Son as 10.45 horas. Eduardo Sáenz de Cabezón chega ao vestíbulo do Hospital Clínico de Santiago despois dunha curta viaxe en tren dende Ourense. Alí estivo nos últimos días impartindo charlas en distintos centros educativos co obxectivo de espertar o amor pola ciencia e, en concreto, polas matemáticas, entre os máis cativos. Este xoves tocoulle un público ben diferente: científicos e científicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cuxa sede se atopa no centro hospitalario compostelán. Co seu relatorio Divulgación de trampolín impulsou a curiosidade e incentivou o persoal investigador a divulgar; a transmitir o seu coñecemento.
Sáenz de Cabezón é matemático de formación, profesor universitario, presentador do programa Órbita Laika e, sobre todo, un gran divulgador. Falamos con el sobre a deriva da ciencia, a desinformación e por que as matemáticas son tan difíciles. Talvez con esta entrevista aprendas a amalas un chisco máis.
—Divulgación de trampolín. Ese foi o nome do relatorio destinado a investigadores do IDIS, tanto aos máis novos como aos máis veteranos. Como os animaría a trasladar os seus coñecementos á sociedade?
—Estamos nun momento clave. Hai unha certa contestación, talvez un certo desprestixio, do coñecemento científico. Iso é mi perigoso porque a ciencia non só fai a nosa vida mellor; moitas veces faina posible. Contestar a iso, ou dar pasos atrás na asunción das bondades e dos defectos da ciencia, é moi arriscado. Pon en perigo moito do que xa conseguimos.
—Sen ir máis lonxe, Robert F. Kennedy acaba de destituír 17 expertos da comisión de vacinas dos Estados Unidos.
—Parece unha especie de rebelión. Eles pensan: “Quérennos controlar dalgunha forma, hai un suposto sistema, un suposto establishment do que forma parte o progreso científico e nós protestamos contra iso. Rebelámonos porque somos independentes”. E non ten nada que ver. Estamos noutro plano. Neste caso, cuestionar a importancia da saúde ou da educación é un atentado contra a sociedade. Chama a atención o caso de Estados Unidos, pero tamén ocorre noutros países. Non ver a ciencia e a educación como un instrumento de benestar é moi negativo.
—O caso de Estados Unidos é paradigmático porque é unha gran potencia científica. Aínda así, Trump está a reducir o financiamento dos Institutos Nacionais de Saúde, coas repercusións que isto poida ter para futuros ensaios clínicos. Por exemplo, fármacos contra o cancro.
—Si. Ademais é un país economicamente moi potente e moitas das investigacións precisan grandes infraestruturas. Necesitan que os investigadores e as investigadoras traballen en calma, en paz, sen escasezas económicas. Que todo iso se desmantele afecta a todo o mundo.
“A ciencia non só fai a nosa vida mellor; moitas veces faina posible”
—Que se pode facer? Vendo a deriva estadounidense e o calado das ideas trumpistas en Europa. Como se pode evitar a desvirtuación da ciencia?
—Deberiamos escoitar as razóns de quen está detrás disto. Non colocarnos dende unha situación de superioridade intelectual ou moral. Debemos preguntarnos por que se fai e como podemos axudar a que estas persoas entendan que é un prexuízo para todos. A partir de aí, en calquera acto de comunicación, e no caso da divulgación científica máis, unha das partes fundamentais é poñerse no lugar da persoa á que te dirixes, saber cales son os seus intereses, os seus medos… Probablemente hai unha intención dentro deses movementos que podemos compartir e que sexa a de coidar aos teus. Partamos de aí. Eu tamén quero coidar das persoas ás que quero, coidar a miña sociedade. Se estamos de acordo niso, imos tratar de camiñar. Non ceder nese apoio ao progreso científico non se contrapón a comprender os motivos das persoas que tes enfronte.
—Que papel xogan nesta situación os medios de comunicación? A ciencia está máis presente ca nunca, pero tamén debe enfrontarse ás correntes do sensacionalismo e da ditadura do clic.
—Os medios de comunicación teñen por diante un gran reto, que é recuperar o prestixio da súa información. Que os distinga, que unha persoa teña claro que se pode fiar do que diga un medio fronte ao que lle chegue doutras vías. Se os medios asumen as estratexias de perseguir un número de clics, de audiencias e de lectores… Se asumen formas de traballo de quen distribúe información falsa, non rigorosa, non contrastada, inútil… Entón será moito máis difícil distinguir o certo do que non é. Aínda que eu entendo que son empresas e teñen que tratar de sobrevivir economicamente. Pero se entro nun periódico en liña e dentro da web teñen noticias que, en realidade, son publicidade pagada pero parecen iso, simplemente, noticias, como pode distinguilas o lector? O gran reto que teñen é recuperar o carácter de voz autorizada para falar da actualidade. E non creo que sexa tan sinxelo.
—Despois de analizar o poder e os medios, que acontece coa alfabetización científica? Segundo a última enquisa da FECYT, o 20,3% da poboación galega aínda pensa que o Sol xira arredor da Terra. E non é un dato que diminúa co paso do tempo, precisamente…
—Dende logo non é un problema relacionado coa falta de coñecemento. O coñecemento témolo. Imaxino que haberá múltiples causas que se relacionan entre elas, pero pode que unha sexa o exceso de información. Temos tantos datos ao noso alcance que finalmente non sabemos distinguilos nin temos claro cales son os máis veraces e os máis sólidos. Estaría ben ter menos contidos ao noso arredor, e que eses contidos se traballasen un pouco máis. A todos os niveis: informativo, educativo… Pode que esa sexa unha das vías a explorar.
“Debemos chegar ás matemáticas dende o emocional e o afectivo”
—O que comunmente se chama infoxicación. Vostede é matemático de formación, profesor universitario pero, sobre todo, destaca por ser un gran divulgador. Como chegou aí?
—Creo que, dalgunha forma, non foi decisión miña [risas].
—Simplemente chegou?
—Si, simplemente chegou. De tódolos modos, a miña actividade principal é a investigación en matemáticas. Pero a un nivel máis xeral, o meu labor máis coñecido, é o divulgativo. Dende hai moitos anos, antes incluso de ser matemático, facía espectáculos de narración oral e de contos para adultos en bares e teatros. Unha actividade que aínda manteño. Chegoume a oportunidade de unir iso co labor científico a través do concurso de monólogos científicos FameLab que, en España, asumiu a FECYT. Presenteime e foime ben. Resultoume moi curioso que fora tan bonito de ver un espectáculo, un show de ciencia moi lixeiro e moi agradable que che permitía acercarte dunha forma inmediata. Aí dinme conta de que podía funcionar máis en xeral e, xunto a outros compañeiros que participaron en FameLab, montamos o grupo Big Van Ciencia.
Empezamos a explorar distintos formatos de comunicación deste tipo de comunicación científica, que logo chamamos de trampolín. A partir de aí foi escalando cada vez máis. Empezaron as charlas e, sobre todo, unha TED en Bos Aires, Arxentina, que se fixo moi famosa. A partir de aí empezamos coa canle de Youtube. Chamoume unha produtora para ver se estaba interesado en facelo. Saíu e saíu ben. Escribín libros e empecei a probar múltiples formatos.
—Falando da canle de Youtube, ten, nin máis nin menos, que 1,5 millóns de seguidores. Cal é o segredo?
—Ás veces penso que os números están mal [risas]. Non sei… Imaxino que había un oco. E creo que segue habendo moitos ocos na divulgación científica na Internet. A idea é que alguén vira unha canle de matemáticas, e non para aprobar unha materia, senón polo gusto polas matemáticas. Na miña canle non ensino a aprobar materias, senón cultura matemática. É como alguén que vai a un museo e non lle interesa só ver o cadro, senón saber algo dese cadro. Acontece o mesmo coas matemáticas. E hai outro compoñente que creo que é importante. É unha especie de reconciliación cun aspecto do coñecemento, do mundo, co que non nos levamos de todo ben. Co que, ao mellor, temos unha experiencia escolar negativa. Entón é como dicir: mira, eu tamén podo con isto, a min tamén me pode gustar. Creo que é importante entrar nas matemáticas e na ciencia non só dende o punto de vista intelectual, senón tamén emocional e afectivo. Creo que moita xente se atopa a gusto aí e funciona moi ben.
—Dende logo, funciona de marabilla. Aínda que non o imos negar: as matemáticas son difíciles.
—Si, si. Hai partes das matemáticas que son difíciles.

—De feito, acaba de saír un estudo de Nature que confirma que a fenda de xénero nas matemáticas aparece no primeiro ano de primaria. E que esta brecha non aumenta coa idade, senón cos anos de escolarización. Está a clave de por que, tradicionalmente, as escollen máis nenos ca nenas?
