María Maceiras, mariñeira e ‘influencer do mar’: “Ao subir ao barco empezaba a chorar”

A moza de Muros recibe o Premio Nacional de Gastronomía Talento Xove pola labor divulgativa de respecto ao mar

María Maceiras
A mariñeira, María Maceiras, no barco tras pescar unha centola. CEDIDA

María Maceiras, natural de Muros e de 22 anos de idade, recibiu o Premio Nacional de Gastronomía Talento Xove Alimentos de España, de nova creación, que concedeu a Real Academia de Gastronomía (RAG) en colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Trátase dun novo premio que busca recoñecer a profesionais, proxectos ou empresas á fronte de mozos menores de 30 anos que están conectados coas diferentes etapas da cadea alimentaria. Neste sentido, María recibiu o galardón por “desenvolver unha gran labor divulgativa que promove o respecto ao mar, concienciando da importancia da pesca sostible“, segundo informou a RAG nun dos seus comunicados.

Inicios e formación

O mar na vida de María está “moi tratado e falado” dende que é pequena. Tanto é así, que os seus pais son mariñeiros de profesión. Sen embargo, ela estudou un Ciclo Formativo de técnica en Atención a Personas en Situación de Dependencia en Santiago de Compostela. Entrementres, a súa parella, Antonio, comezou a traballar cos pais dela no mar e, ao cabo de dous anos, mercou o seu primeiro barco, Para los tres. El foi o responsable de arrastrar a María á profesión mariñeira, xa que a adquisición da embarcación coincidiu co verán no que ela rematou de estudar e animouna a formarse neste sector.

Deste modo, e motivada polo seu compañeiro sentimental, María realizou os cursos de Mariñeiro Pescador, Formación básica e Mariñeiro a Pé. Con todo, e con vistas ao futuro, agarda sacarse o curso para ser patrón de barcos, xa que lle gustaría investir nunha embarcación e quere ser ela quen a manexe. Non obstante, actualmente está estudando o ciclo de Técnica de Auxiliar de Enfermaría. De modo que, temporalmente ata o mes de maio, ‘abandonou’ o seu oficio no mar xa que polas mañás ten que asistir a clase.

Profesión mariñeira

María comezou a traballar no marisqueo da ría de Noia, onde se recolle ameixa e berberecho, porque é a actividade na que hai máis presenza de mulleres. Como lle gustaba moito o que facía, acto seguido, quixo probar na recolección de peixe nas redes e nas nasas, uns aparellos nos que os animais acuáticos quedan atrapados porque, unha vez que entran, non poder escapar.

Ao principio recoñece que lle custou adaptarse. “En ocasións chegaba á casa cunha molladura, despois de pasalo mal e, aínda porriba, non traía nada; incluso ata ese día se averiaba algo no barco”, sinala a moza. Así mesmo, tamén lle resultaba complexo “meterlle a man ao peixe”, pero a día de hoxe “ xa non me custa como antes”. Aclara que isto se debía a que lle vía os dentes ao peixe e dáballe medo. A este respecto, declara que “o descoñecemento de cómo coller as cousas tamén é moitas veces o medo a non facelo ben”.

Actualmente, leva case catro anos faenando como mariñeira, a excepción de épocas nas que tivo que buscar outro traballo porque, ao vivir coa súa parella que se adica ao mesmo, os ingresos eran iguais e para sobrevivir e chegar a fin de mes tivo que buscar cousas máis rentables.

Pese a isto, Maceiras sinala que non se trata dunha profesión moi mal pagada, senón que depende da época do peixe en cuestión. Por exemplo, “cando é o tempo da centola e hai bastante produción, fanse moitos cartos, pero hai outras épocas nas que non se colle case nada”. Ademais, engade: “Hai xente que me recrimina que collo moito marisco pero que o devolvo ao mar”. Pero trátase de algo que deberían facer todos os mariñeiros. “Non se pode pretender que, se o marisco non da a talla, se leve e logo se pase fame durante cinco anos”.

A moza de Muros recibe o Premio Nacional de Gastronomía Talento Xove pola labor divulgativa de respeto ao mar
María Maceiras en Madrid antes de recibir o Premio Nacional de Gastronomía 2022. CEDIDA

Cando volveu traballar ao mar, percatouse de que a súa profesión é a súa vida. “Ao subirme ao barco, empecei a chorar, estaba moi emocionada”, expresa emocionada, e durante ese tempo percatouse de que “aínda que poña todo o empeño noutro traballo, o do mar gústame de verdade”.

Porén, anima a todos aquelas persoas que teñan vocación que, aínda que sexa duro, “ao final vese a recompensa”. Agora ben, entre a sociedade existen tabús de cara a profesión, incídese na idea de que “no mar cóbrase moito”. Sen embargo, hai matices: “Moitos gastos, por exemplo, o mantemento do barco. Ademais, os días que vai moi mal tempo non se pode sair e hai meses nos que non se pesca”. “Non se pode pensar que é chegar e telo todo feito, hai que loitalo, pero se a unha persoa lle gusta, eu animoo a que o intente”, aclara.

