Exoesqueletos para coidar a quen coida: o proxecto galego para reducir as lesións no sector sociosanitario

Un equipo da UDC desenvolve dispositivos ergonómicos destinados a mellorar a saúde laboral do persoal que traballa con persoas dependentes

A enxeñaría que se desenvolve no Campus Industrial de Ferrol da UDC terá un papel decisivo nun dos novos proxectos europeos que se centran no ámbito dos coidados. O Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), a través do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM), será o encargado de deseñar e construír os exoesqueletos do proxecto internacional EXOCARE_GNP, financiado polo programa Interreg con fondos Feder. A iniciativa parte da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), centro adscrito á Universidade, e aborda un problema crecente: o elevado número de lesións músculo-esqueléticas que sofren e os profesionais da sanidade e as persoas coidadoras ao mobilizar pacientes en hospitais, residencias e domicilios. O proxecto desenvolverase ata 2028. Levarao a cabo un consorcio internacional que reúne entidades sanitarias, centros de investigación e asociacións de Galicia e o norte de Portugal.

Entre as socias do consorcio atópanse a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais da Coruña, a Universidade da Coruña, a Unidade Local de Saúde do Alto Ave (Portugal) e a Universidade do Minho, xunto a entidades como a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Consellería de Política Social e Igualdade —a través da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria— da Xunta de Galicia. Completan a alianza a Santa Casa da Misericórdia de Riba de Ave e o Digital Transformation CoLAB (DTx CoLAB), en Portugal, e o Clúster Saúde de Galicia (CSG), todos eles organismos comprometidos coa mellora das condicións laborais de quen coida a persoas dependentes.

Publicidade

Do laboratorio aos hospitais

O equipo de biomecánica do LIM, integrado polos investigadores Javier Cuadrado, Florian Michaud e Urbano Lugrís, ademais do estudante de grao Lucas Porzio, asumirá unha das tarefas centrais do proxecto: deseñar e fabricar oito unidades do prototipo de exoesqueleto que se utilizará nas probas reais. Estarán listos para ser avaliados por profesionais en contornas asistenciais durante o último trimestre de 2026, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a Unidade Local de Saúde do Alto Ave en Portugal, baixo a coordinación do consorcio liderado pola ERLAC. Tras esa fase de probas, o equipo analizará os resultados e realizará os axustes necesarios para definir a versión final do dispositivo antes de que conclúa o proxecto en 2028.

Lixeiro e flexible para o uso diario

A diferenza doutros desenvolvementos robóticos máis complexos, o dispositivo que se propón será previsiblemente un exoesqueleto pasivo, sen motores, lixeiro e flexible, con materiais téxtiles e estruturas de baixo peso. A clave está en que permita redistribuír as cargas que asume o persoal sanitario e evitar que adopte posturas forzadas ao mobilizar pacientes, para limitar así a presión sobre as vértebras lumbares. Deste xeito, redúcese o risco de lesións que hoxe constitúen a principal causa de baixa laboral no sector.

Publicidade

A proposta conecta cunha traxectoria consolidada do LIM no campo da biomecánica do movemento humano, que comezou en 2007. O grupo traballou anteriormente no desenvolvemento dun exoesqueleto activo para asistir á marcha de persoas con lesión medular, unha experiencia de alta complexidade tecnolóxica, a diferenza da solución que agora se persegue, máis lixeira e accesible, orientada ao ámbito sociosanitario.

Financiamento e compromiso institucional

O Laboratorio de Enxeñaría Mecánica contará con máis de 157.000 euros de financiamento europeo, procedente dos fondos Feder, aos que se suma a achega da propia Universidade da Coruña (UDC). Máis aló das cifras, EXOCARE_GNP sitúa á UDC nunha posición estratéxica dentro da cooperación Galicia-Norte de Portugal, ao combinar o coñecemento social da ERLAC coa enxeñaría avanzada do CITENI no Campus Industrial de Ferrol.

Reducir as lesións, mellorar as condicións laborais e dignificar o traballo de quen coida son os obxectivos finais dunha tecnoloxía que, nos próximos anos, comezará a probarse fóra do laboratorio, en hospitais e residencias desta área xeográfica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente

Un congreso da UDC pon Galicia no mapa da física solar na semana da eclipse total

O astrofísico Martín Gómez Miguez explica como o valor do fenómeno cambiou co paso do tempo e a evolución das ferramentas de observación e medición.