Beatriz de Castro é tan só unha nena. Olla con curiosidade a fachada do mosteiro de Santa Clara A Real, en Toledo, onde vai ingresar. Probablemente entrará na institución relixiosa para recibir unha educación, algo relativamente habitual entre as nobres medievais. O que non sabe Beatriz de Castro aos seus oito anos é que a súa experiencia no mosteiro toledano vai ser desagradable. Obrigarana a tomar os hábitos, aínda en contra da súa vontade, e acabará escapando de Santa Clara coa axuda dun parente. Tras recibir o visto e prace do papado, anos despois, dona Beatriz casará e enfocarase en recuperar o inxente patrimonio familiar que malogrou o seu irmán, quen foi encarcerado e faleceu en prisión tras perder o favor do rei Xoán II de Castela.
Dona Beatriz pertencía a unha familia situada no cumio máis alto da pirámide nobiliaria da época. O seu pai, o conde don Pedro, señoreaba Lemos, Trastámara e Sarria, entre outros territorios, e estaba emparentado directamente coa nova monarquía castelá, a dos Trastámara. A súa nai Isabel, quen procedía da vella familia Castro —como as famosas raíñas Xoana, na Coroa de Castela, e Inés, no reino de Portugal—, tamén foi unha muller con poder que loitou polos seus propios dereitos e patrimonio, por exemplo, á hora de reivindicar a vila de Chantada.
Mais Beatriz quedou orfa de pai sendo moi pequena e o seu irmán Fadrique, duque de Arjona, asumiu a titoría e fomentou o ingreso da nena no mosteiro de Santa Clara. Non obstante, non se sabe que papel xogou: se tan só quería que recibise unha educación, pero que non collese o hábito; ou se sempre tivo claro que a súa irmá debía ser monxa.
Obrigada a tomar os hábitos
O certo é que, tal e como narran as crónicas, Beatriz foi obrigada a converterse en relixiosa en contra da súa vontade. Talvez algunhas relixiosas do mosteiro, tamén parentes súas, a incitasen co interese de que o dote de Beatriz engrosase as arcas da institución. Porén, a resistencia da nobre galega foi clara e firme, tal e como describe o cronista frei Malaquías de la Vega. “Espiu os hábitos á vista de abadesas e monxas, e saíu do mosteiro axudada por algún parente”, relata. É un acto público de renuncia pese ás presións e, probablemente, os encerros que sufriu para obrigala a aceptar a carreira relixiosa. Debúxase así unha Beatriz de Castro rebelde e con poder para decidir sobre o seu destino.
Isto debeu acontecer arredor de 1419, cando ela xa tiña máis de 20 anos e pasara máis dunha década no mosteiro. Tal e como explica o historiador Miguel García-Fernández nun capítulo do libro Personaxes da Galiza medieval III, Fadrique debeulle solicitar ao papa Martiño V unha investigación sobre o acontecido coa súa irmá, e así corroborar se foi obrigada a tomar o hábito, como ela mesma defendía. Dona Beatriz, por mandato do papado, quedou baixo a protección do deán de Segovia, encargado de investigar o caso. Pero non foi ata 1429 cando se autoriza a súa saída do mosteiro, malia que xa levaba anos desvinculada da institución.
Matrimonio ou relixión
“Unha parte das mulleres da nobreza foron obrigadas a ingresar nos mosteiros. Moitas delas na infancia, polo que non tiñan vocación. As grandes opcións de vida que tiñan eran a relixión ou o matrimonio”, explica a GCiencia Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Parece que a dona Beatriz se lle quixo impoñer unha vida de clausura que ela rexeitou dende o primeiro momento, pero moitas veces eran as familias as que decidían o ingreso das súas fillas ou irmás para defender os intereses da liñaxe. E, en certo modo, ser relixiosa era unha oportunidade para que as mulleres puideran gobernar, ao liderar unha comunidade señorial como eran, en esencia, os conventos femininos, e alimentar as súas inquedanzas culturais. Pero dona Beatriz non quería esta vida.
O final do seu irmán
Cando sae do mosteiro ábrese ante ela unha nova realidade: erixirse como herdeira do condado de Lemos. “O seu irmán, o duque de Arjona, cae en desgraza política e patrimonial. Foi o nobre máis relevante da Galicia do primeiro terzo do século XV, pero dentro deses xogos políticos na corte de Xoán II, Fadrique apoia os infantes de Aragón e perde o favor do rei”, explica García-Fernández. Isto deriva no seu ingreso en prisión en 1429, na confiscación das súas propiedades e na súa misteriosa morte en Peñafiel, aínda apresado, en 1430. Ante a falta de descendencia lexítima, é Beatriz de Castro quen se converte na herdeira de Fadrique.
Reconstruír o legado
A posición da nobre galega non é doada debido á situación na que se atopaba o patrimonio familiar, confiscado polo rei e, nalgúns casos, xa concedido a outros señores e institucións. Non obstante, non estaba todo perdido, porque o duque de Arjona xa lle doara a Beatriz algunhas propiedades antes da súa caída en desgraza, como a vila de Monforte e o castelo de Castro Caldelas, así como a vila de Cedeira herdada da irmá de ambos, Constanza. A partir da morte do seu irmán, dona Beatriz deixou a pel para reconstruír o vello esplendor dos Castro. “Irá con recorrencia á corte do rei de Castela, Xoán II, á que se refire documentalmente como a súa tía, para que lle devolvese as propiedades arrebatadas a Fadrique. Foi unha firme loitadora pola recuperación do seu patrimonio familiar”, sostén García-Fernández.
