58.000 euros, para repatriar dito mosaico e cedelo a unha institución museística que garantice a exhibición pública da peza, preferiblemente no mesmo concello no que apareceu.

Pezas, iconografía e anacos perdidos

“O mosaico, dende un punto de vista técnico, ten moi boa calidade. É do século III e está composto por pezas de entre 2 e 0’5 centímetros cúbicos. Esteticamente, está presidido por un muxo ou unha robaliza, aínda temos algunhas dúbidas, e ten uns volumes moi ben logrados porque hai unha gradación que vai dende o lomo case negro ata o branco marfil do ventre e todo iso remarcado cun perfilado en negro”, explica Gustavo Pascual, aqueólogo, mestre de historia e membro da asociación que se encargou de elaborar a documentación técnica para poñer en valor a peza.

parte conservada do mosaico. Fotografía: Carlton Hobbes/Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón.

Alén dos detalles do peixe central, que normalmente era representada unha especie de consumo, Pascual tamén destaca outros motivos habituais neste tipo de mosaicos como unha ameixa coas cunchas abertas, uns segmentos rectos repartidos aleatoriamente que representan o fondo mariño ou a mosca de auga: “Esta última é un símbolo representado por segmentos semicirculares do que parten dúas liñas en ‘v’. Moi probablemente sexa unha representación de algas mariñas ou, seguindo unha hipótese propia que non reflectín no seu momento no meu traballo, da posidonia, unha planta acuática común nos fondos do Mediterráneo”.

É grazas a esta mosca de auga que se pode identificar a procedencia do mosaico xa que, tal como defenden nas súas investigacións Pascual, Acuña ou o arqueólogo Alberto Balil, é un elemento común na área galaico-lusitana, o cal tamén fai pensar aos expertos na existencia de talleres itinerantes que tiveran os seus centros en Lucus Augusti (Lugo) ou en Bracara Augusta (Braga). Para Pascual ademais este elemento ten un precedente claro nos mosaicos do norte de África, onde era común unha representación máis sinxela “cun ou dous segmentos e unha única liña alongada”, á que posteriormente cada maestro artesán engadiría unha marca persoal.

Non obstante, a pesar da riqueza que pode apreciarse no metro cadrado que mide o total do mosaico que se conserva, hai evidencias de que no momento do achado era máis grande, contendo representacións dunha cidade, dun porto e figuración humana, “o cal lle daría aínda máis valor, pero iso foi esnaquizado”, explica Pascual. Outro dos elementos que o arqueólogo pensa que poderían estar nesas pezas perdidas serían os ourizos, tamén motivos comúns no norte de África onde son representados de forma realista, mentres que en Galicia tiñan un aspecto máis xeométrico.

A mesa na que se conserva o mosaico. Fotografía: Carlton Hobbes/Asociación para a Repatriación do Mosaico Romano de Panxón.

Descoñecendo o tamaño do mosaico completo é imposible saber con exactitude os recursos necesarios para poder construílo, mais o arqueólogo sinala que unha peza deste tipo que decorara o chan dunha habitación duns 50 metros cadrados podería levar entre tres e catro meses de elaboración e ocupar arredor de quince operarios.

Por outra banda, a mesa na que se encastrou este mosaico tamén ten un valor propio, posto que foi realizada por un ebanista do que non sabemos a autoría, “mais tivo que ser unha persoa dunha talla artesá moi destacada tendo en conta a calidade da mesma”. “Alén, non escolleu calquera tipo de mesa, senón un modelo de cadeira romana, a curul, e adaptouna para protexer a peza“, relata Pascual.

Un mosaico único

A pesar de ter elementos compositivos comúns nos mosaicos localizados nas proximidades da Ponte da Cigarrosa, entre as parroquias de Petín e A Rúa de Valdeorras, nos anos setenta, ou no atopado na rúa de Batitales (Lugo), do século XIX, así como noutros como o de Parada de Outeiro (Xinzo de Limia), aparecido en 1950, Pascual sinala que a peza atopada en Panxón supera con creces aos xa coñecidos en canto a conservación e calidade. Precisamente, tanto o da Cigarrosa como o de Lugo están actualmente “esnaquizados. “Os primeiros foron destruídos cando se meteron as máquinas para facer a nova estrada, mentres que o segundo foi danado ao ser recuperado e non se conserva ningún anaco completo”.

É único dentro do contexto do Val Miñor, mais tamén no que se refire á costa, xa que polo momento, aínda que existen varias ducias de vilas romanas que se dedicaron á explotación pesqueira, non foi posible atopar ningún resto musivario nas que foron escavadas. É máis, a Vila de Toralla, relativamente próxima a Panxón, foi escavada de xeito moi completo e os únicos restos atopados de mosaicos son anacos de escasos centímetros cadrados e con motivos xeométricos, moito máis abundantes”, explica o arqueólogo.

