Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos

Chegamos ao outono, unha estación que muda por completo todas as paisaxes. Damos de lado as cores do verán para tinguir as rúas de vibrantes amarelos, laranxas e vermellos. Ademais, o outono trae unhas condicións meteorolóxicas idóneas para a proliferación destes fungos, polo que é a estación do ano na que máis especies agroman. A continuación, mostrámosche os cogomelos máis particulares que podemos atopar en Galicia.

Dedos do demo ou cogomelo polbo

Dedos do demo cos seus tentáculos agromando desde a terra.

Imaxina estar a camiñar polo monte e, de súpeto, atopar uns tentáculos de polbo pestilentes que parecen agromar da terra. Seguramente estás ante un exemplar de Dedos do demo ou cogomelo polbo, dous dos nomes comúns da Clathrus archeri. Nas súas primeiras etapas, estes fungos teñen unha estrutura ovoide, que nun primeiro momento está case enterrada no solo e logo comeza a abrirse pouco a pouco dando lugar a varios tentáculos, ao xeito dos dun polbo ou con aparencia de estrela de mar.

Publicidade

Ademais, aínda que é certo que o seu aspecto é sorprendente, tamén o é o seu particular cheiro. Este fungo desprende un intenso ulido que se asemella ao da carne ou marisco ao podrecer, o que é unha das claves da súa propagación. Aínda que esta especie é moi particular, nos últimos anos está a ser máis común atopala polos montes de Galicia e, en parte, é por esa pestilencia que atrae a numerosos insectos que se converten nos principais aliados para espallar as esporas.

Nos últimos anos, de feito, estase a denominar como “invasora” pola súa rápida expansión en certas áreas localizadas de Galicia. Non obstante, non hai aínda probas de que este cogomelo sexa invasor; “para que así fora, tería que estar modificando de xeito negativo as zonas nas que aparece. Polo momento, non semella que estea a desprazar outras especies, e a súa aparición en Galicia parece que está relegada a zonas alteradas polos humanos”, confirma Mauro Rivas, investigador da Universidade de Vigo (UVigo).

Dedos de home morto

Xylaria polymorpha. Foto: Wikimedia Commons.

Xylaria polymorpha é un fungo que simula os dedos dun cadáver. Aliméntase da madeira en descomposición ata adquirir a forma duns dedos que emerxen de debaixo da terra. Ver esta especie non é moi bo presaxio, xa que está a indicar que ese monte ou esa árbore na que se atopa está a morrer.

Os fungos do xénero Xylaria son bastante habituais en zonas de monte con árbores vellas. Ademais trátase dun xénero moi diverso que conta con máis de 500 especies. Segundo explica Rivas, é complexo de identificar e ten diversos usos como, por exemplo, en ebanistería —onde se usa para crear de xeito natural patróns reticulados de cor negra na madeira—; ou, por outra banda, para mellorar a calidade do son dalgúns instrumentos de corda.

Antuca de sangue, de cores vibrantes e con sorpresas no interior

Antuca de sangue coñécese por este nome polo líquido vermello que agroma do seu interior. Foto: Wikimedia Commons.

Mycena haematopus é o nome desta especie de cogomelo saprotrófico que é relativamente habitual en carballeiras e soutos antigos. Medra sobre tocóns ou en grandes ramas caídas. A peculiaridade deste cogomelo é que, ao cortalo, segrega un látex de consistencia e cor similar ao sangue.

Orella de Xudas

Orella de Xudas cunha forma moi particular e é comestible. Foto: Wikimedia Commons.

Outro particular exemplar de fungo é a orella de Xudas, Auricularia auricula-judae. Este cogomelo ten forma de orella e está presente nas catro provincias galegas. É un cogomelo saprotrófico que descompón madeiras, principalmente de planifolias (sabugueiro, freixo, ameneiro, carballo, etc.). 

Para quen empregue as excursións ao monte para coller cogomelos, trátase dun cogomelo xelatinoso de cor marrón, comestible (para quen lle guste a textura) e moi apreciado na cociña oriental.

Pode parecer un niño, pero é un cogomelo

Os niñais poden pasar desapercibidos polo seu pequeno tamaño. Foto: Wikimedia Commons.

Con todo, non todos os cogomelos con referencias a animais ou ao corpo humano son terroríficos. Tanto a orella de Xudas como os niñais, nome común da especie Cyathus striatus, teñen unha apariencia agradable. Esta especie de cogomelos ten forma de copa ou niño, con peridiolos que semellan os “ovos”, e con forma de disco no que se atopan as súas esporas. Debaixo hai unha estrutura con forma de resorte que reacciona á humidade, o que provoca que os peridiolos sexan disparados a grande velocidade para a dispersión das esporas. A pesar de ser moi común en bosques de frondosas, pode pasar desapercibida baixo a follaxe, servíndolle de camuflaxe, xa que son de moi pequeno tamaño.

Parasol, un cogomelo particularmente grande

Macrolepiota procera un exemplar particularmente grande.

