De documentos notariais do século XVI á autarquía franquista: os segredos mellor gardados do Arquivo Histórico da USC

O centro abre as súas portas para facilitar o acceso ao seu patrimonio documental

A historia da humanidade consérvase en documentos, pero onde se gardan? Os arquivos históricos son os fogares destes testemuños e obxectos cun valor cultural singular. Para reivindicar a súa importancia, celébrase entre o 9 e o 13 de xuño a Semana Internacional dos Arquivos. Neste contexto, GCiencia achégase á cara menos coñecida do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS)

Este ano, o lema da celebración é Arquivos accesibles, arquivos para todos, unha accesibilidade que só é posible grazas á conservación preventiva do patrimonio documental. Co obxectivo de darlle visibilidade a esta labor, o AHUS organizou unha actividade que pon en valor o traballo do centro e ofrece unha atención personalizada ás persoas interesadas na arquivística. 

Publicidade

A actividade consistiu en dúas visitas guiadas exclusivas, con grupos reducidos de oito persoas, que tiveron lugar o luns 9 e o xoves 12 de xuño. Durante as visitas, o equipo do Arquivo mostrou as instalacións, os depósitos documentais normalmente pechados ao público, e o taller onde a restauradora Cristina Doral Brun amosou o seu traballo. Mais, tras estas paredes, gárdase moito máis ca só documentos universitarios.

Unha labor que nace coa universidade

O Arquivo Histórico Universitario garda toda a documentación relativa á Universidade de Santiago (USC) dende a súa fundación en 1530, o que permite transmitir a súa historia de xeración en xeración. Aínda que ten un carácter principalmente histórico, o centro tamén cumpre unha función transversal na xestión administrativa da universidade. “Facemos un dobre papel na custodia da memoria”, explica a directora, Desirée Domínguez, pois o Arquivo dá soporte ás distintas unidades e centros da USC, tanto para facilitar a súa actividade administrativa como para garantir os dereitos da comunidade universitaria e da cidadanía. 

Publicidade

Así pois, céntrase na organización, rexistro e descrición de documentos para mellorar o control da súa custodia e o acceso á información. As estanterías compactas deste centro albergan patrimonio documental de Santiago de Compostela e a súa contorna dende o século IX, o que compón sete quilómetros lineais de arquivos. Ata 1990 foi a única universidade galega, polo que aínda se conserva documentación que, na actualidade, pertence á Universidade de Vigo e á Universidade da Coruña. 

A importancia do Arquivo Histórico tamén vén dada como o terceiro arquivo en Galicia cun taller de restauración propio, dotado de persoal cualificado e material específico para garantir a conservación das pezas documentais. Todo este labor realízase no edificio da Rúa das Casas Reais, construído en 1920 para o comercio téxtil e reformado en 1990 como arquivo, con todas as adaptacións necesarias.

Moito máis ca un arquivo universitario

Este edificio de 105 anos custodia documentos adquiridos, depositados ou doados, conformando un fondo histórico diverso. Lonxe de limitarse a expedientes académicos ou información sobre a historia da educación en Galicia, este arquivo único en España tamén recolle documentación do Concello e do Consorcio de Santiago.

Estantería de arquivos notariais de Noia conservados no Arquivo Histórico Universitario da USC.
Estantería de arquivos notariais de Noia conservados no Arquivo Histórico Universitario da USC. Foto: Andrea Veiga

A súa singularidade vén dada pola variedade dos arquivos: familiares, empresariais, eclesiásticos, políticos e sociais. Por exemplo, consérvase documentación do movemento estudantil antifranquista da cidade, dos gobernos políticos e militares do século XIX e do Hospital Real de Santiago, construído a principios do século XVI. Alberga tamén unha colección de tres millóns de imaxes, así como mapas, planos e cartas náuticas. A música tamén ten cabida con discos, vinilos e partituras. Como resume a directora, “somos como un arquivo histórico provincial”, mentres que o subdirector e guía da visita, Jaime Fariña, refírese ao centro como un “arquivo de arquivos”.

Consérvanse arquivos notariais dende o século XVI, fundamentais para a investigación histórica e social de Santiago e de concellos veciños como Noia, Arzúa ou Negreira. No ámbito empresarial destaca o fondo da empresa Curbera, a primeira conserveira de gran produción con sede en Vigo, útil para estudar a inserción da muller galega no mundo laboral. Tamén se conserva documentación da época da autarquía franquista, como as cartillas de racionamento ligadas a grandes almacéns composteláns. Ademais, o arquivo inclúe documentos propios da USC: libros con matrículas, cualificacións e expedientes de docentes e estudantes dende os seus inicios. Unha parte importante dos arquivos conservados remóntase aos anos 70, coincidindo coa democratización das universidades.