Máis alá da fascinación de todo o que o mar regala, segundo esta moza de Muros, o que máis lle sorprende utlimamente é a cantidade de lixo que chega ás augas do mar. “Dunha vez, recordo que o meu mozo máis eu estábamos levantando unha rede, era noite pechada, e eu empecei a ver a man dun bebé e, cando a rede chegou arriba, atopámonos con unha boneca de Nenuco”, explicita.

Produtos de A Coruña

María traballa nas rías de Muros e Noia porque é o barco da súa parella e porque é o sitio no que vive. Non obstante, se tivese que ir a outra ría a traballar do marisqueo, non lle importaría facelo, máis de querer, “gústame moito vivir na casa”, manifesta.

Fala tamén dos exquisitos produtos das rías da cidade portuaria: “Os galegos temos un producto de moi boa calidade”. Declara que pode que o pense por criarse en Muros e levar “dende sempre” comendo marisco, pero moitas veces ve á ameixa que venden nun supermercado e sorpréndese con que o sabor e a apariencia “son moi diferentes”. Finalmente, expón que o marisco das rías de Muros e Noia “é rico en sabor, sabe a mar. Temos unha riqueza e unha diferenza no marisco que está xenial”.

‘Influencer’ do mar

Un día de traballo de María depende moito da arte á que vaia. Conta que no caso da ameixa e o berberecho, o tempo de rastrear é de luns a xoves de nove a doce. Posteriormente, leva á lonxa os produtos que consegue no día e véndeos. No caso de ir ás redes e ás nasas, é diferente. Hai días nos que non lle compensa volver para a casa, entón pasa a noite no mar, é dicir, ao mellor está dando lances e espera ao seguinte lance e así sucesivamente ata recoller á mañá seguinte.

Esta rutina foi a que comezou a gravar nos vídeos que difundía entre os amigos, tamén mariñeiros, aproveitando para ensinarlles qué se debía facer e qué non, pero sempre en ton humorístico. Así foi como un día Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son, que sube contido ás redes sociais para concienciar da importancia de coidar o mar, e cara o que María sente “gran admiración porque demostra ter dedicación, disfruta da profesión”, subiu unha publicación na que preguntaba aos seus seguidores qué facían por defender o medio marino. De maneira que, tralos ánimos dos compañeiros, envioulle unha das súas gravacións que, posteriormente, o influencer publicou pasado marzo. O éxito foi inmediato.

Non obstante, María revela que o seus comezos en redes, concretamente en TikTok (@mariabadernado), comezaron algo antes, cando a súa parella lle propuxo subir unha destas gravacións á plataforma, pero a conta del. Tras viralizarse, el seguiu incitándoa para que crease máis contido. No tocante a isto, a moza comenta que recibiu comentarios de usuarios que preguntaban acerca do idioma no que falaba, de aí a razón pola que os seus vídeos agora os faga en castelán, xa que así “os galegos entendémolos igual e en castelán máis xente pode ter acceso a eles e gañar maior difusión”. 

Un dos vídeos máis populares da conta de María en TikTok

Na actualidade, o vídeo con maior repercusión obtivo en torno a 108.000 visualizacións. Así mesmo, Maceiras explica que non levou a cabo esta faceta de divulgación noutras redes sociais porque, no caso da súa conta de Instagram (@maceiras_louro), ademais de que antes a tiña privada, sube “contido máis persoal, pois aínda que subía algúns vídeos, principalmente ás historias, non os facía ensinando nin explicando nada”. A pesar disto, engade que lle gustaría centrarse máis “na creación e montaxe dos vídeos, explicando máis e mellor”.

Premio Nacional Talento Xove

María Maceiras foi nominada á lista dos cen talentos mozos da fundación Basque Culinary Center polos vídeos do seu día a día grazas a que acadaron gran difusión e chegaron a Javier Olleros, dono do restaurante Culler de Pau (O Grove, Pontevedra), que a propuxo como candidata na modalidade de produtora.

A partir deste nomeamento, foi como conseguiu ser a gañadora e estrear o Premio Nacional de Gastronomía Talento Xove Alimentos de España. “Cando me dixeron que era a gañadora tomeimo a broma. Dixéronme que o xurado me escollera de forma unánime. Foi toda unha sorpresa”, recoñece a rapaza mariñeira.

O xurado da 47 edición dos Premios Nacionais de Gastronomía estaba composto por figuras moi importantes e recoñecidas. Presidido por presidido por Dabiz Muñoz, chef con tres estrelas Michelin; tamén formaron parte Lourdes Plana, presidenta da RAG; José Miguel Herrero, director xeral da Industria Alimentaria; Joxe Mari Aizega, director do Basque Culinary Center; e os Académicos Borja Beneyto, José Carlos Capel, Julia Pérez e Rosa Vañó.

A experiencia permitiulle aterrizar en Madrid, no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, o 15 de novembro, para recoller o trofeo. A súa vez, esta aventura tamén lle concedeu a posibilidade de coñecer a moitas persoas con diferentes profesións, que van máis alá do socialmente asentado no mundo da gastronomía, “dende a persoa que colle os alimentos ata a que os emplata, toda a cadea alimentaria”, conclúe.

Para María o máis emocionante foi cando o galardón llo entregou o Ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, que ademais lle expresou que desempeña “unha labor moi boa”. Con todo, revela que “soamente que recoñezcan e valoren o meu traballo é premio máis que suficiente”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.