“O mosaico é un indicio claro dun desenvolvemento potente en Panxón, seguramente o maior núcleo romano do Val Miñor”

Gustavo Pascual, arqueólogo

Para Pascual, este mosaico supón tamén un “indicio claro” dun desenvolvemento potente do núcleo de Panxón, “seguramente o núcleo romano máis desenvolvido que houbo no Val Miñor“, a pesar de que o castro actual está moi alterado polas consecuencias da urbanización: “Máis do 40% da superficie son vivendas, polo tanto, dende o meu punto de vista, é practicamente imposible que no futuro poidamos atopar nese lugar restos similares”.

Así, tendo en conta o pouco frecuente nivel de conservación, a calidade coa que conta a peza e as escasas probabilidades de atopar un mosaico similar, Pascual afirma que “facendo unha comparativa e salvando as distancias, este é como a nosa Dama de Elche: unha peza única“.

Un patrimonio en desaparición

“A conciencia patrimonial […] non é, por desgraza, o espírito que presidiu a conservación do patrimonio na nosa sociedade. Só hai que botar unha ollada á evolución urbanística do propio Panxón nos últimos cen anos, para darnos conta de que a paisaxe natural e o seu patrimonio foron elementos secundarios nesa historia”, sinala Pascual no seu informe documental que acompañou á posta en marcha da asociación.

En primeiro lugar, segundo a opinión do arqueólogo, a desaparición do patrimonio é algo que se debe á cantidade de restos que se atopan no país, “polo que protexelos todos é moi complexo”, mais tamén existe unha segunda eiva: “A nivel social aínda non existe unha preocupación xeralizada”.

Así, o experto pon de exemplo aos petróglifos que son atacados de vez en cando, aínda que tamén ten en conta “a propia planificación da obra pública e ou privada, que por evitar paralizacións esnaquiza o que atopa”, así como as comunidades de montes que, “ás veces por descoñecemento, como no caso dos túmulos e mámoas, e outras por evitar as molestias que supón pedir os permisos necesarios, talan e introducen a maquinaria pesada pasando por enriba deses elementos patrimoniais”.

O elevado número de restos existentes, a escasa conciencia social e os procesos de urbanización son os principais factores que provocan a desaparición do patrimonio

Por outra banda, como ocorreu no caso do castro ubicado en Panxón, o proceso de urbanización afectou con especial gravidade “na costa e nas Rías Baixas, dado que é unha zona que medrou con rapidez e cuxo proceso se fixo pasando por enriba do patrimonio e dos elementos naturais. Na propia parroquia, inclusive en fotografías de hai 50 ou 60 anos, poden apreciarse as dunas de Praia América. Hoxe son chalés” sinala Pascual.

Non obstante, o arqueólogo matiza que este é un problema xeralizado, tamén en España, e considera que recuperar este mosaico é “unha forma de saldar unha débeda”, posto que foi a inexistencia de leis de patrimonio no século XIX o que permitiu que este tipo de achados permaneceran nas mans de quen os atopaba, puidendo conservalo, doalo ás administracións ou destruílo.

Unha repatriación en pausa

Despois de lograr 18.000 euros a través dunha campaña de micromecenado e o compromiso do concello de Nigrán de poñer a disposición da asociación os 40.000 euros restantes, Pascual asegura que a entidade permanece “á espera de firmar o convenio” que fará posible a compra e repatriación do mosaico.

Con todo, o arqueólogo mostra a súa preocupación posto que “o contrato de reserva coa galería Carlton Hobbes expirou o pasado 29 de outubro. O que pode pasar é que a galería entenda que non se quere facer a compra e perdamos esta oportunidade”, mais confía en que poidan finalizar a operación en breve.


Referencia: O mosaico romano de Panxón (publicado en Revista Galega do Ensino).

2 COMENTÁRIOS

  1. Son nacido na Rúa e vivía preto da Cigarrosa e lémbrome dos achadegos citados no artigo nesa zona, sendo eu un neno duns 10 anos. O mosaico da Cigarrosa, semellante a este pero máis grande (hai fotos deste mosaico), non foi destrozado pola maquinaria, si non que foi levantado por arqueólogos mais non sei onde se levou, nin si foi enteiro o anaquizado. Posteriormente se localizou outro no enlace da estrada, tamén na Cigarrosa, que tamén foi levantado por arqueólogos e tampouco sei onde foi levado. Pero este último tiña motivos diferentes, tan só de carácter xeométrico, con cenefas entrelazadas (lembro de memoria)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.