A tarefa non foi doada e dona Beatriz acudiu aos tribunais para lograr que moitas das antigas propiedades dos Castro volveran ás súas mans. Incluso preiteou coa viúva de Fadrique, Aldonza de Mendoza. “Como el non lle entregara as arras, reivindicaba como súa a vila de Ponferrada que, por herdanza, lle pertencía a Beatriz”, apunta o investigador do IEGPS. E, de feito, quen gañou foi esta última, quen xestionou con mestría o seu patrimonio e tratou de reconstruílo con éxito.
O casamento
Para a recuperación das súas propiedades xogou un papel moi importante o seu marido Pedro Álvarez Osorio, señor de Cabreira e Ribeira, con quen casa en 1433 tras obter a dispensa pontificia, dado que eran curmáns. A cerimonia produciuse no mosteiro de Carracedo, no Bierzo, onde exerceron unha grande influencia. Tiveron unha filla e un fillo xemelgos, Alonso e María, que faleceron sendo novos. De feito, o gran beneficiario da herdanza e do poder dos Castro foi o marido, quen, en todo momento, garantiu a preservación da memoria de dona Beatriz, ben por amor, ben porque foi ela a quen lle debía a súa posición social, dado que volveu casar. De feito, recibirá o título de Conde de Lemos só un ano despois de que falecera dona Beatriz, quen nunca chegou a ser nomeada como tal.
O traballo e a colaboración xurídica de Álvarez Osorio coa súa primeira muller reflíctese, por exemplo, nun documento que menciona García-Fernández: “Outorga un foro en nome de dona Beatriz de Castro, porque as propiedades son dela. Por tanto, isto demostra que el está colaborando activamente na xestión dun patrimonio que, en realidade, lle pertence a ela”. Pero o certo é que Beatriz morre sen recibir o título de condesa de Lemos, do que si desfrutará o seu marido. Ela faleceu en 1455 e foi soterrada na igrexa de San Francisco de Vilafranca do Bierzo, onde tamén descansarían o seu fillo, a súa filla e o seu marido. A súa tumba estaría situada na capela maior da igrexa e contaría cun epitafio, mais as loitas sucesorias tras a súa morte non só derivarían na desintegración do seu labor en vida, senón tamén da súa memoria.
Un destino propio
A historia de Beatriz de Castro é, por tanto, a historia dunha muller que se rebelou contra o seu destino. Que pese a ingresar no mosteiro sendo unha nena e a tomar os hábitos, decidiu renunciar a unha vida que ela non desexaba. Tras conseguir o favor do Papa, acabou casando cando xa tiña arredor de 30 anos, unha idade elevada para a época. E xestionou o seu patrimonio con mestría ata reunir gran parte das propiedades que perdera o seu irmán. Pero hai moitas lagoas arredor da historia de dona Beatriz, sobre todo as relativas á súa vida cotiá. “Temos ben documentada a súa condición de herdeira e xestora patrimonial, pero fáltanos información sobre a súa vida adulta. En gran medida, isto débese a que carecemos dun testamento, que permitiría reconstruír, por exemplo, parte da súa rede de relacións sociais”, conclúe García-Fernández.
Non obstante, a falta de información non debe ser un impedimento para espallar a historia de dona Beatriz de Castro. Para contar a súa fuxida do mosteiro, espíndose diante das abadesas e relixiosas. Como esperou unha década ata obter o favor do Papa, quen admitiu que dona Beatriz aceptou ser monxa en contra da súa vontade. E como finalmente casou e defendeu con actitude férrea un patrimonio que logo, nas mans dos seus descendentes, se foi desintegrando paseniñamente. Pero a de dona Beatriz de Castro, pese ao seu final, non deixa de ser unha historia de rebeldía e decisión.
Aldonza de Mendoza
Aldonza de Mendoza era a muller de Fadrique, o duque de Arjona, e, por tanto, cuñada de dona Beatriz. Enfrontáronse nos tribunais pola vila de Ponferrada, pero a vida conxugal de Aldonza xa estivera marcada pola violencia machista, como aconteceu con outras nobres galegas como María Pimentel de Castro e Sancha de Lobeira. “Sufriu malos tratos por parte do duque de Arjona. Incluso hai un preito que di que dona Aldonza non quería achegarse a Galicia porque Fadrique intentara envelenala. Dende aquela quedara calva e coas mans tremendo”, apunta García-Fernández. Ao parecer, o irmán de dona Beatriz tiña un carácter violento. Encerrou a dona Aldonza durante dous anos nun castelo e tomou os seus bens e xoias. Aínda que non consta que ela o denunciase, pasaron a meirande parte do seu matrimonio separados e non tiveron fillos nin fillas.
















Moi inspiradora