Sabías que a ciencia pode estar agochada ata onde menos se espera? Nunha aldea de Ourense ou mesmo nun festival de música. Aí é precisamente onde a atoparemos: a nova edición do festival Revenidas instala un escenario baixo o nome “Ondas e partículas”, que acollerá 13 relatorios enfocados principalmente ao ámbito da física. Así, investigadores recoñecidos a nivel nacional e internacional compartirán espazo con artistas e grupos musicais como 9Louro, Fillas de Cassandra ou The Rapants. O encontro, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) entre o 10 e 13 de setembro, engloba un proxecto promovido polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) en colaboración coa prestixiosa fundación de Ciencia e Sociedade do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Trátase da primeira vez que o CERN Festival Programme aterra en Galicia, converténdose na única parada na península ibérica este ano. Esta iniciativa leva en marcha dende 2016, con paradas no Rototom Sunsplash —celebrado en Benicàssim (Castelló)— e no Sonorama Ribera —en Aranda de Duero (Burgos)— en anos anteriores. Con todo, non é o primeiro contacto do IGFAE con esta iniciativa, pois persoal investigador do centro, como Jose Edelstein, Cristina Cabo e Yassid Ayyad, xa puido encabezar relatorios en 2024 e 2025. Ademais de intervencións científicas, haberá tempo para obradoiros con detectores de partículas, observar unha cámara de néboa e mesmo probar xeados feitos de nitróxeno líquido.
Ademais, é unha data importante: este 2026, o CERN Festival Programme cumpre 10 anos e terá como escenarios o Reino Unido, a República Checa, Dinamarca, Alemaña, Estados Unidos e Galicia. O matemático e recoñecido divulgador científico Eduardo Sáenz de Cabezón falará nun relatorio o vindeiro sábado en Vilaxoán e atópase entre os organizadores do evento: “Tratamos de levar unha carpa de ciencia ao festival para amosar que á xente tamén lle pode gustar a ciencia máis aló do académico”.
Como chegou a Galicia?
O CERN Festival Programme estréase en Galicia. Pero, como chegou ata aquí? O IGFAE, con diversas participacións no programa ás costas, decidiu dar un paso adiante para poder traelo á comunidade. Entre diversos festivais, foi no Revenidas onde se atopou unha mellor cabida para a iniciativa: “Estiveron encantados de escoitar a proposta e aportaron moitas facilidades”, sinala Sáenz de Cabezón. Así, o festival, moi apegado ao territorio galego e comprometido coa contorna, á beira da ría de Arousa, convértese no escenario perfecto para impulsar o proxecto do laboratorio de física de partículas máis grande do mundo.
Divulgar nun festival
Tal e como explica Sáenz de Cabezón, un festival de música é un lugar a onde asisten persoas que non adoitan acudir a eventos científicos. A pesar de que non é a norma, si é a maioría. Desta forma, a divulgación nun contexto como este ten os seus retos: “Un dos factores máis importantes á hora de preparar un acto é saber a que público nos imos dirixir”, sinala o matemático, subliñando como datos determinantes a idade e os intereses dos asistentes. O último está claro: a música. Por tanto, é unha situación diferente a unha charla nunha universidade ou nun colexio. Para poder falar ao público xeral, Eduardo Sáenz de Cabezón explica que o seu obxectivo é buscar temas que teñan que ver coa actualidade e que se relacionen co mundo da ciencia, a fin de acompañar ao público no camiño para coñecer a fondo como ata as situacións máis cotiás inclúen conceptos científicos.
Os artistas da física
Eduardo Sáenz de Cabezón pon de manifesto a presenza dalgunhas das figuras máis relevantes da divulgación no festival Revenidas. É o caso de Verónica Bolón, Paula Desiré, Ricardo Moure ou Adrián García (“El Físico Barbudo”): falarase de física, pero tamén de matemáticas, bioloxía e outras disciplinas, con personalidades implicadas puramente na investigación ou orientadas soamente cara á divulgación —ou ambas, como é o caso de Sáenz de Cabezón—. “Faremos unha explicación de en que consiste o noso traballo, para ver de primeira man que problemas interesan aos científicos e por que é beneficiosa a súa investigación”, subliña o divulgador rioxano.
O espellismo da maioría será o título do seu relatorio, que se celebrará o sábado 12 e onde falará de como as matemáticas poden axudar a entender que ocorre nas redes sociais: por que se fan virais determinados contidos, como funcionan os algoritmos e de que maneira se comportan os elementos sociais que as persoas non rematan de entender nun contexto en constante cambio como é Internet. “Queremos acurtar a distancia entre os científicos e a sociedade da que todos formamos parte”, recoñece.
O poder da curiosidade
Tras numerosas intervencións en diversos festivais de música en colaboración co CERN Festival Programme, o divulgador explica que unha das cousas que máis aprendeu neste tempo foi que “o gusto pola ciencia e a curiosidade non depende do público”. Así, a xente chegará o xoves 10 de setembro a Vilaxoán, ao recinto do Revenidas, sen saber exactamente que é o que atoparán no escenario “Ondas e partículas”. Alí, Verónica Bolón inaugurará o programa ás 19:30 horas, baixo o título IA Verde. Cara a un futuro sostible, seguido duns petiscos científicos a partir das 20:30 horas. Así, a chegada do CERN ao Revenidas poderá mesmo espertar vocacións en futuras xeracións de científicos, dende matemáticos como Eduardo Sáenz de Cabezón ata neurocientíficas como Conchi Lillo.














