Pontevedra enfronta un novo reto: destapar e renaturalizar o tramo urbano do río Gafos, un proxecto que cambiará radicalmente a fisionomía do barrio de Campolongo, por onde discorre o leito baixo o actual paseo de Valle-Inclán, que será demolido para dar paso a un parque fluvial, nas marxes dun río que estreará novas ribeiras.
A re-naturalización do río Gafos —en fase de licitación— enmárcase no Proxecto de re-naturalización, mellora da biodiversidade e incremento da resiliencia urbana de Pontevedra que impulsa o Concello de Pontevedra, en agrupación coa Universidade da Coruña (UDC), e en colaboración coa Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición ecolóxica e reto demográfico (Miteco).
A canalización subterránea do río Gafos en Campolongo —486 metros lineais que discorren entre as rúas Alcalde Hevia e Xeral Rubin— é froito dun plan de expansión urbanística da cidade da década dos 60 do século XX, cuxa única preocupación era a construción de vivendas e equipamentos. As consideracións ambientais eran, entón, escasas ou nulas. O enterramento de ríos era unha práctica habitual, sen irse moi lonxe está o caso do río Lameira en Marín ou o Lagares en Vigo.
A pesar da escasa conciencia ambientalista, a canalización do Gafos xerou ao momento contestación social: primeiro foron pescadores e veciños ribeiregos os que alertaron da deterioración da calidade das augas do río —que nace en Figueirido (Vilaboa) e desemboca na ría de Pontevedra— a causa das verteduras incontroladas e da perda de biodiversidade. Unhas queixas e denuncias que nunca deixaron de existir. Con todo, foi entrando o século XXI cando a defensa do Gafos organizouse e se constituíu a asociación Vaipolorío, creada por veciñas e veciños de Pontevedra e Vilaboa co obxectivo declarado de recuperar o río.
Nos seus 25 anos de existencia realizaron campañas anuais de limpeza do leito, en solitario ou con voluntarios de distintos colectivos sociais. Foi a súa primeira acción e a que lles deu a coñecer. “Pronto nos demos conta, analizando modelos europeos, que se queriamos recuperar o río había que poñelo en valor e dar a coñecer o seu patrimonio natural e cultural e fixémolo coa publicación de catálogos e estudos de flora, fauna, toponimia, insectos…”, explica Gonzalo Sancho, presidente de Vaipolorío.
A asociación organiza tamén roteiros guiados para escolares, asociacións ou público en xeral e co paso dos anos converteuse nun “axente social”, ao que interpelan administracións, empresas e entidades cando queren avaliar proxectos relacionados co río.
Proxecto e obxectivos
O proxecto de re-naturalización do Gafos, redactado polas arquitectas Laura Alonso e Clara González da empresa CALCO Territorio e Urbanismo SCP- conxuga a des-canalización coa restauración ecolóxica do río e persegue tres grandes obxectivos:
—Integrar o leito no espazo urbano existente, aumentar a anchura para mellorar o funcionamento hidráulico e reducir o risco de inundación.
—Incrementar a calidade paisaxística e a sensación de benestar, adaptando os espazos públicos ás necesidades sociais e ambientais de Pontevedra.
—Recuperar a vexetación autóctona, a través dun novo bosque de ribeira, que actúe como un corredor ecolóxico e contribúa a aumentar a biodiversidade e a resiliencia urbana.
A intervención na contorna do Gafos afectará a unha superficie de 21.900 metros cadrados. O seu deseño final respectará as formas suavizadas do leito fluvial, ao redor das que haberá espazos de paseo, esparexemento, actividade e descanso, compatibles cos numerosos usos da zona, onde hai centros educativos, deportivos, parques infantís e unha igrexa. Tres novas pasarelas peonís cruzarán o Gafos en Campolongo, unha delas funcionará como unha praza sobre o río.
Retirarase a cuberta e o caixón de formigón polo que discorre o río, que unha vez executado o proxecto, terá, ao seu paso por Campolongo, un mínimo de 7 metros de anchura e nalgún punto chegará aos 23, onde haberá unha zona inundable para conter riadas e mellorar a xestión da auga na zona.

O novo eixo central do Gafos permitirá conservar o 95% dos exemplares do arboredo maduro e con boas condicións fitosanitarias. Ademais plantaranse 98 novas árbores, duplicando a masa arbórea actual, 290 plantóns de salgueiro, creando uns 700 metros cadrados de zonas de sombra e habilitarase un espazo de 3.100 metros cadrados de zona de arbustos e 690 metros cadrados de pradería natural. Será vexetación propia de ribeira, cunha maioría das especies que se poden atopar río arriba.
Vaipolorío aplaude a “liberación” do Gafos, unha demanda posta enriba da mesa o albor do século e sostida no tempo pola asociación, pois como indica Gonzalo Sancho “un río tapado é un río sen vida, unha canle de auga”. Camiño de acadarse o destape do tramo urbano do Gafos, Vaipolorío xa ten no horizonte un novo obxectivo: a contaminación 0.


















Noraboa aos implicados, mentres a Xunta desaparecida en combate, nin está nin a esperan. Rueda de Vil, inútil!