A orixe do pan de munición

O famento exército francés seica estivo na orixe do pan do Porriño e das tafonas da Louriña

Non é doado dar para comer a 52.000 famentos. E, menos, se se trata duns mozos armados como a tropa que, a comezos de 1809, ocupou ata a última vila e aldea de Galicia. Pertencían ao exército do mariscal Soult. E talvez chegasen cos ideais de “Liberdade, Igualdade e Fraternidade”. Pero o que de verdade traían era… fame!

Porque os exércitos, na época de Napoleón, non levaban víveres consigo. A loxística estaba moi afastada dos estándares que se coñecen actualmente, e o sistema de guerra era ‘sobre o terreo’, aproveitando os recursos dispoñibles dos naturais do territorio.

Publicidade

Así que podemos imaxinar o terror da poboación fronte a aquela masa morta de fame e de sede que se plantou en Galicia desde xaneiro de 1809. Que levaban fondos para pagar os seus víveres. Pero, ao cabo, o que maioritariamente facían era saquear aos ocupados. Tras a súa invasión, o 30 de xaneiro, Vigo convértese no cuartel xeral do mariscal Soult. Van chegando á vila tropas galas, que marchan logo sobre Tui e A Guarda, pois o mariscal ten intención de atravesar o Miño nesta zona, aínda que finalmente non o logrará e deberá cruzar a fronteira por Ourense.

O mariscal Soult.

A Cuarta División Heudelet, do Corpo do Exército de Soult, queda acuartelada en Vigo ata o 16 de febreiro, en que deberá marchar a Portugal. A praza ten por primeiro gobernador ao coronel Girardin, do Oitavo de Dragones; logo, ao xeneral Limoussins e, finalmente, ao comandante de escuadrón Chalot, que pasará á historia por asinar a rendición da vila, o 27 de marzo.

Publicidade

A chegada de tropas francesas en gran número fai medrar as molestias dos vigueses nas primeiras semanas de ocupación. O historiador Estrada Catoyra nárrao así: “Unha vez posesionados os franceses da praza, empezou a sufrir a veciñanza as molestias consecuentes a aloxamentos, as esixencias de impostos e contribucións, o saqueo de víveres, a incautación de armamento e municións (…) sendo atropelados o seu individuos”.

Soult distribúe ás súas tropas por toda a provincia, fixando o seu cuartel xeral en Vigo. O xeneral Merle ocupa A Guarda; Delaborde establécese en Salvaterra; Baiona recibe ao xeneral Franceschi; mentres o xeneral Lorges instálase no Porriño. E os problemas de abastecemento son enormes.

O cronista galo Le Noble, que exercía o cargo de intendente de Soult, escribe nas súas “Memorias”: “O exército estaba sen diñeiro, sen aprovisionamentos, sen vestiarios, sen equipaxes. O persoal nin sequera chegaba ao completo dunha campaña ordinaria, cando en realidade era preciso o dobre para aproveitar os débiles recursos do país”.

Morte de Moore na Coruña na batalla de Elviña.

Hai problemas mesmo para a subministración de pan, pois non dan abasto os muíños da comarca para cocelo dabondo para toda a tropa. Explícao Le Noble, que asegura que os muíños “están na infancia do desenvolvemento, non poden moer cada un máis que arredor de catro quintais por 24 horas, isto é, que para os 375 quintais que o exército consumía por día, esixía o emprego de noventa moas”.

Esta situación de penurias dará orixe, curiosamente, ao famoso “pan do Porriño”. Así o afirma Leandro Diz Rey, en “Recordos Porriñeses”: “No barrio de Aloques, existía polo ano 1788 unha casiña de planta baixa, construída por un tal Represas, dedicada á elaboración do pan. No ano 1809 este forno foi ocupado pola chusma de Dupont, que se dedicou a elaborar o “Pan de Munición” que había de abastecer aos seus homes… Máis tarde, á beira deste forno foron instalándose outros, e moi pronto o barrio de Aloques converteuse nunha gran tafona”. O pan do Porriño, de fama en toda Galicia, naceu pois das urxencias do exército de Napoleón por saciar a fame dos seus soldados.

Así que os ocupantes franceses remataron saqueando e atropelando ao país. Aínda que chegaron cos ideais de “liberdade, igualdade e fraternidade”, o principal legado deste exército, nos seis meses que pasou en Galicia, talvez poida ser reducido a un simple anaco de pan…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

A Academia Galega de Belas Artes insta á Xunta a recuperar os torques de Ansorena

As pezas de posible orixe castrexa recibiron unha oferta de 210.000 euros durante unha poxa, pero a venda anulouse

A Deputación da Coruña recibe en Madrid o Premio Gourmet Turismo Gastronómico

O galardón recoñece a aposta da institución provincial por un modelo baseado na calidade, a autenticidade e a sostibilidade

Como de conectado está o teu concello? Descúbreo con esta ferramenta interactiva

O mapa de Strado puntúa os barrios europeos en función da súa accesibilidade a servizos da vida diaria e social