Un equipo da USC exhuma en Rianxo a dous represaliados da violencia golpista en 1936

Manuel Piñeiro e Francisco López foron fusilados na parroquia de Asados con apenas un mes de diferenza

Historiadores, antropólogos forenses, arqueólogos e xenetistas seguen a pescudar sobre o pasado de violencia en Galicia. Unha nova campaña realizada polo grupo HISTAGRA-CISPAC-USC comeza este luns 27 en Asados (Rianxo) coa exhumación dunha fosa que se atopa no propio adro da igrexa de Santa María de Asados na que xacen dúas vítimas da violencia golpista de 1936. Ambos foron ‘paseados’ (eufemismo utilizado nos fusilamentos na represión) cun mes de diferenza, aproximadamente.

Unha das vítimas é Manuel Piñeiro Abeijón, veciño de Boiro que o 14 de agosto de 1936 foi ‘paseado’ no alto da Paradegua para logo os golpistas abandonar o seu corpo sen vida na estrada próxima á igrexa de Asados. A outra, Francisco López Pérez, veciño da parroquia de Taragoña que tamén foi fusilado no mesmo lugar o 12 de setembro de 1936 e despois levado a un sitio próximo á igrexa.

Publicidade

A campaña continúa en Luou

Unha vez rematados os traballos en Rianxo, a campaña de estudo e exhumación de novas fosas trasladarase o 10 de novembro a unha fosa da resistencia guerrilleira antifranquista emprazada no cemiterio da igrexa de Santa María de Luou (Teo). Alí atópanse os restos de catro membros da V Agrupación comandada por Benigno Andrade, o “Foucellas”. En concreto, nesta fosa foron inhumados Ricardo Fernández Carlés, natural de Pontecesures; Florentino Menéndez Palacios, natural de Peñarrubia (Sama de Langreo); Manuel Agrasar Cajaraville, o “Barbarroxa”,  natural da Matanza (Iria Flavia, Padrón); e Vicente López Novo, co alcume de “el hijo de la Nova”, natural de Santa Uxía de Ribeira. 

No informe histórico preliminar estanse a analizar as diferentes fontes e relatos que conducen a diversas hipóteses sobre o acontecido durante o enfrontamento que tivo lugar o 19 de maio de 1948 no lugar de Loureiro, parroquia de Luou. Ese enfrontamento resultou na morte deles catro máis dun garda civil. Lograron escapar, pola parte da resistencia, “Foucellas” (Benigno Andrade) e Xosé Ramuñán Barreiro.

Publicidade

As actuacións de 2025

Logo dos traballos en Rianxo e Teo, a campaña deste ano continuará coa investigación histórica da fosa de Riberias de Sor (Mañón). Así mesmo, procederase coas labores de recoñecemento nos espazos de defunción das campañas pasadas.

Por parte da USC, a través do Grupo Histagra, o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o doutor en Historia e profesor Antonio Miguez Macho coordinan un equipo de investigación formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses ‘Luis Concheiro’ dirixido por María Victoria Lareu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos