Co outono, os primeiros cogomelos comezan a agromar nos montes galegos, marcando tamén o inicio da tempada das rutas micolóxicas para recoller estes fungos con sombreiro. Porén, como adoita ocorrer na natureza, cómpre ser prudentes: existen moitas especies comestibles, pero tamén outras especialmente perigosas e tóxicas.
“Penso que hai máis cogomelos que non son tóxicos”, explica Nicanor Floro Andrés Rodríguez, doutor en Farmacia e membro do Grupo Micolóxico Galego. Así, aínda que algunhas especies non resultan velenosas, tampouco son aptas para o consumo pola súa dureza, sabor ou textura. É o caso dalgúns cogomelos que medran sobre a madeira das árbores, coñecidos como coriáceos pola súa consistencia semellante ao coiro.
Floro Andrés tamén aproveita para desmentir un mito estendido: o de que os cogomelos máis perigosos son sempre os de cores máis rechamantes. “A Lepista nuda ten unhas cores azuladas fermosas e é perfectamente comestible”, sinala, lembrando tamén o caso da Amanita caesarea, de cor amarela. Así, confirma que non hai ningunha relación entre apariencia e toxicidade.
O problema real, explica, é que moitas especies carecen de mecanismos de advertencia visual e poden parecer inofensivas. “A Amanita phalloides pode confundirse con exemplares do xénero Tricholoma, pola súa tonalidade amarronada”, apunta o micólógo. Pero, entón, cales son os cogomelos máis perigosos de Galicia segundo a súa frecuencia e toxicidade?
Abundante e frecuente: Amanita phalloides
O seu nome popular, cacaforra da morte, xa dá algunha pista. Esta especie do xénero Amanita é moi abundante en Galicia e frecuente nos bosques, especialmente nos caducifolios. “Eu mesmo a teño visto moitas nos xardíns diante da Facultade de Farmacia de Santiago”, advirte Nicanor Floro Andrés.
A pesar de ser coñecida como un dos cogomelos máis mortíferos para os humanos, continúa provocando intoxicacións cada tempada. Trátase dunha especie que contén principios activos hepatotóxicos, capaces de danar gravemente o figado e os riles, e que poden causar fallo hepático nos casos máis graves.
Floro Andrés explica que un dos perigos engadidos é o seu longo período de latencia: “Os efectos poden manifestarse pasadas incluso as 12 ou 24 horas despois da inxestión“. Isto significa que, aínda que no momento de consumir o cogomelo non se perciba nada anómalo, horas despois comezan os malestares dixestivos intensos.
A súa perigosidade increméntase pola posibilidade de confundila con especies comestibles, como Volvariella volvacea ou algúns exemplares verdes da familia Russulaceae. Ao longo da historia, a Amanita phalloides foi responsable de numerosas mortes ilustres, como o emperador romano Claudio e o Emperador de Alemaña, Carlos VI de Habsburgo.
Pequenas pero tóxicas: as pequenas Macrolepiotas
Co mesmo tipo de toxicidade que a Amanita phalloides, tamén se atopan os exemplares de menor tamaño do xénero Macrolepiota. Estas especies adoitan acadar entre 10 e 12 centímetros de altura, mentres que as máis grandes poden chegar aos 30 ou 40 centímetros.
Entre as máis tóxicas destacan a Lepiota helveola e a Lepiota cristata, coñecida popularmente como choupín fedorento polo seu cheiro desagradable. Mesmo entre ambas existen difernzas: a primeira presenta tonalidades máis escuras, está cuberta de pequenas escamas case en toda a súa superficie e ten a carne con reflexos avermellados.

Estas especies son tamén hepatotóxicas. A súa aparencia inofensiva e tamaño reducido fan que se confundan con facilidade con cogomelos comestibles como os champiñóns (Agaricus campestris). “En Galicia tense rexistrado algún episodio de intoxicación”, alerta o experto.
Comestibles ou non? As arañeiras da morte
O experto do Grupo Micolóxico Galego advirte de que os cogomelos do xénero Cortinarius poden resultar perigosos, especialmente o Cortinarius orellanus, coñecido popularmente como arañeira da morte.

Trátase dun fungo de sombreiro pequeno, de entre 3 e 8 centímetros de diámetro, cunha cor que varía do amarelo alaranxado ao pardo avermellado, o que lle confire un aspecto aparentemente inofensivo.
Con todo, é un cogomelo moi tóxico. A súa toxina principal, a orellanina, ataca directamente aos riles e pode provocar un dano renal severo. Pero o máis traizoeiro é o seu período de latencia: os síntomas poden tardar varios días, e ás veces ata tres semanas en aparecer. Cando isto sucede, o tratamento médico xa non adoita ser eficaz.
En Galicia, a Cortinarius orellanus é relativamente frecuente baixo cerquiños (Quercus pyrenaica) e castiñeiros (Castaneasativa), onde fructifica durante o outono.
Consellos para principiantes
Co inicio da tempada de cogomelos, moitas persoas deciden achegarse aos montes en busca destes pequenos tesouros do outono para degustalos logo na mesa. Pero, antes de encher a cesta, cómpre ter presente un principio básico: non todo o que medra baixo as árbores é comestible. “Hai que coñecelos ben e sabelos distinguir”, advirte Nicanor Floro Andrés.
O experto ofrece unha serie de recomendacións para quen se inicia na recollida de cogomelos:
—A prudencia, o primeiro. Recoller só os cogomelos perfectamente coñecidos, sen ningunha dúbida. Un erro de identificación pode ter consecuencias graves.
—Formarse e observar. É recomendable informarse, estudar, asistir a exposicións e participar en xornadas micolóxicas, para coñecer exemplares reais e aprender as diferenzas entre especies.
—Saír acompañado. As primeiras saídas ao monte deberían facerse con persoas expertas en micoloxía.
Así, cun pouco de precaución, curiosidade e respecto pola natureza, é posible gozar da tempada micolóxica galega sen riscos.













