En Cerceda, nun bosque de ribeira na provincia da Coruña, nace o río Barcés, un afluente do lago Meirama que contribúe a enriquecer a biodiversidade da zona. En boas condicións de conservación, este río é obxecto de estudo dun equipo da Universidade da Coruña (UDC), quen identificou nel novas poboacións de especies vexetais ameazadas e de interese, entre as cales se atopan catro incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
O artigo derivado desta investigación, desenvolvido polos investigadores Eva Martínez Veiga, Iván Rodríguez Buján e Jaime Fagúndez, enmárcase no proxecto sobre o bosque de ribeira do Barcés, dirixido por este último e a profesora María José Servia, e promovido e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible.
Factores como a dinámica hidrográfica, a orografía ou a orientación fan que, nun río relativamente curto como o Barcés, exista unha destacable diversidade de ambientes. “Dende os tramos altos, de maior pendente e umbría, ata os tramos máis baixos, onde o curso corre máis lento, desenvólvese unha rica comunidade de bosque de ribeira“, explica Jaime Fagúndez, un dos membros do persoal investigador.
Unha rara distribución
Neste ecosistema, os investigadores da Universidade da Coruña identificaron 18 especies de plantas vasculares de especial interese, varias das cales presentan unha distribución pouco común, xa que se atopan fóra das zonas onde adoitan ser máis frecuentes.
Un exemplo destacado é o allo ursino (Allium ursinum), unha planta herbácea que normalmente medra en bosques das áreas montañosas do interior. “Cara ao Courel é unha especie frecuente, pero resulta moito máis rara nas zonas costeiras“, explica Jaime Fagúndez.
Tamén se localizaron outras especies, como certos fentos que adoitan vivir unicamente en bosques con condicións de umbría para protexerse da insolación. Dalgúns deles xa existían citas no río Mero, no que desemboca o Barcés. Con todo, Fagúndez sinala que neste hábitat existe unha boa representación destas especies, o que lle confire un notable valor para a conservación.
Novidades para Galicia
Non só se atopan especies fóra do seu hábitat habitual dentro da propia comunidade. O alopecuro dos prados (Alopecurus pratensis) é unha especie pouco coñecida nas ribeiras do Cecebre, característica dos prados de sega e presente principalmente nas zonas do interior de Galicia. “Non había citas previas na provincia da Coruña”, sinala o profesor titular no Departamento de Bioloxía da UDC, Jaime Fagúndez. O equipo localizou exemplares nos prados húmidos das marxes do río Barcés.
O traballo tamén documenta unha novidade para a Península Ibérica: Silene × hampeana, un híbrido natural das especies S. dioica e S. latifolia. Algunhas das especies identificadas están asociadas a bosques caducifolios ben conservados, normalmente en áreas de montaña, como é o caso do ornitógalo pirenaico (Ornithogalum pyrenaicum) ou da polpaxunta (Sanicula europaea). Outras, como o heléboro fétido (Helleborus foetidus), prefiren solos neutros ou básicos, pouco comúns na contorna.

Segundo Fagúndez, esta distribución atípica pode explicarse por diferentes factores. Por unha banda, podería indicar que o río Barcés mantén un mellor estado de conservación ca outros da zona. Por outra, a combinación de elementos como a umbría, a orientación norte ou a microtopografía podería crear condicións especialmente favorables. “Isto pode facer que algunhas especies pervivan aquí, mentres que noutras zonas próximas desaparecen pola falta de condicións adecuadas”, explica o investigador.
Flora ameazada nun hábitat ben conservado
Especies de fentos como Dryopteris guanchica ou Vandenboschia speciosa son exemplos de flora que require condicións ambientais moi específicas para prosperar en ríos como o Barcés. Outras, como o Narcissus minor L. e a súa subespecie narciso de Asturias (Narcissus asturiensis), adoitan medrar en zonas de montaña, aínda que preto da costa tamén poden desenvolverse en áreas de ribeira ben conservadas.
“Trátase dun hábitat ben preservado, que reúne unhas características fisionómicas e microclimáticas concretas“, explica Jaime Fagúndez. Son precisamente esas condicións as que permiten que estas especies poidan sobrevivir neste entorno.
Porén, a pesar do bo estado actual, o investigador lembra que nas zonas costeiras a destrución dos bosques e a intensificación do uso do solo foron historicamente moito maiores. “Eses bosques que antes podían ser máis comúns na nosa paisaxe están hoxe moi reducidos”, sinala o biólogo da UDC. Así, noutro contexto, estas especies non serían tan raras na costa se os bosques autóctonos se conservaran mellor.
Elemento de conectividade ecolóxica
Sendo fogar dunha grande biodiversidade, cómpre preguntarse se o Barcés podería actuar como corredor ecolóxico que favoreza a protección de determinadas especies. “O noso obxectivo é que este espazo contribúa á conservación das especies de interese e evitemos a súa destrución”, explica Jaime Fagúndez.
Con esta idea, o equipo de investigación propón reforzar a figura de protección, de modo que o Barcés poida integrarse como un dos espazos protexidos de Galicia. Unha das opcións sería ampliar a Zona de Especial Conservación (ZEC) do encoro de Abegondo-Cecebre para incluír este tramo de río.
O río Barcés é, de feito, un dos principais afluentes deste encoro, que abastece de auga potable á poboación da Coruña. “Calquera sistema que poidamos deseñar para garantir unha mellor calidade da auga é positivo, e os bosques de ribeira contribúen a mantela en boas condicións”, subliña Fagúndez. Ademais, estes bosques actúan como amortecedores naturais, reducindo os efectos da contaminación, estabilizando as temperaturas e favorecendo o equilibrio ecolóxico do entorno.
Así, á súa relevancia ambiental e para a saúde humana, engádese o seu valor ecolóxico estratéxico, o que reforza a proposta de ampliar a área da Rede Natura 2000 asociada ao encoro de Cecebre.














