Existe a idea de que as ciencias tan só se estudan nas grandes cidades, preto de universidades ou centros de investigación. Porén, un proxecto con 15 anos de xénese vén para demostrar que o rural pode ser o escenario de conversas tan profundas e instrutivas como as que poderían producirse nun congreso científico. A aldea das Barreiras, situada no concello de Castro Caldelas, converterase a partir do vindeiro luns 29 de xuño no epicentro internacional da física teórica co inicio da escola de verán The Quantum in the Haystack (‘Cuántica na palleira’).
Esta iniciativa está coordinada polo físico Paolo Benincasa e celebra a súa segunda edición despois do éxito da escola de 2025. O evento reunirá estudantes de posgrao e investigadores posdoutorais procedentes dunha ducia de países: Alemaña, Austria, Eslovaquia, Estados Unidos, Francia, India, Italia, Marrocos, México, Reino Unido, Sudáfrica e Suíza. E, por suposto, asistentes e interventores nacionais; de feito, parte das actividades previstas estarán abertas ao público co propósito de fomentar a interacción coa comunidade da contorna.
Así pois, queda patente o seu propósito descentralizador: a escola busca trasladar os eventos científicos de alto nivel fóra das grandes cidades e dos centros de investigación convencionais. Ao tempo que se fomenta o debate académico, trata de xerar un impacto cultural directo na Ribeira Sacra, facilitando que a poboación das zonas rurais teña acceso directo a divulgación científica de calidade.
Castro Caldelas, de aldea abandonada a centro da física cuántica
O organizador do evento, Paolo Benincasa, explica que a orixe da escola se remonta a moito antes da edición do ano pasado. “Este proxecto comezou hai 13, 15 anos, concibino como unha ferramenta educativa para axudar a analizar o mundo que nos rodea”, conta o investigador. Engade: “Non é un proxecto para científicos, senón que quere xerar un impacto sobre o rural e ter un método diferente para poder facer cultura e dinamizar a comarca”.
Cando chegou o momento de levar as súas ideas a un espazo físico, achou que a aldea das Barreiras —daquela abandonada—, en Castro Caldelas (Ourense), marcaba todas as características que necesitaba: “Estaba no rural, tiña unha casa na que nos puideramos hospedar, podía transformarse nunha aula… E a cuestión do terreo”, apunta, e aclara que, co paso do tempo, agarda poder producir a súa propia comida nas hortas da vila. “Por agora, aínda é moi cedo para ter o produto suficiente”, confesa o físico.

O espazo escollido para o desenvolvemento das xornadas é unha casa de campo rehabilitada para esta fin. Nun ambiente que conxuga a natureza, a convivencia e a gastronomía local, un total de 25 participantes convivirán dentro da propiedade. Esta estrutura busca potenciar a interacción constante tanto entre os propios alumnos como cos relatores, quen dispoñerán de instalacións específicas para as clases e os debates a calquera hora do día.
Os obxectivos: educar e dinamizar
A escola ten o dobre obxectivo de ofrecer unha educación de calidade accesible e ter un impacto positivo no rural. Por un lado, pretende eliminar as barreiras económicas que poderían supoñer as tasas de entrada ou os custos de aloxamento ou manutención dunha academia internacional das súas características. Desta forma, os participantes só terán que preocuparse por atopar a forma de viaxar ata Castro Caldelas; o resto correrá a cargo da organización, que conta con fondos derivados das axudas e subvencións que reciben os relatores e organizadores.
Dentro desta oportunidade educativa, búscase potenciar ao máximo a interacción, tanto entre os participantes como coa súa contorna. Benincasa explica que as propias características da hospedaxe serven para atraer perfiles concretos, abertos a novas posibilidades. “É un ambiente moi rural e moi íntimo. Hai xente que vén chamada polo formato, e xente que vén a pesar del”, explica.

O investigador pon o foco no tempo fóra das aulas: “Os participantes poden decidir quedar nas premisas ou ir a outros pobos, polo que hai interacción cos locais”. Paolo Benincasas apunta que é a única persoa empadroada en Barreiras, polo que as saídas son moi benvidas para fomentar o contacto. “Tamén facemos excursións, e hai actividades abertas ao público. Non queremos que sexa que ‘os científicos reúnense nun sitio chulo a investigar as súas cousas’, senón que as charlas serven de excusa para coñecer o espazo“, sinala o físico. Fai fincapé na oportunidade que supón esta experiencia para que os participantes poidan achegarse a outras formas de vida e ver que a ciencia existe máis alá das grandes cidades.
Educación sobre a orixe do universo
Benincasa organiza eventos máis alá da escola de The Quantum in the Haystack. O máis recente foi un congreso para investigadores novos, pero xa ten a vista posta na academia de verán sobre computación cuántica que dará comezo o luns 29 de xuño e continuará ata o 10 de xullo. Serán dúas semanas nas que os participantes poderán asistir a relatorios impartidos por profesionais de catro universidades europeas.
Así, o cadro de profesores inclúe a investigadores como Álvaro Martín Alhambra (IFT UAM / CSIC), quen afondará nos algoritmos cuánticos para a física; Jessica Bavaresco (CNRS & Sorbonne University), que falará sobre transformacións cuánticas de orde superior; Pavel Kos (Universidade de Liubliana), quen abordará os circuítos cuánticos resolubles; e Luca Tagliacozzo (IFF CSIC), encargado de impartir leccións sobre redes tensorais para estados altamente entrelazados.

A axenda de cara ao público inclúe a charla divulgativa Computación cuántica: os ordenadores do futuro?, impartida polo propio Álvaro Martín Alhambra, así como o ciclo Sementes de información, que ofrecerá cinco actividades educativas. A programación completarase co concerto Golondrinas, a cargo de Pilar Almalé e organizado pola Asociación Cultural “La Ricotta”.
En agosto acollerán unha escola de física de partículas e cosmoloxía: “Abordaremos a historia do universo e farémonos preguntas sobre a súa orixe. Sairán temas como os sistemas complexos ou desordenados”. Cabe destacar que o espazo está xestionado por unha entidade sen ánimo de lucro, polo que calquera excedente económico será reinvestido en promover a aprendizaxe baseada na indagación e na ciencia no medio rural.
Crear comunidade como parte integral do proxecto
As leccións teóricas diríxese, principalmente, a estudantes de doutorado ou investigadores posdoutorais. “O obxectivo da escola é ensinarlles os últimos avances no campo de estudo; non queremos descubrir nada. Porén, si xorden colaboracións“, di Paolo Benincasa. O físico conta que el mesmo comezou un proxecto cun dos participantes da edición anterior. “En agosto sacaremos un artigo. En xeral, sabemos que cando dous experimentos están próximos, poden influír o un no outro, polo que os separamos. No universo, isto non é así. A idea é comprender os vínculos teóricos que explican que unhas cousas poden pasar e outras non, para descartar modelos e entender mellor o pasado do universo“, explica Benincasa.
O impulsor do evento confirma que xa contan cunha serie de ‘fieis’ que tratan de asistir a todas as actividades organizadas como parte da iniciativa divulgativa. Non obstante, recoñece que o ideal é atraer un público heteroxéneo no que haxa persoas con perfiles diferentes. “A misión é que conformemos unha comunidade aberta. Queremos chegar á xente de toda a comarca e converter a zona nun punto de referencia. Pero temos que ser pacientes”, recoñece o investigador. Así, ano tras ano, e con diferentes actividades ás súas costas, a aldea das Barreiras loita por volver á vida e, polo camiño, configurar un destino recoñecido no sector da física cuántica.















As ideas como esta son marabillosas. Po lo que sería moi interesante que se faborecesen e se lle dese publicidad para que moitos que non nós enteramos de las poidesemos disfrutar das mismas.
Dende a miña humilde posición moito ánimo a todas aquelas persoas que cada día intentan popularizar e compartir a cultura e o coñecemento.
Moi interesante a actividade e moi oportuna neste tempo de abandono do medio rural. Só unha palabra para a redactora: creo que mellor ca usar “pobo” (“…ou ir a outros pobos”) escribir e dicir aldea, senón semella que minusvaloramos esta forma de poboar e utilizar o territorio. Para min que en Galiza hai un só pobo, nós somos ese pobo repartido en cidades, vilas e aldeas. Aproveito asemade para propoñer a lectores e lectoras que non se use o (para min) castelanismo praia (<playa) senón o patrimonial areal, velaí areal de Valdoviño, areal de Baldaio. Como dicia o meu avó.
Moi a favor destas iniciativas. E deberia haber mais. Para min sempre esta foi unha opcion para galicia. Desta maneira non se destrue o medio ambiente ( minas e demais). Incrementaria o noso crecemento educativo etc.. Obviamente que e a longo plazo.