—Hai múltiples causas. Asumo que dependerán dos países e das sociedades pero hai unha que me parece interesante explorar e da que xa saíron varios artigos científicos. Hai persoas que, na súa vida escolar, sobre todo a partir da secundaria, escollen a súa carreira fuxindo das matemáticas. Ben porque non se lle dan ben, porque non lles gustan… Aí xa entramos nunha roda. O caso é que foxen. Esas persoas rematan en distintas carreiras e evitan as de ciencias só por escapar das matemáticas. Acaban noutras, sobre todo en dúas, que me parecen moi relevantes. Unha delas é o xornalismo e outra o maxisterio. En xornalismo cal é o dano? Que, ao mellor, vaille tocar explicar noticias de ciencia ou tratar algún aspecto científico da actualidade con datos. Se sentes un complexo de inferioridade coas matemáticas, non o vas enfocar da mesma forma. Hai un problema de emotividade e afectividade respecto ás matemáticas.
En maxisterio é aínda peor. Foxen das matemáticas e, moitas veces, acaban sendo profesores de matemáticas. Entón, vanas ensinar en primaria pese a non sentirse a gusto. Senten unha especie de incapacitación, denominada ansiedade matemática. Non é que non teñas capacidade, senón que che impide exercela.
Dentro do alumnado de maxisterio hai unha porcentaxe moi alta de mulleres. E hai moitas máis mestras ca mestres. E os nenos e as nenas identifícanse coas actitudes deles en relación ás distintas disciplinas. É probable que as nenas se identifiquen máis coas mestras. Entón, esa ansiedade matemática van herdala moi cedo. E, de novo, entramos na roda. Hai varios estudos que apuntan a isto como unha causa, e é unha causa bastante identificable, pero probablemente sexa unha de moitas outras. Eu creo que se debe actuar xa dende as escolas de maxisterio. E non só dende o achegamento intelectual, de que saiban máis matemáticas, senón de que lle gusten e de que opten por unha actitude positiva. Despois é o que van transmitir. Ademais, o contido matemático que van transmitir en primaria é moi sinxelo, van ser explicacións básicas e de achegamento básico á xeometría. Se un xa ten unha actitude positiva cara a esa materia, é máis probable que xere unha actitude positiva no seu alumnado.
—Non deixa de ser un círculo vicioso. Ademais, nos primeiros anos fas contas con garavanzos, por exemplo. É máis visual. Despois comezan os conceptos abstractos e máis afastados, como di, do emocional e do afectivo.
—Si, e non creo que sexa unha causa que só se poida identificar na escola. Probablemente temos na sociedade un tipo de crenzas moi establecidas de que as matemáticas son difíciles e llelas imos transmitindo aos pequenos.
—De todos os modos, fíxose e estase a facer un esforzo moi grande a través da divulgación. E neste caso non creo que haxa mellor exemplo que Órbita Laika, o programa que vostede presenta. Xa leva 10 temporadas. Ciencia en prime time. Non é incrible?
—E ademais funciona, ten audiencia e as críticas que recibe son moi boas. Tamén hai certo prestixio cara á cadea. É un programa que nestes 10 anos tratou de buscar axeitadamente o ton e a estética para dirixirse ao público. Temos unha forma de falar e de mostrar ciencia que realmente impacta as persoas, que é acollida por moita xente e está funcionando. A premisa de Órbita Laika é facer un show de ciencia. Un show no dobre sentido inglés. Por un lado, un espectáculo que sexa entretido, que non esixa un grande esforzo intelectual. Pero tamén un show no sentido de mostrar. De como se fai ciencia, quen a fai, por que… Narramos a ciencia. Non só mostramos feitos e datos, senón que hai persoas que teñen as súas paixóns, os seus medos, erros, acertos e sorte no seu desempeño do labor científico.
—Hai outros programas, como El Hormiguero, que aposta pola espectacularidade da ciencia, e non tanto pola divulgación ou polo coñecemento científico. Ao final hai unha dicotomía: os programas da televisión pública fronte aos da privada. Queda moito por facer?
—A televisión privada debería sumarse porque lles vai funcionar e vailles funcionar ben. Pero as cadeas teñen obxectivos e modos de funcionar diferentes, financiamento diferente… Entón, iso incide á hora de programar e de acometer os temas. Pero non estaría mal que se atreveran. De todos os modos, eses programas tamén cumpren co seu labor. Hai outras formas de mostrar ciencia en televisión, aínda que sexa un mero espectáculo. Tradicionalmente temos a idea de que a ciencia non serve para o entretemento e as redes sociais mostran precisamente o contrario.