O parasol nunca terá o problema dos niñais xa que destaca polo seu gran tamaño. A Macrolepiota procera, tamén coñecida comunmente como parasol, frutifica de verán a finais de outono en céspedes, prados ou xunto a camiños. Este particular fungo ten un pé moi fino e pode medir ata 40 centímetros. Normalmente mide uns 20-30 cm por 2-3 cm de ancho. É de cor crema pero ten unhas manchas atigradas marrón escuro que dan unha sensación de pel de serpe. A diferenza dos téntaculos de polbo, esta ten un cheiro moi agradable a froitos secos; lembra á noz ou á abelá.

É un fungo comestible que se pode engadir a múltiples receitas. Con todo, débese ter moito coidado xa que neste caso o tamaño vai ser a clave. Existen especies desta mesma familia que son de menor tamaño e que son tóxicas… e tamén perfectamente capaces de causar a morte a quen as consuma. Para poder diferencialas, unha característica particular desta especie é que teñen un anel dobre que, cando seca un chisco, pódese mover de arriba cara a baixo, e o pé ten un patrón cebreado en zigzag tamén moi característico.

Nomes con referencias ao ceo: Estreliñas da terra

As estrelas de terra (Geastrum e Astraeus) son un tipo de “peidos de lobo” ou gasteromicetos no que as esporas se producen no interior dun saco, e son liberadas en cantidades inxentes ao aire para a súa dispersión. A súa peculiaridade reside en que o “saco” (peridio) no que se producen as esporas se divide en dúas partes: un endoperidio esférico que contén as esporas, de forma redonda; e un exoperidio duro e coriáceo que se separa do endoperidio e se expande formando a característica “estrela” que lles dá nome.

Cogomelos que brillan na escuridade

O Panellus stipticus ten unha particularidade que probablemente non poderás apreciar durante o día. Esta especie de cogomelo saprófito é moi similar na súa forma ao cogomelo de ostra (Pleurotus ostreatus) pero considerablemente máis pequeno en tamaño e de textura coriácea, ademáis non é considerado comestible. Esta especie medra en grupos grandes e a súa característica máis destacable é que é bioluminiscente, emitindo unha “luz” de cor verde de noite, principalmente nas zonas das láminas e do pé.

Parasito dun fungo!

Coñecemos os fungos que parasitan as árbores e as plantas, e incluso coñecemos seguramente aos Cordyceps, parasitos de insectos… Pero tamén existen os fungos parasitos de fungos. Neste caso, Asterophora lycoperdoides é o aproveitado no reino dos fungos. É un parasito de netorras (xénero Russula) que aparece despois de grandes frutificacións de Russula no outono. Este pequeno fungo pode enganar porque ten forma de cogomelo. E é aínda máis curioso, xa que pese a ter unha apariencia moi similar ao champiñón, non ten láminas desenvolvidas. Polo que, para reproducirse, faino mediante esporas asexuais que libera pola parte superior do seu chapeu.

Para os amantes da gastronomía

Hai uns anos fíxose unha tentativa de cultivo de Trufa negra (Tuber melanosporum) mais, por desgraza, é un cogomelo que precisa de solos alcalinos e en Galicia o solo é moi ácido. Tanto Mauro Rivas como José María Trabas, presidente da Federación Galega de Micoloxía son coñecedores desta experiencia, pero ningún sabe o destino desa proposta. José María Trabas comenta que si que se toparon algunas especies de Trufa de verán (Tuber aestivum), que por iso están no rexistro da páxina web da Federación Galega de Micoloxía, pero ningunha da afamada trufa dos chefs.

Russula virescens moi saborosa é de fácil elaboración. Foto: Wikimedia Commons.

Non obstante, si que podemos atopar especies moi saborosas e comestibles nos montes galegos. É o caso da Russula virescens, comunmente coñecida como seta do cura. É considerado como un dos mellores cogomelos comestibles do xénero Russula e​ é moi popular en España e China. Cun sabor descrito como suave, amendoado, afroitado ou doce, pódese cociñar á grella, frito, salteado ou consumido cru. Non é moi coñecida entre a cidadanía pero o seu sabor merece a pena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Case o 20% da poboación galega consome alcol a diario

Un estudo publicado por investigadores da USC determina as tendencias de consumo e os factores sociais e culturais que provocan o alcolismo

Denuncian que o poste dun pantalán leva máis dun mes na praia de Carril

Limpiarousa e Noia Limpa advirten que está composto por "materiais contaminantes" e acusan falta de compromiso ás administracións

Faneca, lirio, xurelo e pescada: os catro piares da dieta da toniña en Galicia

Un estudo do IEO e da UVigo analizou o contido estomacal de 72 cetáceos varados no litoral galego entre 1990 e 2018

Un Vesubio en Galicia? O supervolcán que arrasou o norte peninsular hai 475 millóns de anos

Ollo de Sapo é unha formación xeolóxica situada no concello de Monfero, que se creou a raíz dunhas erupcións colosais no período Ordovícico