Conservar para acceder

Os documentos que chegan ao AHUS pasaron por moitas mans, e non sempre en bo estado. Moitos están afectados por humidade, insectos ou roedores, e por iso o centro conta co taller de restauración. Pero isto non é suficiente: as instalacións deben manter condicións óptimas para a conservación. A temperatura nos depósitos é de 20 graos, cunha humidade de entre o 50% e o 55%, iluminación LED indirecta, e sistemas de seguridade fronte eventos catastróficos. 

Mais, antes de ser arquivados, os documentos son sometidos a procesos de desinsectación, desinfección e limpeza de metais. “Moitos chegan en malas condicións”, explica Desirée Domínguez. Por iso son precisos dende recursos materiais, como os portaplanos para os documentos de maior dimensión, ata o traballo especializado dos profesionais. 

“A conservación pasou de ser un oficio a unha ciencia”, afirma Cristina Doral, que traballa sobre todo con papel e pergamiño. Ela comparte con nós os principios básicos da restauración en papel: o uso de materiais inocuos, estables no tempo, reversibles e que se fagan diferenciar do orixinal. “Non se pode imitar, só ata certo punto e en certas obras”, explica Doral. Ademais, paseando polo taller, pódense ver numerosas ferramentas con letras xaponesas: “Son os que máis tratan o papel”, explica a experta. 

No traballo co pergamiño, un material orgánico (pel) e hidrófilo, precísase máis paciencia pola súa sensibilidade. Con moita humidade, podrece, e con pouca, reseca tanto que quebra. Os enxertos requiren traballo a man, e téndese a reintegrar con papel de moita gramaxe, pois xa non se fabrica pergamiño, agás casos concretos. “Agora restauramos cada vez menos”, afirma, pois cando antes desmontaban todo o libro, agora só restauran as follas que o precisan. Así, destaca a importancia do mantemento constante, como o reforzo dos lombos dos libros antigos.

Obxectivo: a accesibilidade

O principal motivo destas actividades é garantir a accesibilidade ao patrimonio documental. O Arquivo Histórico da USC está aberto ao público xeral baixo a normativa de protección de datos e transparencia. “É de acceso libre e gratuíto”, destaca a directora, e ao custodiar fondos do Concello de Santiago e do Consorcio de Santiago, o arquivo tamén cumpre unha función cidadá.

“Aínda existe unha idea errónea de que os arquivos son institucións pechadas”, lamenta Desirée Domínguez. A realidade é que a consulta é máis habitual do que se pensa por motivos diversos, como asegurou Jaime Fariña durante a visita: hai quen busca planos de edificios para facer rehabilitacións e hai quen contacta co Arquivo dende Hispanoamérica para atopar información sobre familiares que estudaron na USC ou que viviron en Santiago. 

Mais a vontade do Arquivo é seguir mellorando a accesibilidade a través da publicación dos fondos na súa páxina web, a creación dunha aplicación informática para solicitar documentos dende a casa, horarios flexibles para a consulta presencial, entre outras medidas. Por iso, tamén traballan coa dixitalización baixo demanda, aínda que se presentan a axudas autonómicas e estatais para contratar a empresas que fagan este traballo. 

Estas medidas favorecen o acceso á información e permiten contribuír á investigación que xira arredor dunha institución académica como a Universidade de Santiago, en todos os ámbitos do coñecemento. “Poñemos todo da nosa parte para facer realidade o deber principal dos arquivos: o acceso á información pública”, conclúe Desirée Domínguez, a fin de pór en valor o papel esencial do Arquivo Histórico Universitario na memoria da cidade.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O próximo salto do IGFAE: un centro renovado para abordar os grandes retos da física

As súas instalacións, inauguradas en xuño, contan cun espazo de 5.200 cadrados, cunha maior superficie destinada a laboratorios punteiros

Un estudo pioneiro revela que o 15% do xenoma galego ten raíces no Norte de África e Oriente Medio

O grande atlas xenético de Galicia achega unha base fundamental para entender o diagnóstico de enfermidades e deseñar estratexias de medicina personalizada

O IGFAE tece fíos entre a física e a creación cun programa de residencias artísticas

O prazo de solicitudes estará aberto ata o 20 de outubro de 2025 e a proposta seleccionada recibirá unha achega de 8.000 euros

Un equipo da USC deseña unha tecnoloxía para reciclar plástico con enzimas reutilizables

Persoal investigador do CiQUS e do CRETUS propón unha alternativa sostible para a descomposición de polímeros como o PET, presente na maioría das botellas e envases